----

Unha xornada puxo de manifesto o papel non neutral de Galicia na II Guerra Mundial

“Falamos sempre da pegada de Galicia da II Guerra Mundial pero se cadra é tan ou máis importante a que o conflito deixa en Galicia” asegura Luis Domínguez, coordinador da xornada “Galicia e a II Guerra Mundial”. Esta cita, organizada polo Consello da Cultura Galega, conclúe hoxe cun debate en directo ás 18:30 horas pero todos os relatorios xa se poden consultar desde o web da institución. O coordinador considera que este encontro “puxo de manifesto que o que aconteceu coa II Guerra Mundial foi unha proba de que non estivemos á marxe e, parafraseando aos galeguistas da preguerra, Galicia é unha cédula de universalidade que estivo e está conectada coas correntes europeas”.

En tres paneis púxose enriba da mesa que “a suposta neutralidade non foi tal e que houbo incursións nun e noutro bando” apunta Luis Domínguez. Isto uníase tamén a unha situación xeográfica moi interesante desde o punto de vista do control das comunicacións. O primeiro panel centrouse en analizar a participación galega no eixe Berlín-Roma-Tokyo. Tres relatorios quixeron radiografar esa realidade á que achegaron moitos matices. O profesor da Universidade de Lisboa Antonio Muñoz Sánchez puxo sobre a mesa os traballadores forzados e voluntarios galegos na Alemaña nazi, e o historiador e vicepresidente do CCG, Xosé Manoel Núñez Seixas, analizou o papel galego na División Azul. Seixas asegurou na súa intervención que non é un capítulo moi estudado nin moi coñecido. O aspecto máis local chegou da man de Antonio Giráldez Lomba, do Instituto de Estudos Vigueses, que ofreceu as claves da colonia alemá en Vigo nos anos da guerra, que deixou unha importante presenza e mesmo tivo un importante colexio na cidade.
O segundo bloque tentou analizar o impacto que a guerra tivo na nosa economía, sobre todo a través da explotación do volframio. Precisamente sobre o papel que desempeñou no noso país falou Joan-Maria Thomàs, da Universitat Rovira i Virgili. Segundo el, foi un “near west” porque xerou unha gran riqueza pola explotación do mineral. Na súa intervención debullou que esta riqueza foi parar a propietarios e a intermediarios (legais ou ilegais) e ao Estado franquista, pero tamén se beneficiaron os traballadores de toda a cadea, desde a extracción ata a súa comercialización. A do volframio foi unha canteira importante entre Galicia e Castela, que deixou máis pegada na ficción que na historiografía. Os xacementos deste mineral estaban na Coruña, Ourense e Pontevedra e representaron o 69% da explotación deste mineral en España, que estaba en mans británicas con “testaferros” españois, para sortear as restricións á proporción de propiedade estranxeira en compañías españolas como marcaba a lei franquista.

O terceiro bloque analizou a relación entre Galicia e o chamado bloque dos Aliados. Nesta sesión, os diferentes relatores personalizaron en figuras concretas. Dunha banda, o coordinador da xornada falou sobre Salvador de Madariaga e sobre o seu papel na Unión Cultural dos Países da Europa Occidental. Da outra, o historiador e expresidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, centrouse na figura de Augusto Assía como correspondente de guerra. Ademais, abriu o foco Emilio Grandío Seoane, profesor da Universidade de Santiago de Compostela, que analizou o papel que os espías británicos desenvolveron en Galicia.

A pegada cultural
Unha das novidades desta xornada está na análise que o conflito deixou na cultura. A xornalista Paula Cons realizou diferentes producións audiovisuais en distintos formatos que analizan o fenómeno. Por iso, no marco do programa, o xornalista Xesús Fraga e a directora Paula Cons mantiveron unha conversa arredor do documental “A batalla descoñecida”. O documental, que se pode ver no web da CRTVG, conta un episodio histórico fundamental que puido ser clave no desenlace da Segunda Guerra Mundial. Pola súa banda, a profesora da USC e secretaria do CCG, Dolores Vilavedra, fixo unha revisión da pegada do conflito na nosa literatura. Parte da premisa de que o protagonismo da II Guerra Mundial na narrativa renova os procesos de abordaxe da memoria histórica e que chega da man dunha nova xeración de narradores e narradoras, que divide en dous bloques. Dunha banda, o protagonizado, entre outras, por Rosa Aneiros, Pilar Buela ou Inma López Silva, nas que a memoria histórica se vincula a procesos desterritorialización e globalización. Da outra banda está a literatura de escritores como Pedro Feijoo, Fran Lorenzo, Luis García Mañá ou Manuel Gago, nos que hai unha viraxe clara cara á épica. “É unha literatura de best-seller que non achega nada novidoso a nivel histórico nin de investigación pero que pon o foco nas memorias locais”. Entre as conclusións, Vilavedra destaca o potencial da memoria transnacional sobre o holocausto como un mecanismo de interpelación moral moi eficaz.

Arquivo da Emigración Galega
Esta xornada está organizada polo Arquivo da Emigración Galega, centro que desenvolve proxectos de investigación que intentan aproximarse ao fenómeno migratorio desde os máis diversos enfoques, cun carácter netamente interdisciplinario. Entre as súas áreas de traballo está a difusión de estudos sobre o fenómeno migratorio, a través de publicacións de obras de interese cultural e científico. Está dirixido por Xosé Manoel Núñez Seixas e conta entre os seus membros con Antía Pérez, Xesús Fraga, Raúl Soutelo ou Luis Domínguez.

Outras noticias que che poden interesar