A entrada da arquitecta Maria del Milagro Rey Hombre incorpórase ao Álbum de Galicia

Proxectou algunhas das construcións máis emblemáticas da Coruña como a fonte de Catro Camiños ou a “Torre Douradas” o primeiro rañaceos da cidade. Foi precisamente na capital herculina onde María del Milagro Rey Hombre (Madrid,1930- A Coruña, 2014) desenvolveu a súa traxectoria profesional como arquitecta e tamén como docente. A súa entrada acaba de incorporarse ao Álbum de Galicia.

A María del Milagro Rey Hombre a súa paixón pola arquitectura venlle de familia. Seu pai foi Santiago Rey, un recoñecido arquitecto racionalista autor do primeiro estadio de Riazor. No seu estudo aprendeu a ler e escribir a base de calcar os planos dos delineantes no estudio de arquitectura do seu pai. Na biblioteca paterna, ollaba as revistas de deseño e arquitectura, entre as que se encontraba Moderne Bauformen, da escola alemá Bauhaus. E tamén, dende moi cativa, acompañou ao seu pai nas visitas de obra.

Estudou na Escola de Arquitectura de Madrid onde se licenciou no 1960. Tras realizar o servizo sociai, regresa á Coruña onde compaxinou a actividade liberal do seu estudio de arquitectura co desempeño, como arquitecta municipal, da dirección da Sección Técnica do concello da Coruña. Nos seus máis de corenta anos de actividade realizou máis de dous mil trescentos proxectos. Vivendas unifamiliares, edificios residenciais, igrexas, naves industriais, reformas ou ampliacións, que conforman unha herdanza arquitectónica caracterizada pola sinxeleza de liñas e a economía das formas.

Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: desde a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa Historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país.

As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.

O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do CCG, que desde o ano 2005 teñen publicado álbums ao redor da muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.