Expertas debaten mañá no Consello da Cultura Galega sobre a violencia no mundo rural e a simbólica

Un chiste, un refrán, un anuncio publicitario…son moitos os espazos nos que se atopan exemplos de violencia simbólica, a máis invisible de todas as violencias. Sobre este tipo, pero tamén sobre as peculiaridades deste tipo de violencia no mundo rural abórdanse na xornada “Violencia comparada 2”. O Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF) do Consello da Cultura Galega (CCG) organiza a segunda edición dun encontro que pon sobre a mesa a importancia de recoller voces de organizacións non gobernamentais e colectivos que visibilizan o drama agochado tralas cifras. Os relatorios desta xornada xa se poden consultar e mañá xoves (18:00 horas) terá lugar o debate en directo que se pode seguir desde o sitio web da institución.

Paz Filgueira e Rosa Arcos son as coordinadoras da xornada “Violencia Comparada 2” que completa a realidade sobre a violencia de xénero a partir da recollida de datos estatísticos realizan as organizacións non gobernamentais. Son visións complementarias das cifras públicas que cubren ocos e formas que non son as oficiais. Os relatorios destas cifras xa están disponibles desde o web e a redes sociais do CCG e mañá xoves terá lugar o debate en directo con todas as participantes. As persoas que queiran participar poden tramitar as súas preguntas e comentarios a través do correo participa@consellodacultura.gal.

Os relatorios
Para Micaela Fernández Darriba, coordinadora do grupo Feministas debatiendo sobre arte feminista, a violencia simbólica “é un tipo de particular de violencia que se dá no sistema que é paralela á violencia obstétrica, de xénero… que se dá de maneira inadvertida, está naturalizada e é sistemática”. No seu relatorio apunta que se amosa na nosa sociedade a partir da imaxes e discursos que se poden ver en refráns, chistes, fallos xudiciais.

Pola súa parte, Lara Fuentes Enjamio, técnica de igualdade da Federación de Asociacións de Mulleres Rurais (FADEMUR), presentou o estudo “Mulleres e vítimas de violencia no medio rural”. Esta asociación detectou que as mulleres que habitan o rural perciben e viven a violencia de maneira diferente, por iso promoveron unha grande investigación que se inseriu no Plan do Estado sobre violencia de xénero. Presentou os datos da enquisa que promoveu FADEMUR e que aborda mulleres que viven en agrupacions poboacionais de menos de20.000 habitantes de diferentes comunidades, entre elas Galicia.

Os datos revelan que seis de cada dez mulleres recoñecen coñecer casos de violencia de xénero. O medo, a vergoña e a culpabilidade son algunas das características e as barreiras das mulleres. Na súa intervención, Lara Fuentes deu paso ao testemuño dunha vítima.

Dúas profesoras da Universidade de Carlos III de Madrid, Aurea Grane e Helena Soleto Muñoz, falaron das trabas que se atopan as vítimas de delito sexual nas etapas do proceso penal. No seu estudo analizaron máis de dúas mil sentencias de casos sobre delitos sexuais a cargo de diferentes instancias. Apreciaron que o 63% dos casos afecta a menores de idade (un 4% delas son nenas). Ademais, os estudos revelan que cando se trata de menores de idade, no 82% dos casos hai unha relación directa entre a vítima e o seu agresor, mentres que a porcentaxe baixa vinte puntos se das vítimas son maiores de idade.

No seu relatorio explicaron que os procesos xudiciais duran, de media, tres anos entre que se denuncia e hai condena. “Só hai prisión provisional nun 24% dos casos cando as vitimas son menores e un 36% cando son maiores” explicou Helena Soleto. Os seus estudos contabilizan que a duración da pena en prisión é de 7,4 anos cando a vítima é menor de idade, e 6,5 cando é maior. “Recoñecese indemnización para o 70% dos casos con importe medio de 16.500 e sabemos que as vítimas van recibir menos de 165 euros” concluíu.

O estudo mediu tamén o grao de protección dos intereses das vítimas (seguridade, dignidade, apoio, minimizaicón do estrés….) para o que realizaron entrevistas a profesionales e vítimas. Entre as conclusións, apuntaron que “as vítimas non se sinten cridas, acompañadas, escoitadas ou respectadas, ao contrario do que pensan os axentes públicos implicados no proceso”. Do seu estudo conclúese que se produce unha desincentivación por parte dos axentes policiais e consideramos que de forma global non se satisfán os intereses das vítimas co sistema.

A partir das cifras propuxeron, en palabras de Helena “a creación de centros de atención a vítimas onde a vítima sexa o centro do sistema e o lugar no que se recollan as probas periciais”. Aumentar a dotación do persoal das forzas de seguridade do estado e mellorar a formación de todos os operadores xurídicos son outras das medidas propostas.

Antecedentes: as cifras oficiais
No mes de novembro de 2020, e tamen de forma telemática, desenvolveuse a primeira edición desta cita encamiñada a poñer de manifesto a importancia da estatística que analiza a violencia de xénero. Naquela sesión achegáronse cifras que marcaban como era a realidade. Entre 2003 e 2020 morreron en España 1069 mulleres a cargo das súas parellas ou exparellas e 63 deses asasinatos cometéronse en Galicia. O goberno investiu nese periodo máis de 628 millóns de euros na materia. O custe real da violencia de xénero (que implica desde a asistencia psicolóxica, policial, laboral, xudicial…) está contabilizado en 23.360 millóns de euros, dos que 1.350 millóns responden á realidade galega. Ademais, que as cifras poden ser maiores xa que a día de hoxe baixo este concepto “só se entende a violencia a cargo de parellas e de exparellas”.

Outras noticias que te poden interesar: