----

O Álbum de Galicia incorpora a biografía de Ramiro Vidal, figura clave da colectivdade galega en Lisboa

Foi unha figura destacada para entender o xermolo da colectividade galega en Lisboa. Ramiro Vidal Carrera (Taboexa, As Neves, 1887 - Vilasobroso, Mondariz, 1967) é a última incorporación ao Álbum de Galicia. A súa entrada biográfica achega a súa evolución como empresario, pero tamén a súa faceta de político e colaborador en diferentes xornais.

Foi o maior de cinco irmáns que seguiu os pasos de seu pai cando emigrou a Portugal. O país veciño era un era destino habitual nos concellos pontevedreses limítrofes, tanto pola súa situación xeográfica e as numerosas relacións comerciais con Galicia, como pola existencia dunhas intensas cadeas migratorias que reactivaban o fenómeno cada certo tempo.

Comezou a traballar en varios comercios como aprendiz e mozo para todo, sen descoidar a súa formación de carácter autodidacta. Progresou nos negocios e iniciou colaboracións con diversos xornais como La Lucha, xornal vigués de tendencia republicana, do que foi correspondente en Lisboa dende 1907, e no que iniciou unha campaña pro-unión da colonia galega. Tamén colaborou con Vida Gallega, El Pueblo Gallego, El Tea ou Faro de Vigo entre outros, que publicaron moitas das súas crónicas e colaboracións literarias, ás veces baixo diversos alcumes como “Pepe de Eirol” ou “Orimar”.

Regresou a Galicia e, en plena ditadura de Primo de Rivera, foi nomeado concelleiro do goberno municipal en marzo de 1923 e alcalde en 1925. Nos seus anos como alcalde, modernizáronse as vías de comunicación co arranxo das estradas e camiños municipais e o saneamento das augas e subministro eléctrico para a vila e as parroquias. Ademais, construíuse un mercado de abastos moderno con todas as medidas hixiénicas e pavimentouse a praza principal da vila coa colocación dunha escultura, obra de Francisco Asorey, e un xardín con mobiliario urbano. O concello mercou un edificio que destinou a centro educativo para os nenos e nenas do pobo. Coa caída de Primo de Rivera, dimite como alcalde e na República intégrase no Partido Republicano Radical. Co estoupido da guerra civil trasládase coa súa familia a Monção e volve emprender en diferentes negocios, sen esquecer o seu compromiso social e político coa súa terra natal.

A entrada foi elaborada por Miguel Regojo Fernández, bisneto de Remiro Vidal, que cedeu material ao Arquivo da Emigración Galega.

Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: desde a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa Historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país.

As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.

O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do CCG, que desde o ano 2005 teñen publicado álbums ao redor da muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.