O Consello da Cultura Galega remodela a web do Arquivo Sonoro de Galicia para achegar os fondos á cidadanía

Uns 10.000 exemplares en diferentes formatos que conforman unha nutrida parte da produción musical galega, sexa editada en Galicia ou sexa fóra, preto de 6.000 voces de figuras senlleiras da nosa cultura ou as primeiras gravacións sonoras que se conservan son algúns dos materiais que custodia o Arquivo Sonoro de Galicia (ASG), centro dependente do Consello da Cultura Galega (CCG), que estrea hoxe novo espazo web. A remodelación constitúe a primeira fase dun proxecto que pretende contribuír progresivamente á visibilización do material que custodia a institución. Xosé Ramón Pousa é o actual director do arquivo, que foi creado en 1992.

O Arquivo Sonoro de Galicia naceu co propósito de contribuír á recuperación do patrimonio sonoro galego e aglutinar en Galicia as distintas iniciativas que traballan co mesmo afán. A recompilación, preservación e catalogación e difusión son os tres aspectos principais deste centro, que conta con fondos editados e fondos inéditos.
Actualmente está dirixido por Xosé Ramón Pousa e ten entre os seus membros con Rafael Cid, Concha Losada, Xulia Feixoo, Mónica Rebolo, Xerardo Dasairas Valsa e Cristina Pujales.

Fondos editados
Cilindros de cera, rolos de pianola, cartuchos de casetes, casetes, vinilos, CD, DVD..., son moitos e moi variados os formatos dos máis de 10.000 fondos editados que custodia o Arquivo Sonoro de Galicia. A consulta deses contidos pode facerse a través do web pero tamén a través do catálogo da Rede de Bibliotecas de Galicia.
No marco deste tipo de fondos, o remodelado sitio web permite o acceso ao Proxecto Lousas, iniciativa que puxo na rede unha parte destacada das 700 lousas que inclúen desde as primeiras gravacións de 1904 do Coro Aires da Terra de Pontevedra ou os numerosos rexistros editados na emigración bonaerense e cubana, até cancións galegas interpretadas polas voces máis destacadas da época.

Fondos inéditos
O núcleo deste arquivo é a colección de documentos sonoros inéditos, históricos e actuais, relacionados con Galicia. Este grande apartado aglutina audios únicos e exclusivos que están rexistrados directamente da fonte e non dispoñen de duplicados impresos. Este material divídese en varios fondos. O primeiro deles é o Arquivo da Palabra, nome que recibe o fondo conformado por preto de seis mil voces de destacados persoeiros da nosa cultura e da nosa vida social e política. Entre eles destacan as palabras de Ramón Otero Pedrayo, Filgueira Valverde, Eduardo Blanco-Amor, Rafael Dieste, Ossorio Tafall, Paz-Andrade, Suárez Picallo, Vilanova, Valenzuela, Piñeiro, Fernández del Riego ou Carlos Casares. Son conferencias, actos culturais diversos, entrevistas, actos políticos que nos axudan a entender o seu pensamento e a compoñer a historia do país. O documento máis antigo que se conserva corresponde á voz de Castelao, gravada nunha fonopostal en 1941 e recuperada polo Arquivo Sonoro de Galicia a finais dos anos 90 en Bos Aires.

O segundo é Etnografía, fondo recollido polo propio arquivo no ano 1992 (400 casetes) e varias coleccións particulares cedidas ao ASG, entre elas as 306 casetes do Concello de Moaña. O terceiro é Etnomusicoloxía, no que se integran as gravacións orixinais (248 CD acompañados das súas transcricións) realizadas por Dorotea Schubarth e Antón Santamarina e que deron lugar ao “Cancioneiro Popular Galego”. Neste apartado tamén se inclúe a doazón de Pablo Carpintero, con máis de 300 horas de gravacións, e a da Asociación A Regionalista de Teo. O cuarto é Música, que integra gravacións e maquetas de composicións musicais galegas non editadas. Por último están os Programas Radiofónicos, que inclúen desde emisións que proceden en boa parte da emigración galega ata o fondo de RNE. Son 6.000 documentos sonoros, que están dispoñibles para a súa escoita, previa petición de cita.

Xornadas
No marco da súa acción, o Arquivo Sonoro de Galicia leva a cabo, regularmente, actividades e xornadas destinadas a difundir distintos aspectos relacionados co patrimonio sonoro. As últimas xornadas, realizadas no ano 2020, tratan sobre “Os arquivos sonoros: memoria e patrimonio” e “Arquivos, mulleres e tradición”. No marco desta liña, o Arquivo Sonoro de Galicia tamén participa nas actividades deste tipo realizadas por outras institución, como a que ten lugar esta semana en Santiago de Compostela baixo o título “O que non se escribe. Arquivos Sonoros e Creación Contemporánea”. Nel, o vindeiro mércores 24, o director do ASG, Xosé Ramón Pousa, e a coordinadora do mesmo, Cristina Pujales, realizarán unha escoita comentada do proxecto Lousas.