NOTICIA

----

O Consello da Cultura Galega conmemora o Día Internacional da Muller con diferentes actividades

Con motivo do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, o Consello da Cultura Galega (CCG) organiza unha serie de actividades encamiñadas a difundir e visibilizar a creación feminina e a acción da institución neste campo. Un ciclo de cine, incorporación de novos materiais á hemeroteca feminista “A Saia”, e a difusión de historias de mulleres son algún sdos contidos elaborados desde os diferentes departamentos da institución cultural.

As actividades arredor do 8 de marzo arrincaron este venres no CGAI co ciclo de cine "Olladas de muller” que organiza o Centro de Documentación en Igualdade (CDIF) e que cumpre neste 2021 unha década de proxeccións. A coordinadora desta proposta, Encarna Otero, explica que “esta décima edición supón a consolidación dun proxecto que apostou por amosar tanto a creación feita por creadoras galegas como as inquedanzas doutras mulleres no mundo”. O ciclo arrincou en 2011 baixo o título “Creadoras galegas de imaxe” en colaboración coa Deputación de Lugo. Co tempo, foi abrindo novos camiños e colaboradores que permitiron que o ciclo transitase por Santiago e Ferrol. Desde 2015 estableceuse unha vía estable de colaboración co Centro Galego de Artes da Imaxe, e fixouse a realización do programa na súa sede na Coruña, aínda que tamén houbo proxeccións noutros espazos. Desde 2020 o programa enriqueceu o seu formato coa incorporación de proxeccións audiovisuais feitas na lusofonía. Para a súa coordinadora, “o que nos queda por reto é que este ciclo se estenda por cidades de toda Galicia”.

Documentación
O proxecto “A Saia. Publicacións feministas e LGTBIQ+”, que o CDIF desenvolve en colaboración co ADHUC da Universidade de Barcelona, publica este 8 de marzo novos materiais. Nesta volta preséntanse os 13 números de Andaina. Revista galega de pensamento feminista publicados entre 1999 e 2003. Conforman o que demos en definir como segunda xeira da segunda época da publicación. No 8 de marzo de 2014 publicouse a primeira época da revista (1983-1991) que agora se completa. Nesta segunda xeira da segunda época, a revista conta cun consello de redacción composto por Ana Arellano, Nanina Santos, Berta Rey, Milagros Becerra, Felicia Estévez, Laura Gómez e Ana Luisa Bouza. Presenta cambios con respecto á xeira anterior na estrutura, no deseño, no formato e no número de páxinas. Mantén o obxectivo de difundir e animar o debate entorno ás posicións, accións, propostas e teorías feministas e LGTBIQ+. Destacan as denuncias de agresións, desigualdade e discriminación, en particular as que atinxen ás mulleres e persoas LGTBIQ+, e recupera a memoria das mulleres e dos feminismos para a historia.

Cos novos materiais contribúese a cumplir co propósito desta hemeroteca, de ofrecer á cidadanía publicacións que permiten documentar con moito detalle os debates sobre as accións reivindicativas, o pensamento e as formas de creación xeradas así como as recorrentes revisións sobre a articulación do suxeito político do feminismo.

Historias de mulleres
No marco do proxecto “Historias de ida e volta” que mantén o Arquivo da Emigración Galega, en colaboración coa Secretaría da Emigración, ofrecerá no mes de marzo unha entrada pensada para difundir e dar a coñecer o papel da muller na emigración. A entrada difundirase no terceiro venres do mes, o 19 de marzo.

Non será a única historia protagonizada por mulleres. Desde este venres pódese consultar a entrada do Álbum de Galicia que detalla a figura de Maruja Roca (Castro de Rei, 1912 – Lugo, 2011), unha fotógrafa de Sarria que exerceu o oficio sobre todo na década dos 40 e 50, creando imaxes de insospeitada calidade no rural e con importantes trazos estéticos e artísticos. Complementa a entrada unha reportaxe en culturagalega.gal na que se debulla a súa técnica, o proxecto fotográfico e unha selección dos seus traballos.

Ademais, no marco do proxecto Lousas, do fondo do Arquivo Sonoro de Galicia, tamén se poden escoitar as voces destas sopranos galegas que gozaron dunha frutífera carreira durante a primeira metade do século XX. Son as voces de Mari Isaura, Ángeles Ottein, Ofelia Nieto e Matilde Vázquez.

Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos
O CCG conta co Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF), unha área coordinada por María Xosé Porteiro e que conta con membros como Luz Darriba, Alba María Rodríguez ou María Dolores Pereira, entre outras. O CDIF foi creado en 2019 como resultado do traballo desenvolvido pola Comisión de Igualdade desde o seu nacemento en 2005. Entre os seus obxectivos está a visibilización das mulleres e as súas producións; aplicar un enfoque feminista a todo o relativo á cultura e á realidade social vivida por mulleres e homes en Galicia; iniciar traballos que fan posible que o CCG contribúa á incorporación plena das mulleres na historia, na ciencia, na arte, nos medios de comunicación, nas formas da fala, na Galicia interior e na exterior a través de informes, recursos e materiais que non asumen representacións tópicas, idealizadas ou ideoloxizadas da “muller galega” e que reflictan as realidades plurais vividas polas mulleres galegas.