O Consello da Cultura Galega lamenta a perda do historiador Xosé Ramón Barreiro Fernández

O Consello da Cultura Galega (CCG) expresou o seu fondo persar polo pasamento de Xosé Ramón Barreiro Fernández, unha das figuras máis destacadas da historiografía e a cultura galega contemporánea. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, salientou que “é unha gran perda para a investigación sobre a historia de Galicia pero tamén para toda a cultura galega, tanto polo que fixo en defensa da lingua e da cultura como pola súa actividade permanente en institucións como a Universidade de Santiago, a Real Academia Galega e o Consello da Cultura Galega”.

Xosé Ramón Barreiro Fernández foi membro do Plenario do Consello da Cultura Galega desde a súa creación ata o ano 2010, primeiro como membro electivo e despois como representativo da Real Academia Galega. Durante este tempo mantivo unha ampla actividade como autor e impulsor de actividades e publicacións en ámbitos que van desde a lingua ata a revisión de figuras históricas como Rosalía de Castro, Sarmiento ou Murguía.

Desempeñou un papel importante no proxecto “Papés d’emprenta condenada”, proxecto que xuntaba a súa preocupación pola historia de Galicia dos últimos séculos, a súa liña de investigación sobre a historia da cultura e tamén os seus coñecementos como bibliófilo. Esta iniciativa compilou en dous volumes todos os textos en galego do século XIX achados ata 2008 e unha detallada análise desde o punto de vista histórico, xornalístico, lingüístico e literario.

Entre outras obras no marco do Consello da Cultura Galega, foi o autor, xunto con Ramón Villares, do libro “Os símbolos de Galicia”, no que puxeron de relevo as razóns que moveron os nosos devanceiros a elaboralos, no momento histórico en que o fixeron e coa intención explícita de dotar a Galicia de elementos representativos da súa identidade.

Perfil biográfico
Era licenciado en Dereito Canónico pola Universidade Gregoriana de Roma, a mesma en que se doutoraría anos despois. Posteriormente licenciouse en Filosofía e Letras pola Universidade de Santiago de Compostela, onde desenvolveu a súa traxectoria docente. Alén de profesor, foi tamén o primeiro decano elixido democraticamente da Facultade de Xeografía e Historia.

Manifestou sempre un especial interese polo século XIX e o liberalismo. Sobre isto trataba o discurso co que ingresou na Real Academia Galega en 1997. Outra das súas grandes áreas de investigación foi a prensa e a imprenta, alén das biografías de deputados e senadores galegos.

Recibiu numerosos premios, entre eles o Premio da Crítica, a Medalla Castelao (1991) e o Premio Trasalba (2010).