O papel das mulleres na emigración ocupa a sexta entrega do especial “Historias de ida e volta”

Rosalía de Castro chamoulles "viúvas de vivos", mulleres que quedaron na terra para o coidado do fogar e dos fillos. Canda elas tamén están as que emigraron en busca dunha vida mellor e que no camiño se atoparon con numerosas dificultades na súa integración, non só como inmigrantes senón tamén polo seu xénero. A sexta entrega do especial “Historias de ida e volta”, un proxecto web realizado polo Consello da Cultura Galega en colaboración coa Secretaría Xeral da Emigración, amosa o incuestionable papel que a muller galega desempeñou no fenómeno migratorio do noso país. Esta iniciativa pretende contribuír á difusión de materiais que custodia o Arquivo da Emigración Galega (AEG) para visibilizar o fenómeno migratorio.

A sexta entrega deste especial chámase “Mulleres galegas na emigración” e está enfocada a dar a coñecer o papel que desempeñou a muller na emigración. O especial amosa historias como a de Carmen, natural de Santiago de Compostela, arquetipo da muller galega que emigrou para reunirse co seu marido. Unha vez alí traballou, primeiro, como dependenta e, logo, como empregada doméstica dunha familia acomodada. Nes pon de relevo que a reagrupación familiar é un dos primeiros motivos da emigración feminina. “Non hai que esquecer que a muller, se quería emigrar, tiña que contar co consentimento paterno ou do cónxuxe” figura no texto introdutorio.

O seu escaso nivel cultural e profesional relegounas aos espazos máis baixos da escala laboral: no servizo doméstico, nos postos menos cualificados das fábricas, na hostalaría, no comercio e nos negocios familiares. Abre esta entrega unha portada do Almanaque Gallego, publicado por Manuel Castro López en 1901 en Bos Aires, que amosa unha muller despedindo os emigrantes que viaxan nun barco que vai cara a América, que reforzou a imaxe tradicional da muller galega como traballadora, abnegada, sempre dedicada ao fogar e á súa familia. “No primeiro terzo do século XX, leváronse a cabo moitas campañas contrarias á emigración feminina” contextualiza o texto. Ademais, o cinema contribuíu a reforzar o estereotipo dunha muller bruta, analfabeta, de poucas luces. No especial inclúese un cartel da película “Cándida”, dirixida en 1939 por Luis Bayón Herrera e protagonizada pola actriz arxentina Niní Marshall, que condensa os arquetipos da muller galega emigrante. Precisamente serviu tamén para que algunhas institucións e xornais da colectividade levasen a cabo campañas de protesta contra este tipo de visións pexorativas, que permaneceron no imaxinario colectivo dos países americanos.
Con todo, nos materiais elixidos nesta entrega, tamén se amosa o aspecto positivo do fenómeno migratorio, que ofreceu unha oportunidade a moitas mulleres de lograr a súa independencia, formarse, criar e educar os seus fillos nunhas sociedades máis modernas e abertas. Entre os materiais figura unha fotografía de 1945 do Plantel Concepción Arenal do Centro Galego da Habana. O centro foi creado en 1880 para dar formación aos socios e familiares do Centro Galego e en 1894, catorce anos despois da súa creación, permitiu o acceso das mulleres ás súas clases.

Diferentes imaxes de representacións teatrais e outras actividades amosan que as mulleres se converteron tamén en transmisoras da cultura galega e do amor á súa terra para as novas xeracións de galegas e galegos da diáspora.

Todas as imaxes e documentos que aquí se expoñen forman parte do patrimonio fotográfico e documental que se conserva e salvagarda no Arquivo da Emigración Galega. Moitas delas proceden de coleccións particulares que a cidadanía doou á institución, un proxecto que está permanentemente aberto.

bHistorias de ida e volta
O Consello da Cultura Galega, en colaboración coa Secretaría Xeral da Emigración, mantén o especial “Historias de ida e volta” que, cada terceiro venres de mes, difunde materiais que documentan o fenómeno migratorio. A primeira entrega deste especial explicaba o proceso de partida cunha serie de permisos e documentos que precisaron os e as emigrantes para poder saír do país. A segunda entrega centrouse no Centro Galego da Habana, símbolo do poderío e da grandeza que acadou a colectividade galega na illa ao longo dos séculos XIX e XX. A terceira entrega amosa imaxes e outros documentos dos diferentes procesos que tiveron que pasar os emigrantes no momento da chegada a América no século XX. A cuarta entrega centrouse no papel desenvolvido polos homes, mentres que a quinta amosou as diferentes formas de lecer das diferentes comunidades.

Arquivo da Emigración Galega
O Arquivo da Emigración Galega é un centro que desenvolve proxectos de investigación que intentan aproximarse ao fenómeno migratorio desde os máis diversos enfoques, cun carácter netamente interdisciplinar. Entre as súas áreas de traballo está a difusión de estudos sobre o fenómeno migratorio, a través de publicacións de obras de interese cultural e científico. Está dirixido por Xosé Manoel Núñez Seixas e conta entre os seus membros con Antía Pérez, Xesús Fraga, Raúl Soutelo ou Luís Domínguez.
L