O Consello da Cultura Galega, a Valedora do Pobo e a Fundación Secretariado Gitano conmemoran o Día Internacional do Pobo Xitano cunha xornada

O vindeiro 8 de abril é o Día Internacional do Pobo Xitano, unha efeméride á que neste 2021 se suma outra: o 50 aniversario do I Congreso Mundial roma/xitano realizado en Londres en 1971, no que se instituíron a bandeira e o himno xitanos. Con estas dúas conmemoracións, o Consello da Cultura Galega (CCG), a Valedora do Pobo e a Fundación Secretariado Gitano volven unir as súas forzas para levar a cabo a segunda xornada “Pobo xitano: por unha sociedade máis igualitaria”. Nesta ocasión a cita pon o acento no coidado e o papel que os maiores desempeñan na cultura xitana. Os relatorios son gravados previamente e difundiranse ese día desde o web e as redes sociais do CCG.

Rosario Álvarez Blanco, presidenta do Consello da Cultura Galega; María Dolores Fernández Galiño, valedora do Pobo, e Eva Vera Ledo, directora da Fundación Secretariado Gitano en Galicia, son as encargadas de presentar esta xornada, que busca facer unha homenaxe aos maiores e lembrar o seu papel relevante na cultura xitana en momentos tan difíciles coma os actuais. A cita está encamiñada a visibilizar a cultura xitana e conseguir unha maior integración das minorías. Segundo os datos facilitados polo Secretariado Gitano, en Galicia viven preto de 13.000 persoas xitanas, que supoñen o 2,7 % dos residentes en España.

O programa está conformado por unha mesa de experiencias e testemuñas e un coloquio que estará moderado por Fernando Montoya Silva, da Fundación Secretariado Gitano. “A cultura xitana no imaxinario colectivo” é o título da intervención da xornalista Ana Mª Segovia Montoya, actualmente directora do Departamento de Comunicación da Fundación Secretariado Gitano en Madrid. Sobre a relevancia da participación nos procesos de inclusión social das culturas minoritarias falarán David Gabarri Jiménez, estudante do grao de Educación Social na Universidade da Coruña e traballador da Fundación Secretariado Gitano na Coruña, e Sonia Suárez Suárez, graduada en Traballo Social pola Universidade de Vigo e monitora de apoio e integración a persoas con discapacidade. Nesta mesa tamén participará Manuela Díaz, unha muller que traballa nos mercados ambulantes e que contará a súa experiencia.

Antecedentes: a primeira xornada
Esta cita é continuidade doutra desenvolvida en novembro de 2020 na que se apuntou a diversidade interna do pobo xitano, a riqueza das súas expresións culturais e a necesidade de combater os estereotipos. Aquela cita programou unha conferencia de Carlos Giménez, catedrático de Antropoloxía Social da Universidad Autónoma de Madrid, quen trazou unha panorámica da cultura xitana. Na intervención, que se pode consultar desde o web do CCG, fixo un achegamento a esta cultura desde un punto de vista antropolóxico. Nela destacou que hai moitas formas de ser xitano e trazou características comúns. “O pobo xitano ten trazos físicos e biolóxicos que teñen que ver co xenotipo (a forma da cabeza, dos ollos, do esqueleto, do cranio...) pero non son o máis importante, porque sabemos que a raza física non indica nada” explicou. Na súa opinión, o verdadeiramente significativo está nas manifestacións culturais, nos seus valores e en toda a dimensión simbólica. “Teñen un concepto moi arraigado e singular da familia, pero tamén teñen outros valores como o respecto aos seus maiores ou as formas de solución de conflito, nas que as figuras de respecto teñen un rol importante”. Engadiu que é un pobo tremendamente relixioso, tanto na súa versión católica como na protestante-evanxélica, para o que “a conexión entre o cultural e relixioso é moi profunda”.
Tamén destacou a riqueza e a importancia da produción cultural do pobo xitano. “No centro da produción literaria e poética está o flamenco, que foi declarado pola Unesco patrimonio inmaterial da Humanidade en 2010. É unha expresión de canto, baile e música e hai unha riqueza enorme nesta primeira visión”. Pero advertiu que “o flamenco non é só unha expresión artística, senón que ten tamén unha dimensión social, de resistencia... que cómpre ter moi presente”. Puxo o acento en explicar que outro dos aspectos importantes é a diversidade interna do pobo xitano.

Outras noticias que te poden interesar: