NOTICIA

----

Unha xornada do Consello da Cultura Galega analiza o desenvolvemento turístico da costa do solpor

O mércores 24 de marzo é o primeiro día da franxa do ano en que se produce no noso país o último solpor da Europa continental. Por iso é o día escollido para celebrar a xornada “A costa do solpor europea: unha irmandade atlántica”. Esta actividade da Sección de Ciencia, Tecnoloxía, Natureza e Sociedade do Consello da Cultura Galega (CCG) está coordinada por Jorge Mira. Diferentes profesionais analizan as posibilidades de desenvolvemento turístico de cinco lugares atlánticos nos que se produce un fenómeno natural: son o último punto no que atardece en Europa, se temos que conta que a iluminación solar do planeta muda durante o ano. Os seus relatorios foron previamente gravados e poñeranse mañá a disposición da cidadanía tanto no web da institución coma nas súas redes sociais.

As condicións de iluminación solar do planeta varían ao longo do ano. E isto tamén fai que o punto do primeiro amencer ou do solpor tamén varíe. São Vicente e Cabo da Roca en Portugal, a Costa da Morte en Galicia e Aglapsvik e Måsøy en Noruega son os lugares nos que se produce este fenómeno. Esta especie de irmandade é o fío de unión dunha xornada que xunta especialistas de diferentes disciplinas para analizar as potencialidades turísticas destes espazos. Esta cita estaba prevista para se desenvolver o 24 de marzo de 2020 pero foi adiada por mor da pandemia.

Profesionais do ámbito científico e turístico analizan nos seus relatorios asuntos como a creación de produtos turísticos, de marcas e de iniciativas do ámbito do turismo científico. A cita arrinca cunha conferencia marco a cargo de Jorge Mira Pérez, profesor da Facultade de Física da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Nela falará da busca dos puntos de último solpor da Europa Continental.
Despois, Xurxo Cegarra González, de Wireless Galicia, e Fernando Rey Daluz, de LuzLux, analizarán o caso práctico de creación de valor que se chama “Solpor Fisterra: da tecnoloxía á promoción turística”. Ademais, Maite Vence, directora de Observer Turismo Científico falara do desenvolvemento de ideas de turismo científico.

A xornada conta tamén cunha mesa redonda moderada por Santiago Garrido Rial, subdirector da delegación de La Voz de Galicia en Carballo, na que participan o propio Jorge Mira Pérez; Pablo Canosa Quintáns, secretario de Costa da Morte Asociación Turística; José Marcote, alcalde de Fisterra; Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación da Coruña; máis Nava Castro, directora da Axencia de Turismo de Galicia.

Sección de Ciencia, Natureza, Tecnoloxía e Sociedade
A organización desta xornada insírese na liña de traballo da Sección de Ciencia, Natureza, Tecnoloxía e Sociedade, coordinada por Elena Vázquez Cendón. Entre as súas accións elaboran materiais e recursos didácticos como é o proxecto “Álbum da ciencia”, unha completa base de datos con biografías de científicos e científicas galegas, ou a publicación de varias bandas deseñadas. Nas súas actividades destacan informes como “A divulgación da ciencia en Galicia”, que compila a variedade e calidade de iniciativas que existen no noso país para a difusión do coñecemento científico. Ángel Carracedo, Jorge Mira, Xurxo Mariño ou Marilar Aleixandre son algúns dos membros desta sección.