NOTICIA

----

Incorpórase ao Álbum de Galicia a entrada de Dionisia López, unha das nais da Praza de Maio

Era coñecida como “A Galega da zona norte” ou simplemente “Nisa”, Dionisia López Amado foi unha das integrantes da asociación Nais de Praza de Maio que denunciaron os crimes da última dictadura arxentina. A sua entrada acaba de incorporarse ao Álbum de Galicia.

"Convertinme nunha das primeiras Nais de Praza de Maio, co meu pano branco e a miña dor ao lombo” afirmou Dionisia López Amado cuxo fillo Antonio e a súa nora desaparezon na última dictadura arxentina. Xunto a outras mulleres arxentinas percorreu as prisións, os cuarteis, os hospitais e os tanatorios sen atopar resposta ao paradoiro de seu fillo. Na súa biografía cóntase que foui un malestar estomacal a que a salvou da represión que sufriron moitas das súas compañeiras da asociación o día en que foron secuestradas. Desde 1977 até a súa morte Nisa foi titular da Comisión de Familiares de Desaparecidos Españois, presidiu de xeito honorario a Comisión pola Memoria, a Verdade e a Xustiza da Zona Norte do Gran Bos Aires e militou na organización da diáspora do Bloque Nacionalista Galego. Pola súa dedicación, a entidade Herbas de Prata outorgoulle o 8 de marzo de 2007 a distinción “Rosalía de Castro”.

Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: desde a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa Historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país.

As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.

O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do CCG, que desde o ano 2005 teñen publicado álbums ao redor da muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.