O Álbum de Galicia incorpora a entrada da docente e investigadora Araceli Herrero

“O meu territorio xeográfico e simbólico é Galiza” é unha das afirmacións de Araceli Herrero (Lugo, 1948-Lugo,2020), unha coñecida profesora universitaria implicada na formación do profesorado galego. Foi unha destacada investigadora na figura de Luis Pimentel, pero tamén de Emilia Pardo Bazán e de Ricardo Carballo Calero, do que foi alumna no colexio de fingou. A súa entrada biobibliográfica é a última incorporación ao Álbum de Galicia.

Nos círculos profesionais e de amizade era coñecida como Lili e destacou por unha ampla traxectoria dedicada á investigación e á docencia. Araceli Herrero licenciouse en Filoloxía Galego-Portuguesa e en Filosofía e Letras, nesta última titulación tamén se doutorou cunha tese sobre o médico e poeta Luís Pimentel. Foi alumna de Carballo Calero no colexio de Fingoi de Lugo co que participou nalgunhas das súas experiencias pedagóxicas que contaría anos máis tarde na Revista Galega de Teatro ou en Casahamlet.

A súa actividade docente desenvolveuse no antigo Colexio Universitario de Lugo e na Escola de Formación do Profesorado da Universidade de Santiago de Compostela-campus de Lugo. Na USC dirixiu, ademais, o Departamento de Didáctica de Lingua e Literatura e acadou a súa cátedra nesta área. Pertenceu á Asociación Galega da Lingua (AGAL) e á Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG). Tamén cultivou a súa faceta poética e recibiu o Premio Nacional de Poesía dos Xogos Florais Universitarios en 1966 ou o dos Minervais en 1965 e, segundo figura na súa entrada do Álbum, deixou algunha creación inédita.

Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: desde a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa Historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país.

As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.

O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do CCG, que desde o ano 2005 teñen publicado álbums ao redor da muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.