O Consello da Cultura Galega e o Centro Galego de Artes da Imaxe consolidan o ciclo “Olladas de muller” na súa décima edición

“Nación” é o último filme de Margarita Ledo e nel a recoñecida cineasta aborda a loita obreira desde a perspectiva das mulleres. É tamén o filme inaugural do ciclo de cine “Olladas de muller” . Unha proposta onde se cruzan películas asinadas por directoras galegas e títulos actuais que abordan a situación da muller en diferentes partes do mundo. O ciclo, organizado polo Consello da Cultura Galega, arrinca o vindeiro venres (19:00 horas) no Centro Galego de Artes da Imaxe, entidade colaboradora do proxecto. Seis títulos, dous deles preestreas e outro unha estrea, conforman un programa que este ano ten un formato máis reducido por mor da circunstancias sanitarias.

Con motivo do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, o Consello da Cultura Galega organiza, en colaboración co Centro Galego das Artes da Imaxe (CGAI), unha nova edición do ciclo "Olladas de muller”. A coordinadora deste ciclo, Encarna Otero, explica que “o programa este ano presenta un formato máis reducido, xa que as circunstancias sanitarias obrigaron a simplificar o formato e só se pode facer un pase diario”. O programa comeza o venres 5 coa preestrea da película "Nación", de Margarita Ledo, que estará na presentación e no coloquio posterior. O filme conta a loita obreira desde a perspectiva das mulleres da fábrica de cerámica A Pontesa. Non será a única preestrea xa que no programa figura “A metamorfose dos pássaros” de Catarina Vasconcelos (martes 10). A coordinadora explica “que se sitúa no marco da colaboración coa creación audiovisual da lusofonía que o ciclo de cine estreou en 2020”.

“Entre tres reinos” é a estrea do programa. Trátase dun documental dunha creadora nova como é Alicia López Méndez, que elaborou o guión durante a pandemia. Nel entrevista a varios veciños e veciñas de San Ciprián de Hermisende (Zamora), un lugar localizado preto do Penedo dos Tres Reinos, no recanto onde se xuntan Galicia, Portugal e Castela e León. Os seus testemuños trasládannos como evolucionou a vida neste territorio durante os últimos cen anos. Vidas sempre gobernadas por unha fonda solidariedade na que se fala do contrabando, da emigración e da infancia, entre outros temas.

Compleméntase con filmes que abordan a situación da muller no mundo. É o caso de “Beginning”, da debutante realizadora xeorxiana Dea Kulumbegashivili, que afonda nos conflitos internos da súa protagonista, a muller do líder dunha comunidade de testemuñas de Xehová, nun momento en que o lugar onde viven é atacado por un grupo extremista. O filme acadou os principais premios do Festival de San Sebastián (mellor película, mellor guión, mellor dirección e mellor actriz).

Desde Cuba chega "A media voz", de Patricia Pérez e Heidi Hassan. É un documental autoetnográfico que amosa as historias das súas directoras, dúas amigas da infancia que se reencontran anos despois para tecer un diálogo sobre Cuba pero tamén sobre a identidade e a maternidade.
As exhibicións terán lugar na sede do CGAI na Coruña. O número de prazas está limitado a 25 persoas por estrita orde de chegada. A apertura de despacho de billetes terá lugar media hora antes do inicio da sesión. A entrada é de balde.

Ciclo de cine
Encarna Otero explica que “esta décima edición supón a consolidación dun proxecto que apostou por amosar tanto a creación feita por creadoras galegas como as inquedanzas doutras mulleres no mundo”. O ciclo arrincou en 2011 baixo o título “Creadoras galegas de imaxe” en colaboración coa Deputación de Lugo. Co tempo, foi abrindo novos camiños e colaboradores que permitiron que o ciclo transitase por Santiago e Ferrol. Desde 2015 estableceuse unha vía estable de colaboración co Centro Galego de Artes da Imaxe, e fixouse a realización do programa na súa sede na Coruña, aínda que tamén houbo proxeccións noutros espazos. Desde 2020 o programa enriqueceu o seu formato coa incorporación de proxeccións audiovisuais feitas na lusofonía. Para a súa coordinadora, “o que nos queda por reto é que este ciclo se estenda por cidades de toda Galicia”.

Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos
Este ciclo de cine enmárcase nas áreas de traballo do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CEDIF). Unha área coordinada por María Xosé Porteiro e que conta con membros como Luz Darriba, Alba María Rodríguez ou María Dolores Pereira, entre outras. O CEDIF foi creado en 2019 como resultado do traballo desenvolvido pola Comisión de Igualdade desde o seu nacemento en 2005. Entre os seus obxectivos está a visibilización das mulleres e as súas producións; aplicar un enfoque feminista a todo o relativo á cultura e á realidade social vivida por mulleres e homes en Galicia; iniciar traballos que fan posible que o CCG contribúa á incorporación plena das mulleres na historia, na ciencia, na arte, nos medios de comunicación, nas formas da fala, na Galicia interior e na exterior a través de informes, recursos e materiais que non asumen representacións tópicas, idealizadas ou ideoloxizadas da “muller galega” e que reflictan as realidades plurais vividas polas mulleres galegas.

Outras noticias que te poden interesar: