NOTICIA

----

As características da comunicación científica na COVID-19 debátense este xoves en directo

Este xoves pola tarde terá lugar ás 18:00 horas, en directo, o debate público da xornada “A comunicación da ciencia en tempos de pandemia”. Unha cita organizada pola Sección de Ciencia, Natureza, Tecnoloxía e Sociedade do Consello da Cultura Galega que analiza o exceso e os riscos da comunicación e da información xerada arredor sobre a propagación de virus, a elaboración de vacinas… e todas as novas relacionadas coa COVID-19. A cita está coordinada pola xornalista Iolanda Casal e conta coa participación de figuras como o filósofo e matemático Javier Echeverría, a xornalista Pampa García, a profesora e científica Gema Revuelta, máis a investigadora Sonia Villapol.

Por mor da situación sanitaria, a xornada desenvólvese completamente a través da rede. Os relatorios de todas as persoas participantes, foron gravados previamente e postos a disposición do público no sitio web e nas canles de difusión do Consello da Cultura Galega. Este xoves 4 de febreiro, todos eles están convocados ás 18:00 horas para debater co público (que pode intervir en directo ou por correo electrónico) sobre os diferentes temas avanzados nos relatorios. Desde que a OMS elevou a situación de emerxencia sanitaria provocada pola COVID-19 a pandemia internacional o volume de información sobre o tema disparouse. A urxencia e rapidez da información, o cambio da relación entre os científicos e os divulgadores, a multiplicación de fontes informativas, a necesidade de verificalas son algunas das cuestión que as persoas participantes destacaron nos seus relatorios.

Javier Echeverría Ezponda, filósofo, matemático e Premio Nacional de Ensaio falou na súa intervención da necesidade de diferenciar entre ciencia e tecnociencia. “A ciencia desenvólvese en ámbitos académicos e a tecnociencia nos sistemas de I+D+i, que buscan a rendabilidade económica, empresarial, política e, por suposto, tamén social” apuntou na súa intervención. Situou a diferenciación no contexto actual do xornalismo continuado no que “os xornais xa non son diarios, senón que se actualizan constantemente e xa é outro modelo de periodismo”. Na súa opinión, o exceso de información, individual e tóxica, é infodemia e leva á intoxicación, que é o que se coñece como infoxicación. Neste panorama, onde a comunicación das tecnociencias está movido por numerosas empresas, Echeverría propón analizar os procesos de información pero tamén “os valores e obxectivos dos axentes involucrados e prestar especial atención aos conflictos”.

Sobre o papel do xornalista durante a pandemia falou Pampa García Molina, redactora xefa da Axencia SINC. “O periodismo de ciencia, un oficio clave na pandemia” foi o título da súa intervención e explicou que o 2020 foi un ano crucial para o xornalismo de ciencia polo incremento de público, pero tamén pola súa heteroxeneidade. “Sempre existiu un interese pola ciencia, pero agora a situación está desbordada porque a cidadanía estaba ávida e sedenta de cifras: sobre a situación sanitaria pero tamén sobre aspectos específicos como PCR, infección, reinfección, a física dos aerosois, sobre historia da ciencia, sobre epidemioloxía, desenvolvemento de vacinas…”. Para ela, unha das claves do traballo científico é a urxencia na demanda da información. “A ciencia non é monolítica, senón que é un proceso en consenso… e moita xente na pandemia, que buscaba respostas inmediatas na ciencia, descubriu que non era así e acabou por xerar unha decepción” explicou. Os consumidores de información queren información fiable e rapidamente e polo tanto o oficio, apuntou “consiste en valorar a relevancia, comprobar a fonte, contrastala con fontes independentes, poñela en contexto e darlle o enfoque adecuado”. Aproveitou para insistir na responsabilidade dos informadores e no proceso de aprendizaxe de alfabetización científica e mediática a todos os niveis. “Creo que os científicos están a aprender a cultura mediática na pandemia” dixo Pampa. Precisamente naspecto incidiu Sonia Villapol, investigadora e profesora do Texas Medical Center de Houston e integrante do Covid International Research Group. Villapol centrou o seu relatorio na mellora da interacción entre os científicos e os xornalistas para poder facer comprensible a información.

Pola súa parte, Gema Revuelta, directora do Centro de Estudos de Ciencia, Comunicación e Sociedade (Universitat Pompeu Fabra) e vicepresidenta da Asociación Española de Comunicación Científica fixo un repaso sobre diferentes investigacións que apuntaron como mudou o contexto histórico e o discurso sobre as mudanzas na comunicación. Na súa intervención destacou que os medios exerceron durante a COVID-19 unha función didáctica que axudou, entre outras cousas, a cambiar comportamentos moi necesarios (uso das máscaras, limpeza de mans…).

Sección de Ciencia, Natureza, Tecnoloxía e Sociedade
A organización desta xornada insírese na liña de traballo da Sección de Ciencia, Natureza, Tecnoloxía e Sociedade, coordinada por Elena Vázquez Cendón. Entre as súas áreas de actuación está elaborar materiais e recursos didácticos como é o proxecto “Álbum da ciencia”, unha completa base de datos con biografías de científicos e científicas galegas, ou a publicación de varias bandas deseñadas. Nas súas actividades destacan informes como “A divulgación da ciencia en Galicia”, que compila a variedade e calidade de iniciativas que existen no noso país para a difusión do coñecemento científico. Ángel Carracedo, Jorge Mira, Xurxo Mariño ou Marilar Aleixandre son algúns dos membros desta Sección.