Unha xornada do Consello da Cultura Galega propón un decálogo para a cultura sustentable en Galicia

Situar a cidadanía no centro da acción cultural, entender a cultura desde unha perspectiva ampla, priorizar o investimento público cultural no reforzo de persoal e favorecer unha economía máis social son algúns dos aspectos que contempla o “Decálogo para unha cultura sustentable en Galicia”, documento elaborado pola Comisión Técnica Temporal de Xestión e Políticas Culturais do Consello da Cultura Galega (CCG). Esta síntese é o resultado das achegas realizadas por diferentes expertos e axentes culturais no marco da xornada “Futuros presentes, conversas sobre cultura e sustentabilidade” desenvolvida o pasado mes de febreiro.

O decálogo feito público hoxe procura un cambio de modelo en consonancia cos movementos que nesta liña se desenvolven a nivel europeo. A Comisión Europea ten en marcha o Pacto Verde (Green Deal), a folla de ruta para dotar a UE dunha economía e dunha sociedade máis sustentables e acadar unha transición xusta e integradora para todos. É unha prioridade transversal á que se acaban de incorporar programas culturais como Europa Creativa e o novo programa Ciudadanos, Igualdad, Derechos y Valores.

O decálogo
O decálogo elaborado pola Comisión Técnica Temporal de Xestión e Políticas Culturais propón un cambio de modelo no que a cultura se entenda desde unha perspectiva ampla, que busque unha economía da cultura máis social que promova fórmulas cooperativistas que contribúen ao desenvolvemento local e a unha maior estabilidade do emprego e dos proxectos. Nesa lóxica de traballo, o decálogo motiva a reformular os grandes eventos culturais cunha ollada á proximidade, á viabilidade e á diversificación dos proxectos. E non só iso, desde unha lóxica de sustentabilidade propón evitar o gasto en novas infraestruturas a prol de maior reforzo de persoal e mantemento de estruturas. Esta comisión avoga polo apoio aos procesos de transformación dixital e de internacionalización da cultura.
Nesta nova lóxica de traballo, un dos puntos centrais pasa por que a cidadanía estea no centro das políticas públicas, que teña en conta o carácter rural da cultura galega e que se preste atención aos retornos sociais non monetarios.

Colofón dunha xornada
Este decálogo pon o ramo á xornada desenvolvida no mes de febreiro. Durante catro días fixéronse públicas as intervencións de diferentes especialistas que combinaban discursos teóricos con experiencias prácticas arredor da sustentabilidade cultural. As xornadas comezaron coa intervención de Lluis Bonet, director do programa de xestión cultural da Universitat de Barcelona, que estableceu que a sustentabilidade está de moda pero para el é moito máis e apuntou a un cambio de tendencia e de paradigma. Con todo, incidiu na necesidade de ter unha estratexia porque, segundo afirmou, “sen ela non hai sustentabilidade de ningunha maneira”. Outro teórico, o investigador do Instituto de Historia do CSIC Jaime Vindel, propuxo a necesidade de vivir doutra maneira. Na súa intervención explicou que un dos retos da cultura pasa pola transición cara ao ecosocial.

A teoría combinouse coa práctica da man de Marián Fernández, que xuntou nunha mesa diferentes proxectos culturais que se están a desenvolver en Galicia. “Escolmamos catro pero deixamos fóra un montón deles, e todos moi interesantes” explicou Marián. Neste panel de experiencias falouse de Cinema Palleiriso –un festival de cinema creado nunha palleira–, do Festival de debuxo ao natural en Sende ou o Festival Agrocuir da Ulla. Os seus responsables amosaron que existe outra forma de facer cultura, con imaxinación e tamén cunha alta dose de integración no espazo e na comunidade. Fóra desa mesa, Encarna Lago, da rede museística de Lugo, e Anabel Gulías, do concello de Pontevedra, presentaron dous proxectos diferentes promovidos por entidades públicas que teñen a cidadanía como centro da súa actividade. Benito Burgos, do Ministerio de Cultura, completou o panorama ao apuntar novas liñas de traballo públicas que pensan na cidadanía por riba das infraestruturas.

Na xornada, Fran Quiroga presentou o avance do informe “Cultura e sustentabilidade. Repensando os xeitos de facer cultura”, encargado polo Consello da Cultura Galega. O documento, que estará listo para o segundo semestre de 2021, ten un carácter informativo cunha marcada vocación práctica. Nel identifícanse experiencias relevantes a modo de cartografía e incluirá un decálogo e recomendacións para a mellora da cultura e da sustentabilidade. Fran Quiroga explicou que “nesta primeira fase estamos a realizar unha análise de iniciativas para coñecer a diversidade desta realidade e poder extraer conclusións”. Na súa intervención explicou que o informe é de carácter cualitativo e focaliza a súa análise en diferentes proxectos que traballan arredor da sustentabilidade e que manteñen unha serie de características comúns, como o uso de recursos locais, que traballan co contexto, que teñen unha baixa pegada ecolóxica, que tecen comunidade e ofrecen un retorno á sociedade, entre outros valores.

Comisión Técnica Temporal de Xestión e Políticas Culturais
Dolores Vilavedra é a coordinadora da Comisión Técnica Temporal de Xestión e Políticas Culturais, integrada por Marcos Lorenzo, Marián Fernández, Alberto García, Encarna Lago, Xavier Campos, Segio Lago, Agar Ledo e Belén Pichel. Entre as súas actividades recentes destaca o ciclo de reflexión “Xestión e políticas culturais nos concellos. Retos ante a COVID-19”, do que saíu un informe homónimo que ofrece unha ollada local, pública e de proximidade, amosando un conxunto de datos imprescindibles para comprender a complexidade do fenómeno que a crise sanitaria supuxo para a sociedade galega, en xeral, e para a cultura, en particular.

Outras noticias que te poden interesar: