----

O Consello da Cultura Galega recibe unha doazón sobre Urbano Feijóo de Sotomayor

A figura de Urbano Feijóo de Sotomayor (1808-1898) é bastante controvertida. Foi un empresario e político galego que promoveu a creación dun plan de colonización que facilitase, en termos xurídicos, económicos, filantrópicos e prácticos a chegada a Cuba de galegos. Un operativo que se iniciou en 1854 e rematou dous anos despois nunha crise motivada polo trato denigrante dispensado aos traballadores. Algúns dos documentos que axudan a comprender esta época están no fondo documental que o profesor Luis T. González del Valle acaba de doar ao Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega (CCG) con intermediación da Secretaría Xeral da Emigración.

A listaxe de 139 colonos galegos contratados pola empresa de inmigración de Urbano Feijóo Sotomayor é un atípico documento que se integra dentro do fondo que acaba de recibir o Arquivo da Emigración Galega do CCG. Contén información (os nomes dos buques nos que foron transportados, información sobre o servizo militar, orixe dentro de Cuba, número que lle foi asignado….) dos preto de 2000 galegos que foron levados a Cuba no marco do plan de colonización promovido por Urbano Feijóo e que rematou dous anos despois cun grande escándalo polo trato denigrante que sufriron. A listaxe dos colonos é un dos catorce documentos que conforman o fondo doado ao CCG e que suman un total de 92 páxinas que axudan a entender non só a controvertida figura de Urbano Feijóo senón tamén unha época concreta da historia de Cuba.

A doazón inclúe tamén un dosier con 14 documentos datados entre 1854 e 1857 sobre o Ferrocarril Central en Cuba. Tamén hai información sobre a débeda contraída por Feijóo Sotomayor na contratación de traballadores galegos e os termos en que sería saldada. Estes documentos amosan tamén a implicación que Feijóo Sotomayor tivo no paupérrimo trato dispensado aos colonos galegos. A documentación cedida por González del Valle ao Arquivo da Emigración Galega provén de anticuarios e poxas. Luis Tomás González del Valle Río (Santa Clara, Cuba, 1946) é catedrático emérito de Literatura Española e Hispanoamericana da Universidade de Temple (Filadelfia, Pensilvania), foi director do Departamento de Español e Portugués desta universidade entre 2007 e 2014. É un recoñecido hispanista que desenvolveu un amplo labor como editor e como autor.

Sobre Urbano Feijóo
Urbano Feijóo Sotomayor naceu e morreu en Viana do Bolo. Foi un controvertido empresario que tamén fixo carreira política, xa que foi deputado no Congreso por Ourense e polo distrito de Matanzas en Cuba. Como membro da Junta de Población Blanca, elaborou, co apoio do capitán xeneral da illa, Valentín Cañedo, unha Memoria que contiña o proxecto de trasladar galegos a Cuba con dous obxectivos declarados: “socorrer a los desgraciados gallegos” e “contribuir a la agricultura y al aumento de la población blanca de la isla”. Fundamentando a súa actuación no seu amor a ambos os dous países, ofrécelles aos emigrantes galegos un contrato por cinco anos para traballar na illa, con boas condicións laborais e de vida, facéndose cargo dos gastos de aclimatación e asegurando o seu retorno ao fogar ao cabo dese tempo. Presentou a empresa como un proxecto filantrópico e chegou a publicar un folleto co título de “Isla de Cuba: Inmigración de trabajadores españoles”. A cambio el recibiría unha subvención do Goberno da illa para sufragar os gastos das viaxes, ademais de varias concesións na construción do ferrocarril cubano. En 1853 fúndase a Compañía Patriótica Mercantil, encargada de contratar e xestionar a chegada dos galegos á illa. En marzo de 1854 arriban á Habana os primeiros 314 traballadores galegos na fragata Villa de Neda. En seis meses realizáronse oito expedicións dende Galicia a Cuba, coa chegada dun total de 1744 emigrantes galegos. Pero a realidade foi moi diferente: os contratos asinados por estes traballadores eran totalmente lesivos para os seus intereses e as condicións en que vivían eran infrahumanas. Ante o escándalo por esta situación, Feijóo cobrou as subvencións concedidas e marchou da illa, para finalmente instalarse en Madrid no seu posto de deputado nas Cortes. Houbo un proceso xudicial, pero a empresa foi disolta e Urbano Feijóo Sotomayor saíu libre de cargos.

Arquivo da Emigración Galega (AEG)
O Arquivo da Emigración Galega é un centro que desenvolve proxectos de investigación que intentan aproximarse ao fenómeno migratorio desde os máis diversos enfoques, cun carácter netamente interdisciplinar. Entre as súas áreas de traballo está a difusión de estudos sobre o fenómeno migratorio, a través de publicacións de obras de interese cultural e científico. Está dirixido por Xosé Manoel Núñez Seixas e conta entre os seus membros con Antía Pérez, Xesús Fraga, Raúl Soutelo ou Luís Domínguez.

Esta documentación contribúe a completar outros materiais que custodia o AEG relativos ás oito expedicións organizadas en 1854 para levar 1744 emigrantes galegos a Cuba, no momento en que a illa se converteu nun dos principais países produtores de azucre e café.