PAXINA

----

Fondos editados

No Arquivo Sonoro de Galicia recóllese gran parte da produción musical galega, sexa editada en Galicia ou fóra (p. ex. Edigsa-Xistral en Barcelona ou Hermifono na emigración arxentina). O fondo editado do ASG está composto por máis de 10 000 exemplares en distintos formatos (cilindros de cera, rolos de pianola, cartuchos de casetes, casetes, vinilos, CD, DVD...), entre os que cómpre salientar a colección de discos de lousa, con 700 exemplares de gran valor patrimonial. As gravacións do orfeón El Eco e do coro Aires d’a Terra, de 1904, son as lousas máis antigas que se conservan.


Miro Casabella: Miro canta as súas canciós. Edigsa/Xistral. Barcelona, 1968. [ficha catalográfica]
Festas galegas. Hermifono. Bos Aires, 1965. [ficha catalográfica]



Todo este fondo está catalogado en formato marc en Koha, o sistema integrado de xestión de biblioteca que emprega o catálogo colectivo da Rede de Bibliotecas de Galicia.

Acceso ao catálogo

Para unha consulta rápida dos fondos editados, ofrecémoslles a lista-inventario. Os datos que se facilitan son: intérprete, título disco, soporte, nº currens, ano edición. A lista vai alfabetizada polo intérprete. As siglas dos soportes corresponden a: CD (compact disc), SCD (single de compact disc), SI (single vinilo), LP (vinilo longa duración), CA (casete), OO (disco de lousa ou de pasta), DVD (digital video tape), CD-DVD (compact disc + digital video tape). Estas siglas van acompañadas de –L cando o soporte audio vén complementado cun libriño.

Contidos:


Fondos discográficos por ano de edición no ASG.

Ao tratarse dunha colección de soportes discográficos editados, é a música a protagonista case absoluta desta parte dos fondos do Arquivo Sonoro de Galicia. Non obstante, tamén existen documentos editados que recollen fondos orais (contacontos, voces de persoeiros, voces literarias…).



A produción discográfica galega non é allea á situación cultural de Galicia. Nos anos 60, Voces Ceibes ten que gravar en Barcelona os seus discos baixo o selo Edigsa-Xistral, co alento, dende aquí, de Manuel María. Cos anos, xorden discográficas que favorecen a difusión da música galega, especialmente das músicas folk e tradicional, e que axudan a reivindicar e conformar os nosos sinais identitarios.

O proceso de normalización, e mesmo de globalización, que sofre a cultura galega en xeral ⸺e a música como unha das súas manifestacións⸺ comporta unha apertura e a incorporación de novos estilos musicais (rock, pop, punk, indie, blues, jazz...). Tamén a creación das dúas orquestras sinfónicas públicas (Real Filharmonía de Galicia e Orquestra Sinfónica de Galicia) resolve, aínda que polo de agora timidamente, a disposición de gravacións dos nosos compositores da chamada “música clásica ou culta”.



Dúo 2x4 (Genaro Fernández e José Manuel Yáñez): Marcial del Adalid. Integral de obras para piano a catro mans. A Coruña : Fundación Paideia, 2010 [Ficha catalográfica]


Andrés do Barro. A rapaciña, chora. Barcelona: Belter, 1974 [Ficha catalográfica]



No Arquivo Sonoro de Galicia atópase unha boa mostra de todos os xéneros musicais feitos por músicos galegos (compositores, intérpretes, produtores e técnicos). Seguimos a traballar para recompilar o amplo número de traballos discográficos que existen para que poidamos preservalos e poñelos a disposición dos nosos estudosos e investigadores.
Facemos un chamamento público para que nos axuden nesta continua procura de “vellos discos”.

E non só dos rexistros históricos. A tiraxe das edicións sempre foi, e continúa a ser, cativa. Hai lagoas que se deben emendar; por exemplo e entre outras, os traballos discográficos das nosas orquestras populares. Tamén cómpre preservar os traballos musicais que xa só se colgan na rede e non teñen soporte físico. O seu seguimento e recompilación é unha tarefa complexa e que require unha atención constante. Precisamos da súa colaboración para que non queden perdidas na rede composicións e interpretacións musicais que deben pasar á historia da música galega.
Se queren colaborar co ASG nesta ampla e perseverante recuperación do noso patrimonio musical, contacten con nós: asonoro@consellodacultura.gal.

Procedencia:

A colaboración de particulares, institucións, músicos e compañías discográficas resulta imprescindible para completar progresivamente a colección e evitar omisións, por outra parte, inescusables.
O Arquivo Sonoro de Galicia está a facer un esforzo de xestión para a recuperación de todo tipo de edicións musicais galegas (lousas, rolos de pianola, vinilos, etc.) que se atopan en mans de particulares. Contamos coa xenerosidade de coleccionistas e particulares para ir sumando documentos sonoros dun alto valor patrimonial con que aumentar a maior colección discográfica en Galicia. A nosa identidade está nesas melodías, defínennos como pobo.