----

Presentada en Vigo a programación do Día das Letras Galegas que lembrará a contemporaneidade de Xela Arias

Publicacións, proxeccións multimedia, concertos e un acto académico son as actividades centrais que lembrarán a figura de Xela Arias (Lugo, 1962- Vigo, 2003) ao longo de todo o ano. Así o explicaron esta mañá en Vigo Román Rodríguez, conselleiro de Cultura e Turismo; Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG); Víctor Freixanes, presidente da Real Academia Galega (RAG); Xaime Arias director de proxección social da CRTVG e Darío Gil Arias, fillo da homenaxeada.
Presentada en Vigo a programación do Día das Letras Galegas que lembrará a contemporaneidade de Xela Arias

O IES Castelao de Vigo en que Xela Arias estuou acolleu esta martes a presentación da programación do Día das Letras Galegas. “Será unha celebración dun xeito diferente ao que xa estamos afeitos” anunciou o Conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, en clara referencia ás circunstancias sanitarias. “Non será como esperábamos pero será unha programación moi transversal que nos permitirá estar desde os centros educativos ata os concellos” engadiu Román. O presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, aproveitou para facer memoria e lembrar que o que comezou en 1963 como un acto académico, converteuse nunha festa social. “Fronte aos petrucios, Xela Arias representa as novas xeracións. Ela apostaba pola modernidade e supón un convite a dialogar co todo o que significaba a contemporaneidade” engadiu. A Televisión de Galicia e a Radio Galega, tal e como explicou Xaime Arias, director de proxección social, daranlle difusión ao programa de actividades para contribuír a visibilizar a súa figura.

A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, destacou que o CCG xa presentara a súa programación o pasado 3 de marzo, e que toda acción irá máis alá do dia central, o 17 de maio. “Hoxe presentamos un programa con medio cento de actividades, pero a medida que vaia transcorrendo o ano haberá moitas máis que non caberán nunha ducia de folletos coma este” avanzando novas iniciativas que se irán perfilando co ano.

Programación do CCG
Na véspera do 4 de marzo, día en que Xela Arias cumpriría 59 anos, o Consello da Cultura Galega presentou o seu programa de actividades que se mantén fiel á liña de traballo habitual (un espazo web, unha publicación e un concerto) sempre acomodada ao perfil da figura homenaxeada. Nesta ocasión, o poema de Xela titulado “Ambiciono o equilibrio dos extremos” serve de guía da programación deseñada polo Consello da Cultura Galega. Unha programación marcada pola idea de pluralidade, de diversidade, de interxenacionalidade e buscar un equilibrio coa Galicia actual. Foi tamén o título do recital difundido no Día da Poesía e que serviu para poñer en diálogo a obra poética de Xela Arias coa das novas xeracións de poetas. Nel, doce escritores e escritoras escollen un poema da autora de “Intempériome” que fan dialogar con outro que elaboraron expresamente para a ocasión.
Nos primeiros días de maio o Consello da Cultura Galega recupera unha obra da personalidade homenaxeada e prepara unha edición non venal. Nesta ocasión, e cumprindo cun desexo da súa familia, ofrecerase “¡Non te amola!”. Trátase dunha obra narrativa, que se afasta lixeiramente dos seus xéneros habituais que a autora deixou perfectamente rematada. É un texto narrativo extenso, un xénero no que Xela traballara moito, e no que ficcionou en boa medida a súa nenez. O libro estará ilustrado por Bea Gregores (Vigo, 1995) “nese aceno ao espírito de Xela de atender ás vangardas e darlle unha oportunidade de xente nova de atoparse coa súa obra” asegurou Vilavedar.

O Concerto das Letras Galegas poñerá o ramo ás actividades preparadas pola institución. Como é habitual, terá lugar o 16 de maio, como antesala dos actos de celebración convocados pola Real Academia Galega. “Será en Vigo, cidade moi próxima á biografía de Xela Arias e ofrecerá unha proposta creativa visual que pensamos que lle gustaría á propia Xela” apuntou Dolores Vilavedra. A presenza escénica do scrartching nebuloso de PicoAmperio e o carisma magnético de Laura LaMontagne fundiranse coa poesía de Xela nunha proposta estética audiovisual moi anovadora.

Desde hoxe se pode consultar no web do Consello da Cultura Galega un especial web que concentrará a información da institución arredor desta celebración. Entre os materiais destaca o documental “Xela e a palabra” encargado polo Consello da Cultura Galega en 2014 para prestar atención o valor que a palabra tiña para autora e tamén ao traballo de tradución e edición que exerceu en Edicións Xerais de Galicia. Foi proxectado no marco da xornada “Xela Arias e Luísa Villalta: letras, interartes, proxectos na fin de século” organizada na sede da institución.