NOTICIA

----

Cada xoves publicarase un itinerario para descubrir o legado de Afonso X en Galicia

Neste 2021 cúmprense oitocentos anos do nacemento de Afonso X. O Consello da Cultura Galega (CCG) celebra esta efeméride coa recuperación da figura do monarca e a súa conexión en Galicia a través de varias iniciativas. A primeira delas foi a organización da exposición “Afonso X e Galicia” que agora completa cunha serie de roteiros que percorren o patrimonio galego relacionado co legado afonsino. Cada xoves subirase á web do CCG un novo itinerario deseñado por Antoni Rossell con textos de Victoriano Nodar. A primeira desas propostas comeza hoxe cun roteiro polo occidente da provincia da Coruña.

Do castelo de Nogueirosa en Pontedeume á Igrexa de Santiago do Deán na Pobra de Caramiñal son dous dos puntos do primeiro roteiro polo legado afonsino, que transcorre no occidente da provincia da Coruña. Este itinerario percorre o territorio máis vinculado ao mar e aos ricos ecosistemas da ribeira que asistiron a un novo nacemento urbano no século XIII e que foi favorecido por reis como Afonso X.
É o primeiro dunha serie de oito roteiros xeográficos e culturais por Galicia seguindo o ronsel de Afonso X.

Desde o sitio web corporativo e nas redes sociais do CCG difundirase estes itinerarios que percorren espazos que gardan legado medieval relacionado con Afonso X en forma de documentos, códices, pezas, esculturas moedas, xoias ou calquera outro formato.

Os roteiros están ideados por Antoni Rossell, comisario da exposición "Afonso X e Galicia", mentres que os textos foron elaborados polo historiador da arte Victoriano Nodar (Viveiro, 1977), doutor en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela. Nodar é profesor do departamento de Historia Arte e Xeografía da Universidade de Vigo e un especialista en escultura románica das vías de peregrinación.

A exposición
Estes roteiros xorden como complemento do proxecto expositivo “Afonso X e Galicia”, actualmente pechada por mor das circunstancias sanitarias. A mostra permite dar conta da relevancia de Afonso X, pero sobre todo, da súa influencia na cultura galega e da vixencia do seu pensamento. Comeza situando ao monarca na súa dimensión máis humana, para despois ofrecer a vida e conflitos persoais do monarca. O percorrido continúa co scriptorium afonsino, o obradoiro onde os manuscritos e as miniaturas cobran o protagonismo presentando o intenso e valioso labor científico, histórico e cultural desenvolvido polo monarca. De seguido pon de relevo o apartado músical e dos instrumentos medievais coas distintas reproducións chegadas a Compostela desde diferentes espazos.

O espazo central está dedicado ás Cantigas de Santa Maria relacionadas con Galicia. Neste lugar poden verse as Cantigas simultaneamente en seis pantallas aéreas, a modo de constelacións, facendo ese aceno ao mundo da astroloxía e astronomía tan importante para o monarca. A exposición remata coa recreación da sociedade medieval e a vida do monarca a través das imaxes do Códice Rico do Escorial das Cantigas de Santa Maria.

Web e audiovisual
A exposición conta cun espazo web e cun audiovisual que permiten acceder ao contido amosado noutros soportes. A web contén textos recitados, música e informacións da exposición. Entre os contidos complementarios que xa se poden consultar, destacan unha serie de entrevistas a destacados especialistas como Enrique Monteagudo, Francisco Prado Vilar, Carlos Núñez ou Elvira Fidalgo.

O audiovisual ofrece un itinerario pola mostra a través da ollada do seu comisario, Antoni Rossell. En preto de 15 minutos ofrécese unha peregrinaxe intelectual e intanxible polo universo alfonsí en Galicia, pero tamén reivindica a vixencia da súa figura. O traballo audiovisual, feito por Nós TV, sintetiza aspectos da traxectoria de Afonso X, unha figura da cultura europea do seu tempo cunha visión de grande actualidade. No vídeo ofrécese un percorrido pola faceta máis humana do rei sabio, pero tamén pola moderna concepción do seu proxecto político, a universalidade e a aposta firma e decidida pola lingua galega, nunha época en que os conceptos de fronteiras eran máis difusos e permeables que os actuais.