NOTICIA

----

O ciclo “Pensarmos”, que dedicará o 2021 a reflexionar sobre a mentira, regresa con Eulalia Pérez Sedeño

“A contar mentiras” é o título que enfía as conferencias deste ano do ciclo “Pensarmos”, a proposta da Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega (CCG) que xunta cada cuarto xoves de mes a recoñecidas figuras para pensar a actualidade. “Neste 2021 traballaremos sobre as mentiras, sobre a falta de autencidade á que estamos moi afeitos e da que temos milleiros de exemplos cada día” asegura Carme Adán, coordinadora deste ciclo e tamén da sección. A científica Eulalia Pérez Sedeño abre esta primeira cita do ano co relatorio “Sexo, mentiras e neurociencia”. O martes 23 publicarase no sitio web do CCG a súa intervención previamente gravada e o xoves 25 ás 18:00 horas a propia Eulalia dialogará en directo con Carmen Lema Devesa e Carme Adán.

Eulalia Pérez Sedeño é profesora de Investigación en Ciencia, Tecnoloxía e Xénero no Instituto de Filosofía do CSIC e catedrática, en excedencia, de Lóxica e Filosofía da Ciencia da UPV/EHU. Ten unha ampla carreira investigadora e é unha voz autorizada para falar das fakenews e das mentiras no ámbito científico. O seu relatorio titúlase “Sexo, mentiras e neurociencia” e estará a disposición da cidadanía o vindeiro martes 23 desde as 10:00 horas. O xoves 25 de febreiro ás 18:00 horas, Carmen Lema Devesa, licenciada en Medicina e Cirurxía pola USC e especialista en neuroloxía, xunto coa coordinadora do ciclo Carme Adán, manterán un debate en directo con Eulalia que se pode seguir a través do web do Consello da Cultura Galega e da canle de Youtube da institución. Todas as persoas interesadas en participar no debate poden facelo en directo ou enviar previamente as preguntas e comentarios no correo participa@consellodacultura.gal.

A contar mentiras
“Durante todo o 2021 imos dedicar o ciclo “Pensarmos” a falar sobre un concepto tan filosófico como é o da verdade, pero nós enfocarémolo sobre o que hai no fondo, a ver como se constrúen as mentiras en distintos ámbitos” asegura a súa coordinadora Carme Adán. A construcción deses discursos falsos, a súa difusión e a pervivencia en ámbitos tan dispares como o amor, a xustiza ou a ciencia é sobre o que falarán, a modo de diálogo, os diferentes participantes.

O ciclo continúa en marzo co escritor Luisgé Martín, que dialogará con Juan Tallón sobre as mentiras no amor. En abril, a psiquiatra Iria Veiga dialogará con Luisa Martínez e no mes de maio está prevista a intervención da xuíza do Tribunal de Xustiza Superior Vasco Garbiñe Biurrun. A escritora Brigitte Vasalo falará sobre a construción de alteridade, violencia e capitalismo no mes de xuño. Despois do verán o ciclo retomarase con Carlos Varela e o filósofo e escritor Juan Jacinto Muñoz.

Pensarmos
En xaneiro de 2019 a Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega puxo a andar o ciclo ”Pensarmos”, unha proposta de charlas, debates e intercambio de ideas co obxectivo de abordar os problemas da actualidade. Posverdade, fascismos dixitais, tecnopersoas, precarización da vida, perda de liberdades, huanismo dixital… son algunhas das temáticas que se trataron no marco deste foro polo que pasaron xa unha ducia de persoas como Javier Echevarría, José María Lasalle, Fernando Broncano ou Margarita Boladeras. Todas as intervencións están gravadas e pódense consultar desde o web institucional e a nosa canle de youtube.

Sección de Pensamento
Esta cita está organizada pola Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega, que coordina Carme Adán e que ten como membros a María Xosé Agra Romero, Damián Álvarez Villalaín, Jorge Álvarez Yágüez, Antón Baamonde, Ascensión Cambrón Infante, Juan J. Casares Long, Carlos Fernández Fernández ou África López Souto, entre outros. No marco da actividade desta Sección revisouse a figura de personaxes destacados no mundo do pensamento e a súa conexión con Galicia, como foron Heidegger, Albert Camus ou, máis recentemente, Karl Marx.