NOTICIA

----

O Consello da Cultura Galega visibiliza o legado de Rosalía de Castro no día do seu nacemento

A poeta e narradora Rosalía de Castro é a escritora máis canónica da literatura galega. Cada 24 de febreiro, día do seu nacemento, a cultura galega pon o foco sobre a vixencia da súa figura e do seu legado. A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, participa no acto no Parlamento de Galicia que abre as celebracións convocadas neste día. Ademais, o CCG difunde desde a súa web corporativa un especial que agrupa os contidos de diferentes propostas e actividades desenvolvidas por esta institución ao redor da figura de Rosalía.

As nove e media da mañá comezan os actos institucionais en homenaxe a poeta e narradora máis célebre da nosa cultura. A presidenta Rosario Álvarez, participa no acto simbólico que se pode seguir en directo desde o web do Parlamento e no que se prantará unha filla da “Figueira de Rosalía”.

Un especial web
Baixo o título de “Sempre Rosalía” o Consello da Cultura Galega recupera un especial web que aúna moitos dos contidos xestados nesta institución e que pretenderon afondar e ofrecer novas lecturas sobre a a poeta e narradora. Entre eles destacan os diferentes volumes que compilan os resultados dos congresos internacionais celebrados en 1985 e en 2013.

No Álbum de Galicia figura unha completa entrada que inclúe, alén da súa biografía elaborada polo grupo de investigación Rosalía de Castro, vídeos, audios, epístolas e varias publicacións.

No marco do proxecto epístola pódense consultar cartas que amosan a cara íntima da poeta do Rexurdimento. Entre elas tamén está a carta escrita en 1886 e dirixida a José Villaamil que foi descuberta en 2020.

Que o primeiro gran libro poético de Rosalía de Castro leve o nome de “Cantares Galegos” ten unha intención explícita de vindicación da patria e de enxalzamento da súa cultura e das súas xentes. Moitos destes cantares tiñan unha raíz popular. Como o libro carecía do oportuno libreto musical, malia a constante invocación ao canto, o Consello da Cultura Galega editou en 2013 un recital poético musical no que unha serie de compositores puxeron partitura aos poemas da escritura. Neste mesmo ano, en que se celebraba os 150 anos da edición de “Cantares Gallegos”, nove poetas galegas cantaron e homenaxearon a Rosalía de Castro, nun íntimo e persoal diálogo cos seus versos aurorais. Foron Lupe Gómez Arto, Luz Pozo Garza, María Xosé Queizán, Olalla Cociña, Xiana Arias Rego, Yolanda Castaño, Estíbaliz Espinosa, Lorensa Souto e Ana Romaní. Aquel recital foi gravado, transcrito e difundido como publicación. Neste ano en que se lle dedica o Dia das Letras Galegas a Xela Arias, tamén se visibiliza o audio de Xela recitando un poema dedicado a Rosalía.

Entre os contidos do especial hai tamén documentos sonoros. Da man do Arquivo Sonoro de Galicia difúndese unha grabación de 1959 dunha ofrenda a Rosalía no Centro Galego de Bos Aires no que participaban Ramón Otero Pedrayo, Eduardo Sánchez Millares e Xosé Mosquera Pérez.