----

O Consello da Cultura Galega amplía o Proxecto Roteiros cos “Cruceiros de Galicia”

Foi Castelao o primeiro grande estudoso dos cruceiros galegos. En 1950 publicou “As cruces de pedra na Galiza”, obra cimeira da investigación sobre os cruceiros galegos. Cumprido o setenta aniversario da súa publicación, o Consello da Cultura Galega (CCG) e a Asociación de Amigos do Cruceiros, Cruces de Pedras e Petos de Ánimas poñen o foco sobre este tipo de bens, mostras da devoción popular que proliferan na xeografía galega. A primeira das iniciativas comeza hoxe, coa presentación de “Cruceiros de Galicia” un proxecto que agrupa trinte roteiros que darán a coñecer un centenar dos cruceiros máis representativos do territorio galego. Así o presentaron en rolda de prensa, Rosario Álvarez, presidenta do CCG; Fernando Arribas, o presidente da asociación; máis o técnico do CCG, Manuel Gago.

“Esta iniciativa pretende poñer na axenda cultural o valor artístico e patrimonial dos cruceiros, que habitualmente pasan desapercibidos, aínda que un tipo de ben moi espallado pola xeografía galega e moi asociado coa nosa identidade”, asegurou a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez. A proposta de itinerarios culturais para visibilizalos forma parte dun proxecto máis amplo sobre o que traballan o Consello da Cultura Galega e a Asociacion de Amigos dos Cruceiros, Cruces de Pedras e Petos de Ánimas. Nese sentido, Rosario Álvarez avanzou que “estes roteiros abren unha serie de actividades que se estenderán ata o ano 2022 en que ambas as dúas entidades promoveremos un grande encontro para que se poñan en común as últimas investigacións e estudos sobre este tipo de bens”.

Sobre os cruceiros
Desde hoxe, cada segundo xoves de mes, publicarase unha entrega que, segundo explicou Manuel Gago, “están pensados para poder facerse nunha mañá e poden ser complementados coa exploración do resto do territorio, e dos outros roteiros dispoñibles na nosa plataforma”. Ademais, puntualizou que, “aínda que na rede hai bastante información de cruceiros, a posibilidade de coñecelos de xeito estruturado en rutas accesibles e interesantes para todos os públicos supón unha certa novidade”.

O primeiro dos itinerarios propostos permite visitar os calveiros da Terra Chá, a comarca con maior número deste tipo de construcións da provincia de Lugo.

Fernando ten moito investigado sobre a orixe deste tipo de construccións e explicou que teñen unha inequívoca intención relixiosa xa que “sempre se poñen por devoción”. Datou a súa orixe “no século XIV, en plena peste de 1364, a xente empezou a buscar a salvación da súa alma na oración que motivou a proliferación destas construcións”. Ademais, entre 1545 e 1563 a Igrexa celebrou o Concilio de Trento en que establece o purgatorio e iso implica un aumento da relixiosidade e da devoción. “Nese momento, explica Arribas, a xente empezou a levantar cruceiros para que rezar pola súa alma, de aí que os cruceiros se puxeran nas encrucilladas dos camiños, nos adros e nos lugares por onde pasaba a xente e podía rezar”. Arribas tamén puntualizou que a súa construción non é tan popular como se pensaba, xa que só determinadas clases sociais podían custeala.
Fernando Arribas citou tamén a coñecida obra de Castelao, que explicou por qué os cruceiros, non sendo galegos, se adaptaron moi ben á idiosincrasia galega. “Dicía Castelao que é un monumento onde todo o mundo saía beneficiado: quen o mandaba construír porque está rezando pola súa alma, o que reza porque tamén salva a súa alma e a do promotor, e os bispos e canteiros porque recibían cartos”, explicou.
No marco dos roteiros poderanse ver trinta itinerarios que concentran arredor de 150 deste tipo de bens que responden a diferentes características. Dixo o propio Arribas que “aínda que todos se parezan non hai dous cruceiros iguais”. Ademais da súa visibilidade, este proxecto tamén pretende sensibilizar sobre a súa necesidade de protección. A lexislación actual recoñece como Ben de Intere Cultura, de maneira xenérica, todas as construcións anteriores a 1901. Para Arribas este criterio é arbitrario e deixa fóra moitos bens, por is apuntou á necesidade de clarificar a súa situación de cara á súa protección.

A Asociación de Amigos do Cruceiros, Cruces de Pedra e Petos de Ánimas
Creada no 2010, a Asociación de Amigos dos Cruceiros, Cruces de Pedra e Petos de Ánimas ten por obxectivos a defensa, conservación, restauración, estudo e investigación sobre os nosos cruceiros, monumentos que constitúen unha das manifestacións máis singulares da nosa arte popular, dado o seu valor artístico, histórico e etonográfico. Está integrada por un grupo de persoas de recoñecido prestixio no estudo e investigación sobre os cruceiros e entre as súas tarefas actuais están a realizar un inventario exhaustivo dos cruceiros e esmoleiros existentes en Galicia.

O proxecto Roteiros
En xaneiro de 2009 comezou a andar o Proxecto Roteiros do Consello da Cultura Galega. Trátase dunha iniciativa que pretendía conciliar cultura letrada e novas tecnoloxías para difundir itinerarios culturais polo país. Comezaron con tres itinerarios dedicado a tres figuras clave do Rexurdimento: Rosalía de Castro, Manuel Curros Enríquez e Eduardo Pondal.

Desde entón o proxecto foi medrando e conta cunha trintena de propostas de itinerarios que seguen a vida e obra de figuras importantes da cultura galega como Álvaro Cunqueiro ou Rosalía de Castro; ou fenómenos importantes como unha visita pola pegada da emigración en Ribadeo ou Ares; ou ao legado do reinado de Afonso X no noso país.