NOTICIA

----

O Consello da Cultura Galega xunta nun especial versións históricas de “Negra Sombra”, obra do compositor Juan Montes que se incorpora ao Álbum de Galicia

Juan Montes (Lugo, 1840-1899) foi un compositor, organista e director de música galego, famoso especialmente por ser o autor da versión musical do poema "Negra Sombra" de Rosalía de Castro. Este martes 13 de abril, cando se cumpren 181 anos do seu nacemento, o Consello da Cultura Galega (CCG) incorpora a súa entrada no Álbum de Galicia. Ademais, ofrece cinco versións históricas procedentes da colección de lousas do Arquivo Sonoro de Galicia do CCG. Estas gravacións, editadas entre 1924 e 1931, están interpretadas por coros galegos e por voces solistas do exterior, o que evidencia a popularidade desta composición.

Juan Montes (1840-1899) foi un compositor, organista e director de banda e orfeóns. Foi un autodidacta, iniciou a súa carreira sacerdotal no Seminario de Lugo, que abandonou en 1863 para dedicarse á súa vocación musical. Gran coñecedor da música popular e dos estudos de Inzenga, Antonio Noguera e Eduardo Ocón, desenvolveu un imporante labor como folclorista. Preocupouse pola recollida de materiais populares, que lles cedeu a estudosos como Castro Sampedro ou Felipe Pedrell, nos seus respectivos “Cancionero musical de Galicia” e “Cancionero musical popular español”. Foi un pianista habitual nos círculos culturais de Lugo, que reorganizou por encargo do Concello. Creou en 1879 o Orfeón Lucense, que pasaría a chamarse posteriormente Orfeón Gallego. A partir de aí comeza unha carreira de recoñecementos e premios en certames musicais de toda España na súa faceta de compositor e tamén de director de orfeón. Como compositor, cómpre citar, ademais dunha prolífica produción relixiosa, as obras baseadas na música popular e nos poemas de autores galegos.
A entrada biográfica de Juan Montes no Álbum de Galicia foi elaborada por Ilduara Vicente Franqueira, investigadora que está a rematar a súa tese de doutoramento sobre o compositor lucense. As imaxes de Juan Montes foron cedidas polo Museo Provincial de Lugo.

O compositor de “Negra Sombra”
“Negra Sombra“ é un dos poemas máis soados de Rosalía de Castro. Catro estrofas que condensan o seu pesimismo vital, o seu temor á morte e ao seu implacable proceder. Un himno musical para todos os galegos e galegas que, segundo Ilduara Vicente Franqueira, procede da composición Fantasía para gran orquestra que Montes presentou a un certame promovido pola sociedade Aires d’a Miña Terra na Habana. Esta peza tivo posteriormente unha versión para orfeón e, “nun dos movementos da dita fantasía, Montes incluíu un tema ao que finalmente lle daría protagonismo sendo unha obra independente para voz e piano: a recoñecidísima Negra Sombra, a cal presentaría a certame en Pontevedra” explica na súa entrada no Álbum de Galicia.
Foi en 1897 cando a imprenta coruñesa de Canuto Berea, co que Montes tiña unha gran relación, publica as “Seis baladas gallegas” para canto e piano, as seis alfaias máis estimables do compositor lucense. Son “As lixeiras anduriñas”, “Doce sono”, “Lonxe d’a terriña”, “Unha noite n’a eira do trigo”, “O pensar do labrego” e “Negra sombra”. Asegura Ilduara Vicente que “foron concibidas seguindo a inspiración dos lieder alemáns e baixo a concepción da música tradicional galega”. Naceu así unha peza icónica para a cultura galega que tivo un gran percorrido que chega ata a actualidade.

No especial inclúense cinco lousas que proceden do Arquivo Sonoro de Galicia. Son gravacións editadas entre 1924 e 1931. Entre elas destaca a versión instrumental da Orquesta Ibérica de Madrid, dirixida polo mestre Germán Lago (1883-1967), e a da Coral De Ruada, dirixida por Daniel González e que ten como solista o gaiteiro Virxilio Fernández.
Pero son moitas as versións que diferentes intérpretes, desde diferentes estilos musicais, fixeron deste tema. Destacan as de Amancio Prada, Dulce Pontes, María do Ceo, Najla Shami, Nuberu, Martirio, Rosa Zaragoza, Al Bano, Los Relámpagos, Astarot ou a Orquestra Sinfónica de Galicia. Alejandro Amenábar escolleu para a banda sonora da película “Mar adentro”, na que ficciona a vida de Ramón Sampedro, a versión que fixeron Carlos Núñez, Luz Casal e Ry Cooder, que foi publicada no primeiro álbum do gaiteiro (“A Irmandade das Estrelas”, 1996).