NOTICIA

----

A entrada de Avelino Gómez Ledo incorpórase ao Álbum de Galicia

Avelino Gómez ledo foi un teólogo que cultivou a poesía e destacou como tradutor ao galego dos clásicos grecolatinos. Foi membro correspondente da Real Academia Galega e colaborador nas revistas “Nós” e “Logos”, entre outras publicacións. Aínda que mantivo unha posición conservadora dentro da Igrexa católica, foi un defensor da lingua galega. A súa entrada acaba de incorporarse ao Álbum de Galicia.

Unha das súas facetas máis destacadas foi a de tradutor ao galego dos clásicos grecolatinos. En 1964 publicou “Os catro libros das Xeórxicas”, e en 1973, “Escolma de poetas líricos gregos e latinos voltos en lingoaxe galego”, antoloxía con poemas de Safo, Anacreonte, Teócrito, Horacio e Virxilio; ambos os dous libros foron publicados polo Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento. Traduciu, sen que se chegase a editar, “A Eneida” de Virxilio.

Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa Historia. En moitos casos seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país.

As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. É, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.

O Álbum de Galicia é o resultado da unificación de diferentes coleccións biográficas temáticas do Consello da Cultura Galega ao redor da muller, a ciencia ou a emigración, entre outras, que comezaron no o ano 2005.