Recuperamos diferentes materiais no aniversario da morte de Álvaro Cunqueiro

Foi novelista, poeta, dramaturgo, xornalista e gastrónomo, mestro da narrativa fantástica e unha das figuras centrais da cultura galega. Este domingo, 28 de febreiro, cúmprense 40 anos do pasamento de Álvaro Cunqueiro. No web do Consello da Cultura Galega recuperamos algúns materiais xestados por esta institución encamiñados a difundir o seu coñecemento.

Co gallo do cabodano de Álvaro Cunqueiro visbilizamos unha conferencia que pronunciou no ano 1970 en Lisboa na que fala da Historia da Cultura Galega. Unha clase maxistral na que fai un repaso completo da historia de Galicia e das orixes desde a prehistoria ata o século XVIII. Na conferencia revisa os mitos celtas, a política dos Irmandiños, a creación da fábrica de Sargadelos ou as diferentes influencias que sufriu o idioma. Entre as citas que fai, atopamos as sagas irlandesas, o Ciprianillo, documentos medievais... erudición mesturada co humor inconfundible do mindoniense.



E en pdf

http://consellodacultura.gal/mediateca/extras/lisboa.pdf

Pero hai máis materiais, como as actas do congreso “Mil e un Cunqueiros” realizado en 2011 que recuperaba o centenario do nacemento do escritor. Daquela, ademais das contribucións de numerosos investigadores e investigadoras, realizouse un amplo programa de actividades e difundíronse numerosos materiais sonoros. Entre eles un fragmento dunha conferencia do destacado especialista Ricard Salvat sobre Cunqueiro e o teatro europeo da época.

http://consellodacultura.gal/publicacion.php?id=2616

En 1991, ano no que se lle dedicou o Día das Letras Galegas, o Consello da Cultura Galega decidiu realizar unha edición facsímile de inéditos e autógrafos de Álvaro Cunqueiro de 500 exemplares numerados. A orixe destes autógrafos está en 1935, cando o Seminario de Estudos Galegos encargou a Filgueira Valverde a preparación dunha antoloxía da poesía galega con motivo do Centenario do nacemento de Rosalía de Castro. Filgueira dirixiu as súas peticións a medio cento de poetas novos e vellos.

Cunqueiro respostou en marzo de 1936 cun feixe de poemas -oito autógrafos e un a máquina. Dous corresponden a unha estadía, como conferenciante, en Barcelona. Hai poemas en castelán, catalán e tamén galego. Algúns deles ían figurar como partes de obras futuras e outros foron publicados en revistas de poesía.

http://consellodacultura.gal/publicacion.php?id=442

E,por suposto, dous roteiros da man da súa literatura
http://roteiros.culturagalega.gal/autores/ficha/10