NOTICIA

----

Unha xornada do Consello da Cultura Galega insta a concibir a cultura desde a sustentabilidade

A conversa entre o cineasta Óliver Laxe e a profesora María do Mar Pérez Fra pecha hoxe a xornada “Futuros presentes: conversas sobre a cultura e a sustentabilidade”. Esta cita organizada polo Consello da Cultura Galega (CCG) combinou relatorios teóricos con experiencias prácticas para amosar outra forma de entender a cultura desde a sustentabilidade. Todas as intervencións están gravadas e quedan a disposición da cidadanía desde o web e a canle de Youtube da institución. Ademais, nesta xornada ofreceuse un avance sobre o informe “Cultura e sustentabilidade” encargado polo CCG.

Na sesión deste venres ofrécese unha conversa entre o cineasta Óliver Laxe a profesora da USC Mar Pérez Fra coa moderación de Agar Ledo. O diálogo entre ambos leva por título “Sostibilidade cultural: poñamos o rural no centro, e nel, o recoñecido cineasta explica as claves dunha iniciativa que está a ultimar na súa aldea dos Ancares. Trátase dun proxecto de rehabilitación da casa dos seus avós, nun proxecto cultural e agricultural de desenvolvemento rural.
Repensar a cultura en clave de sustentabilidade e non só como industria creativa era un dos obxectivos da xornada “Futuros presentes”. O coordinador desta cita, Alberto García, explicaba que “somos un país asociado á cultura sostible, á cultura amador, de base e somos un campo abonado para sacar unha liña de traballo”. E a xornada amosou que era posible e que, ademáis, queda moito por facer. O seu coordinador Alberto García considera que “estamos no inicio dun camiño no que non estamos sós, senón que hai moitas iniciativas no Estado que están a abordar estas cuestións”. Desta cita sairán unha serie de materiais orientados a axentes públicos e privados para que teñan en conta criterios de sustentabilidade nas súas accións.

Entre a teoría e a experiencia
Durante catro días, esta xornada publicou vídeos de diferentes persoas que combinaban discursos teóricos con experiencias prácticas arredor da sustentabilidade cultural. Comezou o luns coa intervención de Lluis Bonet, director do programa de xestión cultural da Universitat de Barcelona, que situou que a sustentabilidade está de moda pero para el é moito máis e apuntou a un cambio de tendencia e de paradigma. Con todo, incidiu na necesidade de ter unha estratexia porque, segundo afirmou “sen ela nón non hai sustentabilidade de ningunha maneira”.
Outro teórico, o investigador do Instituto de Historia do CSIC Jaime Vindel apuntou á necesidade de vivir doutra maneira. Na súa intervención explicou que un dos retos da cultura pasa pola transición cara ao ecosocial.

A teoría combinouse coa práctica da man de Marián Fernández que xuntou nunha mesa diferentes proxectos culturais que se están a desenvolver en Galicia. “Escolmamos catro pero deixamos fóra un montón deles, e todos moi interesantes” explicou Marián. Neste panel de experiencias falouse de Cinema Palleiriso, un festival de cinema creado nunha palleira, un festival de debuxo ao natural en Sende, ou o Festival Agrocuir da Ulla. Todos eles amosaron que existe outra forma de facer cultura, con imaxinación e tamén cunha alta dose de integración no espazo e na comunidade. Fóra desa mesa, Encarna Lago, da rede museística de Lugo, e Anabel Gulías, do concello de Pontevedra, amosaron dous proxectos diferentes promovidos por entidades públicas que teñen a cidadanía como centro da súa actividade. Benito Burgos, do Ministerio de Cultura, completou o panorama ao apuntar novas liñas de traballo públicas que pensan na cidadanía por riba das infraestruturas.

Avance dun informe necesario
Fran Quiroga presentou o avance do informe “Cultura e sustentabilidade. Repensando os xeitos de facer cultura”, encargado polo Consello da Cultura Galega. O documento, que estará listo para o segundo semestre de 2021, ten un carácter informativo cunha marcada vocación práctica. Nel identifícanse experiencias relevantes a modo de cartografía e incluirá un decálogo e recomendacións para a mellora da cultura e da sustentabilidade. Fran Quiroga explicou que “nesta primeira fase estamos a realizar unha análise de iniciativas para coñecer a diversidade desta realidade e poder extraer conclusións”.
Na súa intervención explicou que o informe é de carácter cualitativo e focaliza a súa análise a diferentes proxectos que traballan en torno á sustentabilidade e que manteñen unha serie de características comúns como o uso de recursos locais, que traballan co contexto, que teñen unha baixa pegada ecolóxica, que tecen comunidade e ofrecen un retorno á sociedade, entre outros valores.

Comisión técnica temporal de políticas culturais
Dolores Vilavedra é a coordinadora da Comisión técnica temporal de políticas culturais, entidade integrada por Marcos Lorenzo, Marián Fernández, Alberto García, Encarna Lago, Xavier Campos, Segio Lago, Agar Ledo e Belén Pichel. Entre as súas actividades recentes destaca o ciclo de reflexión “Xestión e políticas culturais nos concellos. Retos ante a Covid-19”, do que saíu un informe homónimo que ofrece unha ollada local, pública e de proximidade, ofrecendo un conxunto de datos imprescindible para comprender a complexidade do fenómeno que a crise sanitaria supuxo para a sociedade galega en xeral, e para a cultura en particular.