----

O Consello da Cultura situará a Emilia Pardo Bazán no contexto histórico e na perspectiva feminista no centenario do seu cabodano

A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez; o presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor Freixanes; a vicerreitora de cultura da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Mar Lorenzo; xunto co secretario xeral de cultura, Anxo Lorenzo; o coordinador do congreso, Xosé Manuel González Herrán; e o director da Área de Cultura do Concello da Coruña, Rómulo Sanjurjo, presentaron esta mañá na sede da RAG o programa do “Congreso Internacional Emilia Pardo Bazán 100 anos despois”. É unha das actividades centrais preparadas para afondar na figura da escritora coruñesa no centenario no do seu pasamento, que se cumple o vindeiro 12 de maio. Ademais, a presidenta do CCG e o da RAG asinaron un convenio para a dixitalizacion e difusión en rede do epistolario da escritora coruñesa .
O Consello da Cultura situará a Emilia Pardo Bazán no contexto histórico e na perspectiva feminista no centenario do seu cabodano

O centenario do pasamento de Emilia Pardo Bazán permitirá afondar dende na figura e na obra desta escritora desde novas perspectivas. Vaise facer coa organización dun congreso internacional que, como apuntou Víctor Freixanes, suporá “unha concentración de coñecementos e de reflexións importante, e ademais implicamos as institucións máis significativas arredor dunha figura sobranceira das letras españolas e europeas". O congreso está organizado polo Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega e a Universidade de Santiago coa colaboración da Secretaría Xeral de Cultura, o concello e a deputación da Coruña.
O encontro comezará na Real Academia Galega os días 25, 26 e 27 de outubro, continuará o 28 na Universidade de Santiago de Compostela e para rematar o día 29 na sede do Consello da Cultura Galega. Ademais, o programa coincidirá coa chegada á Coruña da exposición sobre Emilia Pardo Bazán que organiza a Biblioteca Nacional en colaboración coa RAG.

A xornada inaugural, o luns 25 de outubro, contará cos relatorios de Darío Villanueva, catedrático emérito da USC e académico de número da RAE; Marina Mayoral, a académica de honra da RAG e catedrática da Universidad Complutense de Madrid; e Dolores Thion (Université de Pau).

Durante cinco día falarse da narrativa da autora, as súas colaboracións na prensa ou cuestións sobre o seu pensamento como o europeísmo e a experiencia do urbano. "O congreso conta cun comité científico integrado polos máis prestixiosos especialistas na autora e reunirá a cualificados pardobazanistas procedentes de distintos países, atrévome a dicir que aquí estarán os mellores e as mellores", salientou o director científico do encontro, José Manuel González Herrán. Entre a nómina de participantes hai figuras recoñecidas como Jo Labanyi (New York University), Ermitas Penas Varela (USC), Marisa Sotelo (Universitat de Barcelona), Enrique Rubio Cremades (Universitat d'Alacant), Íñigo Sánchez-Llama (Purdue Universty) e Ana Freire (UNED), o académico e historiador Ramón Villares e a académica Marilar Aleixandre; ou Isabel Burdiel (Universitat de València), autora da gran biografía sobre Emilia Pardo Bazán.

Contexto e feminismo na xornada de clausura no CCG
O Consello da Cultura Galega acollerá a sesión de clausura do congreso o día 29 de outubro. A presidenta da institución explicou na rolda que esa cita “é unha xornada que ten dous fíos temáticos complementarios: un deles é situar o pensamento de Emilia Pardo Bazán no contexto histórico e nas relación que mantivo coas personalidades da cultura galega da súa época. O outro fío pon o énfase en abordar o seu pensamento feminismo desde diferentes ópticas e perspectivas”. Isabel Burdiel, Jo Labanyi, Pura Fernández, Ramón Villares, Xosé Manoel Núñez Seixas e Marilar Aleixandre son algunhas das figuras que participan nesta sesión. Como peche desta sesión e do congreso proxectarase o audiovisual elaborado dirixido por Tito Asorey e producido por A quinta do cuadrante para o CCG “As mulleres do porvir”. Trátase dunha adaptación audiovisual da obra de Dorotea Bárcena que xunta a Concepción Arenal, Rosalía de Castro e Emilia Pardo Bazán para resolver un asesinato.

O epistolario
A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, e o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, asinaron hoxe un convenio para a dixitalización e difusión do de Emilia Pardo Bazán que está depositado na Real Academia Galega, entidade que custodia o legado da escritora. “A nosa vontade é dispoñibilizar ese fondos canto antes que poida facilitar novas investigacións” afirmou Rosario Álvarez. Por mor dese convenio, A Real Academia Galega dixitalizará 168 cartas e o Consello da Cultura Galega daralle difusión no marco seu proxecto Epístola.

En 2014, o Consello da Cultura Galega puxo en marcha o seu proxecto Epístola. Inseríase no marco da Colección Arquivos Particulares que está constituído por máis de 25.000 documentos (cartas, postais, tarxetas de visita, manifestos, apuntes...) orixinais ou copias. Atendendo a criterios arquivísticos para o seu tratamento técnico, o proxecto nacía para ofrecer á cidadanía a correspondencia de senlleiras figuras da nosa cultura. O proxecto posibilita un mellor coñecemento de remitentes e de destinatarios ao tempo que abre novas perspectivas de coñecemento sobre a época da escritura e os seus contextos, á posibilidade de comprobar datos e circunstancias. No marco deste proxecto púxose en rede unha importante colección de arquivos persoais que arrincou con Luís Seoane e se completou con Valentín Paz-Andrade, Lois Tobío, Otero Pedrayo, Carballo Calero ou Rosalía de Castro, entre outras figuras.