----

O Consello da Cultura Galega revisa o papel da Facultade de Belas Artes nos trinta anos da súa creación

En setembro de 1990 arrincaba o curso académico que marcou a creación cultural deste país. Botaba a andar na Universidade de Vigo a Facultade de Belas Artes, centro que xerou unha serie de relacións entre artistas e axentes culturais que a converteron nun elemento imprescindible na paisaxe creativa da nosa contorna e que tivo gran repercusión cara a fóra. A Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega (CCG) revisa a súa importancia e o seu papel cunha serie de xornadas en liña que comezan o vindeiro luns 15 de marzo e se estenden ata o 5 de abril. Ramón Rozas coordina estas xornadas, polo que pasarán figuras tan recoñecidas como Manuel Sendón, Amaya González Reyes, Ánxela Caramés ou Xosé M. Buxán Bran.

Este programa revisa eses 30 anos xuntando nun mesmo espazo a profesorado, alumnado, comisariado e artistas. Entre todos farán unha posta en común sobre o traballo realizado ao longo deste tempo, unha valoración da situación actual e unha análise das súas posibilidades de futuro. Por mor da situación sanitaria, todas as conversas van ser gravadas e emitidas a través do web do CCG e as súas redes sociais nos días previstos.

O programa
A primeira das citas terá lugar o luns 15 de marzo e abordará o papel exercido polo profesorado. Baixo o título “A pegada docente. Os Mestres artistas”, Ramón Rozas moderará un diálogo no que participan Juan Fernando de Laiglesia, Manuel Sendón e Marina Núñez.
O 22 de marzo falarase de “Alumnado. Aprendizaxes e realidades!”, coa participación de Amaya González Reyes, Rosendo Cid e Basilisa Fiestras. A “Recepción da nova creatividade no ámbito artístico galego” é o tema que Ánxela Caramés, Susana Cendán e Ángel Cerviño abordarán o 29 de marzo. A última xornada terá lugar o día 5 de abril co diálogo entre Xosé M. Buxán Bran, Covadonga Barreiro e David Fidalgo. Ese día falarase dos retos que lle quedan cara ao futuro.

Sección de Creación e Artes Visuais
Esta xornada insírese dentro da liña de traballo de observación da realidade do sistema artístico actual que mantén a Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega. A Sección está coordinada por Manuel Quintana Martelo e entre os seus membros figuran Manuel Vilariño, Rosario Sarmiento, Asunta Rodríguez, Sofía Santos, Ramón Rozas, Miguel Fernández-Cid e Jesús Pastor. Esta Sección realizou diferentes informes, como por exemplo “Arte+mulleres. Creadoras galegas”, centrado na visibilización das artistas no eido das artes visuais en Galicia desde 1990 ata 2013, e creou a plataforma web ATALAIA. Arte contemporánea en Galicia, unha base de datos actualizada, un directorio e un centro de recursos para coñecer artistas, obras, eventos, publicacións e entidades vinculadas á arte contemporánea en Galicia e que veu a luz en 2010.