NOTICIA

----

O especial “Historias de ida e volta” dedica esta entrega a amosar o lecer na emigración

Festas, xantares, competicións deportivas, representacións teatrais..., foron moitas e moi variadas as formas de socialización dos nosos emigrantes. Integrábanse en colectividades e sociedades a través das que organizaban actividades para pasar o tempo libre á vez que mantiñan vivos os vínculos coa terra. A quinta entrega do especial “Historias de ida e volta”, un proxecto web realizado polo Consello da Cultura Galega en colaboración coa Secretaría Xeral da Emigración, documenta as formas de lecer. Esta iniciativa pretende contribuír á difusión de materiais que custodia o Arquivo da Emigración Galega (AEG) para visibilizar o fenómeno migratorio.

Baixo o título “Vida social e tempo de lecer”, a quinta entrega do especial “Historias e ida e volta” ofrece pequenas pinceladas que amosan como era a diversión da colectividade emigrada. O especial lembra que a sociedade galega na emigración canalizaba a súa socialización a través dos centros galegos e de diferentes asociacións microterritoriais. “Son entidades societarias multifuncionais centradas no mantemento de símbolos, valores e costumes propios da nosa terra para preservar a propia identidade cultural no país de destino fronte ao colectivo nacional e a outros grupos estranxeiros que alí residen”, explícase no especial.

Preto de vinte imaxes ilustran nesta nova entrega como foi o tempo de lecer deses colectivos. A música desempeñou na emigración un dobre papel: dunha banda serviu de lembranza dos sons propios de Galicia e, da outra, era un dos actos lúdicos que servían de vía de escape á vida de traballo e aforro. Os xantares con produtos típicos galegos, combinado tamén con receitas dos países de orixe, eran outra forma habitual de pasar o tempo libre para as diferentes colectividades. E tamén o espazo perfecto para tirar fotografías que enviar aos familiares que quedaban en Galicia.
Todas as imaxes e documentos que aquí se expoñen forman parte do patrimonio fotográfico e documental que se conserva e salvagarda no Arquivo da Emigración Galega. Moitas delas proceden de coleccións particulares que a cidadanía doou á institución, un proxecto que está permanente aberto para os que queiran colaborar.

Historias de ida e volta
O Consello da Cultura Galega, en colaboración coa Secretaría Xeral da Emigración, mantén o especial “Historias de ida e volta” para dar a coñecer materiais que documentan o fenómeno migratorio. A primeira entrega deste especial explicaba o proceso de partida cunha serie de permisos e documentos que precisaron os e as emigrantes para poder saír do país. A segunda entrega centrouse no Centro Galego da Habana, símbolo do poderío e da grandeza que acadou a colectividade galega na illa ao longo dos séculos XIX e XX. A terceira entrega amosa imaxes e outros documentos dos diferentes procesos que tiveron que pasar os emigrantes no momento da chegada dos galegos e galegas a América no século XX.

Arquivo da Emigración Galega
O Arquivo da Emigración Galega é un centro que desenvolve proxectos de investigación que intentan aproximarse ao fenómeno migratorio desde os máis diversos enfoques, cun carácter netamente interdisciplinar. Entre as súas áreas de traballo está a difusión de estudos sobre o fenómeno migratorio, a través de publicacións de obras de interese cultural e científico. Está dirixido por Xosé Manoel Núñez Seixas e conta entre os seus membros con Antía Pérez, Xesús Fraga, Raúl Soutelo ou Luís Domínguez.