----

Un audiovisual do Consello da Cultura Galega propón unha visita guiada á mostra “Afonso X e Galicia”

Neste 2021 cúmprense oitocentos anos do nacemento de Afonso X, rei de Castela entre 1252 e 1284, que tivo unha intensa relación coa cultura galega. Precisamente sobre esa relación afonda “Afonso X e Galicia”, a mostra que o Consello da Cultura Galega inaugurou o pasado 12 de xaneiro e que está pechada por mor das circunstancias sanitarias actuais. Con todo, desde hoxe está disponible para a cidadanía un vídeo que permite coñecer a exposición da man do seu comisario, Antoni Rossell. O audiovisual dura preto de 15 minutos e ofrece un percorrido guiado polo espazo expositivo que emprega documentos, testemuños arqueolóxicos literarios e musicais para achegarse ao pasado medieval galego e á figura do monarca.

O audiovisual “Afonso X e Galicia” ofrece un itinerario visual pola mostra a través da ollada do seu comisario, Antoni Rossell. En preto de 15 minutos ofrécese unha peregrinaxe intelectual e intanxible polo universo alfonsí en Galicia, pero tamén reivindica a vixencia da súa figura. O traballo audiovisual, feito por Nós TV, sintetiza aspectos da traxectoria de Afonso X, unha figura da cultura europea do seu tempo cunha visión de grande actualidade. No vídeo ofrécese un percorrido pola faceta máis humana do rei sabio, pero tamén pola moderna concepción do seu proxecto político, a universalidade e a aposta firma e decidida pola lingua galega, nunha época en que os conceptos de fronteiras eran máis difusos e permeables que os actuais.

Unha proposta narrativa multimedia
O audiovisual segue o itinerario proposto pola exposición, que permite dar conta da relevancia de Afonso X, pero sobre todo, da súa influencia na cultura galega e da vixencia do seu pensamento. Comeza situando ao monarca na súa dimensión máis humana, para despois ofrecer a vida e conflitos persoais do monarca. O percorrido segue co scriptorium afonsí, o obradoiro onde os manuscritros e as miniaturas cobran o protagonismo presentando o intenso e valioso labor científico, histórico e cultural desenvolvido polo monarca. De seguido pon de relevo o apartado músical e dos instrumentos medievais coas distintas reproducións chegadas a Compostela desde diferentes espazos.

O espazo central da mostra está dedicado ás Cantigas de Santa Maria relacionadas con Galicia. O comisario e o arquitecto encargado do deseño escenográfico explican no vídeo como foi concibido para que se vexan as Cantigas simultaneamente en seis pantallas aéreas, a modo de constelacións, facendo ese aceno ao mundo da astroloxía e astronomía tan importante para o monarca. O percorrido audioviusal, en correlación coa exposición, remata coa recreación da sociedade medieval e a vida do monarca a través das imaxes do Códice Rico do Escorial das Cantigas de Santa Maria.

Exposición na rede
A exposición volverase abrir ao público cando o permitan as circunstancias sanitarias e estará na Igrexa da Universidade en Santiago de Compostela ata o 24 de abril. A partir dese momento comezarán as itinerancias previstas e a a primeira das súas paradas será Ourense, no Centro Cultural Marcos Valcárcel.

A exposición conta cun espazo web que contén textos recitados, música e informacións da exposición física e que se irá enriquecendo con novos materiais nos vindeiros días. Entre os contidos complementarios que xa se poden consultar, figuran unha serie de entrevistas a destacados especialistas como Enrique Monteagudo, Francisco Prado Vilar, Carlos Núñez ou Elvira Fidalgo.

Un dos obxectivos da exposición está intrinsecamente vencellado ao labor do Consello da Cultura Galega de dar a coñecer o noso patrimonio. Por iso, a través do web ofrécese información doutros lugares da xeografía galega de interese das catro provincias que gardan legado medieval relacionado con Afonso X en forma de documentos, códices, pezas, esculturas moedas, xoias ou calquera outro formato.