NOTICIA

----

Incorpórase ao Álbum de Galicia a biografía de Anne MacSwiney, unha das poucas mulleres que escribiron na Revista Nós

Só oito mulleres escribiron na Revista Nós. Unha delas foi Anne MacSwiney, unha comprometida mestra e loitadora nacionalista irlandesa. Participou no número 8 da emblemática publicación, con artigo titulado "Notas da vida de Terencio Mac Swiney», dedicado ao seu irmán, alcalde de Cork polo Sinn Féin, morto en prisión tras unha longa folga de fame coa que procuraba reivindicar os seus ideais e os de milleiros de irlandeses. A súa biografía é a última entrada do Álbum de Galicia.

En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: desde a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa Historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país.
As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.
O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do CCG, que desde o ano 2005 teñen publicado álbums ao redor da muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.