NOTICIA

----

Reabre ao público a mostra que afonda na relación do rei Afonso X con Galicia

“Afonso X e Galicia” é o título da exposición coa que o Consello da Cultura Galega (CCG) afonda na conexión galega do Rei Sabio cando se cumpren oitocentos anos do seu nacemento. A mostra, que estivo pechada por mor das circunstancias sanitarias actuais, reabre ao público hoxe martes 23 de febreiro no seu horario habitual. O proxecto expositivo compleméntase cun espazo web onde figuran materiais sonoros, audiovisuais e unha proposta de roteiros que convidan a percorrer o patrimonio galego en conexión co legado afonsino.

A exposición ábrese ao público na Igrexa da Universidade en Santiago de Compostela co 30% da súa capacidade. Alí estará ata o 24 de abril, momento en que comezarán as itinerancias previstas. A primeira das súas paradas será Ourense, no Centro Cultural Marcos Valcárcel.

A mostra permite dar conta da relevancia de Afonso X, pero sobre todo, da súa influencia na cultura galega e da vixencia do seu pensamento. Comeza situando ao monarca na súa dimensión máis humana, para despois ofrecer a vida e conflitos persoais do monarca. O percorrido segue co scriptorium afonsí, o obradoiro onde os manuscritros e as miniaturas cobran o protagonismo presentando o intenso e valioso labor científico, histórico e cultural desenvolvido polo monarca. De seguido pon de relevo o apartado músical e dos instrumentos medievais coas distintas reproducións chegadas a Compostela desde diferentes espazos.

O espazo central da mostra está dedicado ás Cantigas de Santa Maria relacionadas con Galicia. Neste lugar poden verse as Cantigas simultaneamente en seis pantallas aéreas, a modo de constelacións, facendo ese aceno ao mundo da astroloxía e astronomía tan importante para o monarca. A exposición remata coa recreación da sociedade medieval e a vida do monarca a través das imaxes do Códice Rico do Escorial das Cantigas de Santa Maria.

Na rede: audiovisual, audios e roteiros
A exposición conta cun espazo web e cun audiovisual que permiten acceder ao contido amosado noutros soportes. A web contén textos recitados, música e informacións da exposición. Entre os contidos complementarios que xa se poden consultar, destacan unha serie de entrevistas a destacados especialistas como Enrique Monteagudo, Francisco Prado Vilar, Carlos Núñez ou Elvira Fidalgo.

O audiovisual ofrece un itinerario pola mostra a través da ollada do seu comisario, Antoni Rossell. En preto de 15 minutos ofrécese unha peregrinaxe intelectual e intanxible polo universo alfonsí en Galicia, pero tamén reivindica a vixencia da súa figura. O traballo audiovisual, feito por Nós TV, sintetiza aspectos da traxectoria de Afonso X, unha figura da cultura europea do seu tempo cunha visión de grande actualidade. No vídeo ofrécese un percorrido pola faceta máis humana do rei sabio, pero tamén pola moderna concepción do seu proxecto político, a universalidade e a aposta firma e decidida pola lingua galega, nunha época en que os conceptos de fronteiras eran máis difusos e permeables que os actuais.

Ademais, desde o xoves 18 de febreiro comezaron a difundirse os roteiros “Afonso X e Galicia”. Son oito roteiros xeográficos e culturais por Galicia seguindo o ronsel do rei sabio. Desde o sitio web corporativo e nas redes sociais do CCG difundirase estes itinerarios que percorren espazos que gardan legado medieval relacionado con Afonso X en forma de documentos, códices, pezas, esculturas moedas, xoias ou calquera outro formato. A primeira das propostas ofreceu un roteiro polo occidente da provincia da Coruña.