NOTICIA

----

O Foro Patrimonio e Sociedade comeza demandando unha política global de ordenación do territorio

“Hai que entender que o patrimonio vai máis alá do monumento, é tamén paisaxe, bens mobles e inmobles; pero, sobre todo, hai que ter en conta a súa historia e a mirada da súa poboación” asegurou Iago Seara, quen, xunto con Carlos Nárdiz, ofreceu as conclusións da primeira mesa do “Foro Patrimonio e Sociedade”, espazo de reflexión arredor do patrimonio promovido polo Consello da Cultura Galega (CCG). “Estas xornadas son o resultado necesario de moitas demandas canalizadas a través da Sección de Patrimonio e Bens Culturais durante anos” asegurou a presidenta, Rosario Álvarez, na inauguración dunha cita que continúa mañá coa análise das políticas públicas.

Unha cita de Otero Pedrayo serviu de guía para a presentación das conclusión da Mesa 2, que estivo coordinada por Iago Seara e Carlos Nárdiz. Entre os dous debullaron as principais medidas sistematizadas en catro eixes e na súa elaboración participaron unhas dez persoas entre as que estaban Pegerto Saavedra, Felipe Criado, Manuel Chaín, Luisa Serrano ou Beatriz González Moreno.... Na súa exposición instaron á necesidade de que unhas normas non anulen outras e exista certa harmonía; pero tamén a aspectos concretos como conseguir que as Comunidades de Montes Veciñais en Man Común, que xestionan o 25% da superficies do país, adquiran un compromiso coa protección ambiental e paisaxística e sexan tidas en conta dende as administracións públicas. Ademais, tamén apuntaron a importancia de inculcar valores de respecto ao patrimonio desde idades temperás a través da escola. Carlos Nárdiz asegurou no debate que “falta unha verdadeira política global de ordenación do territorio na que se inclúa a concepción de paisaxe cultural”.

Na xornada puxeron de manifesto o destacado peso do turismo cultural polo que os investimentos en materia de patrimonio non se poden considerar como un gasto. Todas as ideas que se debateron ao longo da mañá, foron recollidas e sistematizadas na sesión de traballo que os membros desta mesa tiveron pola parte. Nela, o convidado desta primeira sesión, Ramón Fernádez-Baca Casares, deixou claro que “é necesaria a ampliación do concepto de tutela de patrimonio ao de políticas culturais”. Foi máis alá ao explicar que “cómpre harmonizar as políticas patrimoniais con outras políticas da administracións públicas e isto só é posible desde a cooperación das administracións, nos seus diferentes niveis, con outras entidades como grupos de investigación, asociacións...”. Outra das conclusións desta mesa pasa por dotar de recursos ás estruturas existentes, ademais dun cambio de foco.

A coordinadora do Foro e da Sección de Patrimonio e Bens Culturais, Rebeca Blanco-Rotea, apuntou que entre as conclusións desta primeira xornada queda claro que “cómpre poñer o patrimonio no centro, e tamén para resolver conflitos coa industria forestal, enerxética ou mineira”, ademais de destacar a importancia da transversalidade do patrimonio en todas as políticas da administración.

O foro
A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, indicou na inauguración que o documento resultante destas xornadas permitirá “elaborar unhas liñas estratéxicas” para o futuro do patrimonio. Canda ela, Rebea Blanco-Rotea destacou o carácter novidoso do proceso de traballo. “O foro non arrinca coa presentación, en 2019, senón en 2018 co deseño da metodoloxía que creo que é unha das grandes achegas desta actividade”.

O foro continúa o martes cando terá lugar a presentación das conclusións da Mesa 1 do Foro que analiza as políticas públicas e a normativa legal. Serán presentadas por Teresa Nieto e Cristina Sánchez-Carretero. Ese día tamén participa o catedrático de Historia da Arte, Universidad de Granada, José Castillo Ruiz, cun relatorio titulado “O patrimonio agrario: a construción cultural do territorio a través da actividade agraria”.

Remata o mércores coa presentación das conclusións da Mesa 3, que se titula “Patrimonio, educación, formación e cidadanía”. A conferencia marco desta sesión corre a cargo de Olaia Fontal Merillas, do Plan Nacional de Educación y Patrimonio (PNEyP) e do Observatorio Nacional de Educación y Patrimonio, sobre a dimensión educativa como vector estratéxico na xestión do patrimonio cultural.

A seguinte das fases comeza ao remata deste foro público, na que se integrarán todas as achegas do debate ao documento final, que será unha guía práctica que ofrecerá recomendacións e ferramentas para mellorar a xestión.

A Sección de Patrimonio e Bens Culturais
Esta cita é a punta do iceberg dun formato de traballo pioneiro, que se artellou en tres mesas de debate e que viu alterado o seu calendario por mor da pandemia. Deuse a coñecer o Día do Patrimonio de 2019, coa intención de presentar o documento final na mesma data pero de 2020. Reoganizado, preséntase agora no seu formto público. É tamén unha liña de traballo da Sección de Patrimonio e Bens Culturais do CCG que busca xerar debate e difusión entre a cidadanía, as administracións e os profesionais arredor de bens patrimoniais sobre os que se estean a desenvolver actuacións. Rebeca Blanco-Rotea coordina esta Sección, integrada por profesionais como Carlos Amoedo, Cristina Sánchez-Carretero, Iago Seara ou Rosa Benavides.