O Consello da Cultura Galega convoca unha Game Jam para realizar un videoxogo a partir da exposición “Afonso X e Galicia”

A poliédrica figura de Afonso X, o potencial cultural das Cantigas de Santa María ou a Idade Media son os temas que o Consello da Cultura Galega (CCG), xunto coa asociación Videoxogo.gal, proponen para a realización ou ambientación dun videoxogo. Para iso convocan unha Game Jam, un encontro virtual de desenvolvedores, que comeza hoxe a través da plataforma itch.io. O equipo gañador recibirá un premio de 250 euros en metálico. A proposta é unha das actividades complementarias da exposición “Afonso X e Galicia” que se pode visitar na Igrexa da Universidade de Santiago de Compostela ata o día 24 de abril.

A exposición “Afonso X e Galicia” pretende ofrecer un itinerario pola figura e o legado do monarca, un percorrido pola cultura medieval e a súa conexión con Galicia. Universos temáticos que o CCG e a Asociación galega de videoxogos e contidos interactivos consideraron de gran riqueza para difundir este legado cultural entre o público novo a través de novos soportes e linguaxes.

Dinámica da Game Jam
Ata o 22 de marzo está aberto o prazo de recepción de propostas, que deberá facerse a través da plataforma especializada itch.io. O fallo do xurado comunicarase publicamente o 30 de marzo e o 6 de abril terá lugar a entrega do premio ao equipo gañador na sede da exposición “Afonso X e Galicia” en Santiago de Compostela.
Segundo establecen as bases, neste certame pode participar calquera persoa ou equipo sen ningún tipo de restrición. Será completamente virtual e poderase empregar calquera motor para o desenvolvemento de videoxogos. Os equipos poderán estar formados por un máximo de tres membros e cada persoa só poderá estar incluída nun equipo.
Para a realización do xogo poderase reutilizar ata 1/3 do contido, tanto en activos (assets) como en código. O resto deberá ser desenvolvido durante a jam. Ademais, os xogos deberán estar subidos á plataforma itch.io, deberán de poder ser instalados desde a súa app (https://itch.io/app) e estarán habilitados para libre descarga por parte dos usuarios e as usuarias. Ademais do xogo, é obrigatorio subir un vídeo que explique como xogar (gameplay) a calquera plataforma de streaming (Youtube, Twitch, Mixer, etc.).
Premio e xurado
O proxecto gañador da Game Jam recibirá 250 euros en metálico. O xurado, formado por profesionais e académicos relacionados co sector do videoxogo e os contidos interactivos, valorará a orixinalidade e adecuación ao tema, así como o deseño do videoxogo (a súa narrativa, os niveis, a experiencia de usuario...), a arte (aspecto gráfico e visual...) así como a música ou o son.
Integran o xurado Luz Castro Pena, profesora da Universidade da Coruña, directiva de Videoxogo.gal, desenvolvedora de videoxogos e socia de imaxin|software; o xornalista Carlos Pereiro, membro da Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do Consello da Cultura Galega e editor da revista Morcego; e Manuel Gago, xornalista, profesor asociado na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago e director de culturagalega.gal, a plataforma de divulgación do Consello da Cultura Galega.

A exposición
“Afonso X e Galicia”, a última aposta do CCG, presenta o Rei Sabio como un monarca que tivo grandes logros culturais, pero tamén grandes fracasos políticos e contradicións persoais, que soñou ser o grande emperador de Europa e que acabou destronado polo seu propio fillo. O relato mostra un home ocupado na construción dunha monarquía absoluta fronte á Igrexa e a aristocracia, cunha personalidade que se posiciona entre o pobo e a divindade, que enxalza a figura de Santa María e que entra en conflito co cabido compostelán.

Tamén afonda na visión de universalidade do Rei Sabio no ámbito cultural, cos proxectos de tradución de/a diferentes linguas, coa súa vontade científica e coa súa concepción historiográfica. A isto engádese a conexión política do proxecto real con todos os campos da cultura, é dicir, a «utilización» do proxecto cultural con obxectivos políticos, combinando diversos sistemas ideolóxicos para un mesmo fin: a consolidación e xustificación dun proxecto político centrado na persoa do monarca.

O relato expositivo non segue un criterio cronolóxico, senón que ofrece un percorrido flexible e multidisciplinar con cinco bloques temáticos. A entrada sitúa o personaxe Afonso X na súa dimensión máis humana. Unha vez dentro, o segundo espazo está destinado a ofrecer a vida e conflitos persoais do monarca. O terceiro espazo recrea o obradoiro onde os manuscritos e as miniaturas cobran o protagonismo presentando o seu labor científico, histórico e cultural. De seguido, o cuarto espazo está dedicado á zona da música e dos instrumentos medievais con reproducións chegadas de diferentes obradoiros. Desde aí accédese ao espazo central onde as Cantigas de Santa Maria relacionadas con Galicia se presentan simultaneamente en seis pantallas aéreas, a modo de constelacións, facendo un aceno ao mundo da astroloxía e astronomía, tan importante para o monarca. O último espazo está dedicado a ilustrar graficamente a sociedade medieval e a vida do monarca a través de imaxes do Códice Rico das Cantigas de Santa Maria.

A exposición está aberta ao público na Igrexa da Universidade en Santiago de Compostela ata o 24 de abril, e a partir de aí inicia un período de itinerancia. A primeira das súas paradas será Ourense, o Centro Cultural Marcos Valcárcel.