NOTICIA

----

O Consello da Cultura Galega celebra o cabodano de Julio Camba cun documental e a súa entrada no Álbum de Galicia

Presumiu de ser o único galego ao que lle saíu de balde a viaxe de ida e volta ás Américas, a onde chegou como polisón e foi expulsado polo seu espírito rebelde e revolucionario. O xornalista Julio Camba (1884-1962) foi un dos mellores escritores de prensa da literatura hispana. Este domingo, 28 de febreiro, cando se cumpren anos do seu pasamento, o Consello da Cultura Galega (CCG) presenta “O principio do mundo de Julio Camba”, un documental centrado na súa etapa inicial, e incorpora a súa entrada no Álbum de Galicia.

“O principio do mundo de Julio Camba” é o título do documental co que o Consello da Cultura Galega pretende poñer en valor a etapa inicial do reputado escritor. O vicepresidente da institución, Xosé Manoel Núñez Seixas, destaca que “reivindicamos esta primeira etapa por ser a menos coñecida, unha etapa bohemia na que foi expulsado de Arxentina por mor do seu activismo no marco dos movementos anarquistas e que encaixa dentro das preocupacións da institución pola súa condición de emigrante e tamén por ser un reputado xornalista”. O documental estrearase este domingo tanto no web da institución como nas súas redes sociais.



Está dirixido e guionizado por Aser Álvarez e explica en vinte e cinco minutos como foi a forxa deste xornalista, a infancia e esa primeira formación política, vital e humana tanto en Galicia como en Bos Aires. “O seu primeiro achegamento ás américas é un aspecto moi descoñecido da súa biografía, que é cando marcho de polisón a Arxentina e se converte nun dos grandes líderes da revolta” explica Aser Álvarez. O traballo remata no momento en que Camba regresa de Arxentina e se instala en Madrid, onde comeza a súa carreira como xornalista. Aínda que os seus primeiros pasos no mundo do xornalismo teñen lugar en Bos Aires, na súa chegada á capital española ten unha etapa moi activa como redactor en “El País” e mesmo chega a crear un xornal. Aser Álvarez asegura que “foi moi irreverente no principio e comeza a chamar a atención de moitos intelectuais do seu tempo como Ortega y Gasset ou Unamuno”.

Este audiovisual incide tamén noutros aspectos claves da personalidade de Julio Camba, como a súa independencia, o seu individualismo, que mantén ao longo da súa vida, e tamén a súa orixinalidade. O director afirma que “mantivo un espírito aventureiro, non era nada acomodaticio e estivo sempre caracterizado polo seu sentido do humor, a súa retranca e a súa ironía”.

Para trazar os inicios de Julio Camba, o documental conta coa participación dos historiadores Ramón Villares e Xosé Manoel Núñez Seixas; de dous dos biógrafos de Julio Camba, Pedro López e Benito Leiro; e da escritora Rosa Aneiros, ademais de varios veciños que o coñeceron na súa vila natal.

Benito Leiro asina a biografía sobre a súa figura que se incorpora ao Álbum de Galicia. A través da súa entrada pode verse que a súa vida foi unha novela de aventuras. “Era moi observador, asegura Aser, e isto permitiulle ter un punto de vista orixinal, cargado de humor e divertido”.

Sobre Julio Camba
Comezou a súa andaina vital no barrio mariñeiro de Vilamaior, parroquia de Caleiro (Vilanova de Arousa), en 1884. Aprendeu de seu pai a andar entre as reboticas, o que lle permitiu ter acceso a unhas bibliotecas que forxaron un carácter rebelde e ilustrado que o acompañou sempre. Foi moi precoz e con apenas dez anos xa daba clases a nenos e facía as primeiras incursións no mundo do xornalismo.
En 1903 mudouse a Madrid, onde continuou a súa traxectoria de escritor ao servizo da causa anarquista. Fundou o semanario “El Rebelde” e meteuse en problemas que lle valeron causas xudiciais por supostos delitos de opinión. Foi a raíz dun deses incidentes, a bomba no desfile da voda do rei Afonso XIII, que Camba iniciou o seu afastamento da idea anarquista. Centrado na súa carreira profesional, comezou un regueiro de colaboracións e viaxes que o levarían a Istambul, París, Berlín, Lisboa e Nova York e moitas outras capitais do mundo, onde se converteu nun dos xornalistas mellor pagados do seu tempo.

Desde os anos corenta deixou de viaxar con frecuencia e afirmou que non lle gustaba escribir. Con todo, seguiu cosas súas colaboracións e en 1952 recibiu o Premio Mariano de Cavia polo artigo “Plumas de avestruz”. Rexeitou unha cadeira na Real Academia Española e comezou a restaurar crónicas e artigos dos seus tempos viaxeiros. En 1949 mudouse ao Hotel Palace, onde viviu os seus últimos anos coa única compaña do persoal e dos amigos que o visitaban.