NOTICIA

----

O Consello da Cultura Galega, a Secretaría Xeral da Emigracion e a Fundación Seoane presentan “Fardel de eisilado”

“Fardel de eisilado” é unha pequena xoia que encerra moitas historias. Luís Seoane concibiuno como un libro de debuxos con textos e acabou sendo un dos primeiros poemarios que inauguraron a poesía socialrealista na literatura galega. Circulou entre os libros prohibidos no franquismo e amosa outra das caras do poliédrico Seoane. Mañá martes 6 de abril, o Consello da Cultura Galega (CCG) presentará esta publicación na sede da Fundación Luís Seoane. O acto terá lugar ás 19:00 horas e intervirán a presidenta do CCG, Rosario Álvarez; o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda; o vicepresidente da institución e coordinador da colección, Xosé M. Núñez Seixas; a directora da Fundación Seoane, Silvia Longueira, e o autor do estudo introdutorio, Gregorio Ferreiro Fente.

“Fardel de eisilado ía chamarse inicialmente Fardel de emigrantes, porque para Seoane non hai distinción entre emigración e exilio, para el son persoas que foron expulsadas da sociedade” comenta Gregorio Ferreiro, autor do estudo introdutorio desta obra. É a quinta entrega da colección Clásicos da emigración e presenta a versión facsimilar dunha obra que nos achega unha parte moi persoal de Luís Seoane cando se cumpren 110 anos do seu nacemento. “Aquí céntrase na súa experiencia como exiliado, que tamén se pode trasladar ao ámbito do exilio en xeral” di Gregorio Ferreiro. O propio Seoane confesaría pouco antes de morrer que este icónico poemario foi “un dos seus libros máis queridos”.

Algúns dos poemas que compoñen este fardel foron escritos en 1967, a bordo do Highland Princess, na viaxe que o leva de volta desde Londres a Bos Aires e na que fai unha parada en Galicia. Di Ferreiro no estudo que “aguilloado por un sentimento de derrota persoal, por pura necesidade de expresar o seu desacougo”. O libro tardou tres anos en cobrar forma e o proxecto mudou bastante neste tempo. Estaba concibido inicialmente como un álbum ilustrado con poemas e non como poemario. O texto final conserva seis dos oito poemas do proxecto primixenio e engade outros oito de nova factura.

“El fai unha poesía prosaica que pretende comunicar unha mensaxe; pretende expresar unha realidade social, un problema…” afirma Gregorio Ferreiro, que destaca o coidado uso da linguaxe pero, sobre todo, conecta a innovación na súa poesía con toda a súa traxectoria creadora. O libro é unha das primeiras mostras da poesía socialrealista que irrompeu no sistema literario galego da época e que tivo a Celso Emilio Ferreiro como o seu máximo expoñente.

O “Fardel” alcanzou, como se asegura no estudo introdutorio, “unha nada desestimable difusión na Galicia da época, dentro sempre do minoritario círculo de lletraferits, especialmente de ideario galeguista, interesado na poesía en galego ou en calquera manifestación literaria escrita no idioma do país”. Foi un dos libros prohibidos que se intercambiaban nos circuítos antifranquistas.

O Consello da Cultura Galega aproveitou a presentación desta publicación para subir diferentes ilustracións da publicación realizadas polo propio Seoane.

Colección Clásicos da emigración
“La emigración en Galicia,” publicada por Ramón Castro López en 1923, foi o punto de apertura dunha colección de libros que, baixo o título Clásicos da emigración, pretende ofrecer un reflexo fiel do que supuxo a emigración galega tanto para aqueles que a viviron desde os seus países de destino como para os que os viron marchar.

A colección está integrada por unha ducia de títulos de diferentes xéneros que hoxe en día son difíciles de atopar en bibliotecas ou librarías e que, así, poden ser máis accesibles para o público investigador, mais tamén para calquera persoa interesada no tema. Reúne as distintas perspectivas que marcaron un dos fenómenos demográficos máis importantes dos últimos séculos en Galicia a través de obras que abranguen tanto ensaios como literatura de ficción ou biografías, entre outros xéneros, escritos entre principios do século XX e os anos 60, aproximadamente. Cada un dos volumes está prologado por un especialista contemporáneo na materia, como Ramón Villares, Raúl Soutelo ou Xosé M. Núñez Seixas, entre outros.

Arquivo da Emigración Galega
O Arquivo da Emigración Galega é un centro que desenvolve proxectos de investigación que intentan aproximarse ao fenómeno migratorio desde os máis diversos enfoques, cun carácter netamente interdisciplinario. Entre as súas áreas de traballo está a difusión de estudos sobre o fenómeno migratorio, a través de publicacións de obras de interese cultural e científico. Está dirixido por Xosé Manoel Núñez Seixas e conta entre os seus membros con Antía Pérez, Xesús Fraga, Raúl Soutelo ou Luís Domínguez.