O Consello da Cultura Galega adapta en formato podcast “La Lindona de Galicia”, unha comedia moi representada no Século de Ouro

Na véspera do Día Mundial do Teatro, o Consello da Cultura Galega (CCG) presenta “A Lindona de Galicia”, un proxecto que explica e ficciona en cinco episodios sonoros unha obra que foi moi representada durante dous séculos. O texto é unha comedia de enredo protagonizada por unha brava muller que fala en lingua galega e que se afasta dos arquetipos da época. A adaptación en formato podcast desta peza foi dirixida por Tito Asorey, quen tamén a protagoniza xunto con Melania Cruz, Sergio Zearreta e Josito Porto. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez; o coordinador do proxecto, Manuel Gago; e o director da adaptación, Tito Asorey, presentaron esta ficción que comeza a emitirse hoxe acompañada dunha serie de artigos contextualizadores.
O Consello da Cultura Galega adapta en formato podcast “La Lindona de Galicia”, unha comedia moi representada no Século de Ouro

“Celebramos o Día Mundial do Teatro cun texto que nos coloca nun episodio da nosa historia que ten que ver coa sucesión fraticida do reino de Galicia” explicou a presidenta, Rosario Álvarez que tamén puntualizou que “o que nos chamou a atención é a protagonista, unha muller galega indómita, que non se deixa nin avasalar”. Trátase da Lindona, unha muller de forte carácter que se rebela ante a traizón do Rei García. Ademais, Lindona fala galego. “Non é infrecuente o uso do galego no teatro do Século de Ouro ou no teatro portugués pero é un uso paródico, cubrir de trazos humorísticos esas personaxes. Nada que ver coa Lindona, na que non hai nada paródico e onde destaca a dignidade desa posición” explicou a presidenta.

O especial
“Presentamos un proxecto de divulgación orientado a tomar un suxeito histórico do Século de Ouro e contribuír a enriquecer e incorporar esta figura que pode no futuro tomar novas formas” explicou Manuel Gago, coordinador do proxecto. O especial presentado en rolda de prensa contén dúas partes. Dunha banda están unha serie de artigos elaborados por destacados especialistas que explican e contextualizan a importancia de “La Lindona de Galicia”, peza teatral que foi escrita nas primeiras décadas do século XVII polo autor murciano Andrés de Claramonte. Unha obra que foi moi representada durante dous séculos e que conta unha historia de enredo entre Lindona e o rei García, coa perda do reino de Galicia como pano de fondo. Da outra está a ficción sonora da peza, que foi adaptada a formato podcast baixo a dirección de Tito Asorey. O elenco da obra está formado por Melania Cruz (que fai as voces de Lindona e a da súa filla, Linda), Josito Porto (que interpreta a don Diego, Gallego, Vasco, Mormojón e o rei), Sergio Zearreta (o rei Sancho e o príncipe) e mais o propio Asorey (García e Ordoño). Foi sonorizada por Chus Silva e gravada nos estudios Potemkin. Na presentación, Tito Asorey destacou que foi “un fascinante traballo de dramatuxia que houbo que adaptar de tres actos a unha ficción de 5 episodios”.

A ficción sonora está dividida en cinco episodios que comezan hoxe a súa emisión e se estenden ata o martes 30. Cada episodio chega acompañado dun artigo contextualizador da obra de teatro, a súa época e o texto orixinal a cargo de destacados especialistas. É accesible desde o web do CCG pero tamén desde plataformas do acceso a podcast como Anchor, Spotify e IVOOX.

Ademais, no especial pódese descargar a edición considerada a máis antiga do texto, que foi dixitalizada pola Biblioteca Estatal de Baviera.

O contexto da Lindona
Santiago Fernández Mosquera, membro do Grupo de Investigación Calderón da Universidade de Santiago de Compostela, asina o artigo “La Lindona de Galicia, comedia de protagonista galega”, no que fai unha análise da personaxe da Lindona no marco da tradición da comedia do Século de Ouro.

Pola súa parte, Anselmo López García ofrece unha aproximación histórica á figura do rei García nun artigo titulado “García II de Galicia. Da lenda á historia”. O contexto social chega da man do profesor da Universidade de Santiago Isidro Dubert, que baixo o título “Galicia nos comezos do século XVII” explica como era a sociedade galega naquela época e o papel que desenvolveu a fidalguía.
A profesora da Université de Nantes Delphine Sangu explica no artigo “La Lindona de Galicia: unha traxectoria dramática entre paixón amorosa e tiranía” que a traxectoria dramática de Lindona se caracteriza pola paixón amorosa e o exercicio inxusto da lei, ou sexa, da tiranía. Tamén afirma que Galicia aparece como un territorio xeográfico, salvaxe, máxico, propicio a unha mitoloxía feminina transgresiva.

A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, analiza a lingua galega neste texto. Baixo o título “A escena! Galicia, os galegos e a lingua galega”, asegura que a “presenza da lingua galega en La Lindona de Galicia é sorprendente, sobre todo polo seu carácter non anecdótico nunha obra que, obviamente, non foi concibida para a súa representación en Galicia nin en contextos máis ou menos privados para públicos con familiaridade con esta lingua”.

A obra
“La Lindona de Galicia” é una peza teatral que foi escrita nas primeiras décadas do século XVII polo autor murciano Andrés de Claramonte, aínda que foi atribuída a Vázquez de Montalbán. Non é unha peza da historia do teatro galego pero é unha comedia que combina a lingua castelá e a galega, dun xeito particular, e foi interpretada con éxito durante dous séculos por toda España. Conta a historia do rei García, quen, na ambición de facerse co trono de Galicia, rexeita a súa antiga amante Lindona, unha brava señora que domina o reino desde o seu castelo das terras de Ribadulla. A ira desta muller traizoada desencadeará os sucesos desta obra de enredo, entre os que destaca o asasinato de Linda, a filla de ambos.

O rei García do que trata a obra é García II, fillo de Fernando I e Sancha I, un monarca galego que reinou entre os anos 1065 e 1071. Herdou o reino de Galicia, co condado de Portugal, e a protección e parias das taifas de Badaxoz e Sevilla. En 1071 tivo que se enfrontar ao alzamento da nobreza portuguesa e derrotou a Nuno Mendes, conde de Portugal, na batalla de Pedroso. Pouco despois foi atacado e vencido polo seu irmán Sancho II de Castela e tivo que se exiliar en Sevilla. Tras a morte de Sancho o ano seguinte, regresou, mais foi apreixado mediante engano polo seu irmán Afonso VI de León e pasou o resto da súa vida encadeado no castelo de Luna, preto de León.

A súa historia fixo que fose tratado como un rei inepto e perdedor pero entrou na categoría de mito na literatura galega contemporánea, imaxinado por autores como Manuel Rivas, Darío Xoán Cabana ou Xoán Bernárdez Vilar. Non foi así a personaxe de ficción da Lindona e a súa filla Linda, poderosas figuras femininas, que se esluíron co tempo.