NOTICIA

----

Unha publicación do Consello da Cultura Galega revisa e contextualiza o fenómeno das Irmandades da Fala

“As Irmandades da Fala no seu tempo: perspectivas cruzadas” é o título da última publicación dixital do Consello da Cultura Galega (CCG). Máis de cincocentas páxinas serven para explicar e contextualizar este movemento fundamental da nosa cultura desde unha perspectiva que nunca se abordara: a comparada. Isto permite situar o movemento histórico no seu contexto actual, é dicir, desde a perspectiva peninsular, europea e a dimensión americana da diáspora. O texto nútrese das palestras dos congresos que entre 2016 e 2018 o CCG realizou para celebrar o centenario da fundación e expansión das Irmandades da Fala. Ramón Villares, Xosé Manoel Núñez Seixas e Ramón Máiz foron coordinadores destas citas e tamén da actual publicación que xunta as principais contribucións. Complementa a publicación un vídeo no que participan Villares e Núñez Seixas,cunha presentación da presidenta do CCG, Rosario Álvarez. Todo ese material está dispoñible desde hoxe no web da institución.

Entre 2016 e 2018, coincidindo co centenario do período de nacemento e expansión das Irmandades da Fala, o Consello da Cultura Galega realizou en Santiago de Compostela tres congresos para analizar, desde unha perspectiva comparada, a relevancia e importancia do fenómeno. O primeiro deles titulábase “O contexto internacional das Irmandades da Fala. As nacionalidades na Europa de entreguerras: De Imperios a nacións” e desenvolveuse entre o 6 e 7 de outubro de 2016. As contribucións desta cita xa viron a luz o pasado mes de novembro no volume “First World War and the Nationality Question in Europe”, a cargo da recoñecida editorial Brill, que o editou en inglés baixo a coordinación de Xosé Manoel Núñez Seixas. Algún dos textos que publicou Brill están no libro que agora se presenta e que se complementa con outros doce relatorios que teñen a súa orixe nos congresos realizados en 2017 (co título Congreso Internacional Irmandades da Fala. Cultura e política na España de entreguerras) e en 2018 (Nacionalismo galego e diáspora [1916-1936]), que encadraron o movemento na súa contorna peninsular e tamén no das comunidades galegas da diáspora.

A novidade
Unha das características novidosas que achega esta publicación é que aborda desde unha perspectiva global, propia das olladas cruzadas e transnacionais, este movemento. O volume está dividido en tres seccións, que respectan a estrutura e denominación dos diferentes congresos, e conta coa participación de historiadores, politólogos e lingüistas, como son Johannes Kabatek, Joep Leerssen, Justo Beramendi, Isabel Burdiel, Borja de Riquer, José Luis de la Granja Sainz, Alfonso Iglesias Amorín, Henrique Monteagudo, Emilio Xose Ínsua, Raúl Soutelo, Carlos Pazos-Justo, Pilar Cagiao e os tres coordinadores.
O volume aborda, en primeiro lugar, o desenvolvemento político das nacionalidades en Europa durante a Primeira Guerra Mundial e as súas secuelas, cubrindo debates teóricos, sociais mobilización e perspectivas culturais. Ademais, achégase ao tema desde diferentes escalas, mesturando a perspectiva global e transnacional coa vista desde abaixo, dende os contextos locais, con particular atención ás zonas periféricas. En segundo lugar pasa revista ao contexto peninsular, tanto español como portugués, que arrodeou o seu xurdimento, centrado nos postulados rexionalistas de Emilia Pardo Bazán e as estratexias das forzas nacionalistas vasca e catalá. Por último, a publicación escudriña as dimensións atlánticas e diaspóricas do emerxente nacionalismo galego que permitiu ver a pegada en Cuba, no Uruguai, en Lisboa e noutros territorios.