NOTICIA

----

O Foro propón a creación dunha comisión parlamentaria sobre patrimonio

O Consello da Cultura Galega (CCG) celebrou hoxe a segunda das sesións do “Foro Patrimonio e Sociedade” na que Teresa Nieto e Cristina Sánchez Carretero expuxeron as conclusións relativas á Mesa 1, que analizou as políticas públicas e a normativa legal. Entre elas destacou a proposta da creación dunha comisión específica de patrimonio no marco da Comisión de Cultura do Parlamento. A idea central desta sesión pasou por situar o patrimonio no foco das políticas públicas como un elemento transversal e non sectorial. A cita remata maña coa análise da relación entre patrimonio, educación, formación e cidadanía. Todas as intervencións se poden seguir e participar desde o web do CCG e as súas redes sociais.

Cristina Sánchez-Carretero e Teresa Nieto foron as coordinadoras da Mesa 1 que contou coa participación de, entre outros, Alfonso Díaz Revilla, Lucía Santiago, Fran Quiroga e Mar Pérez Fra. Hoxe foron as encargadas de expor os resultados de ano e medio de traballo de análise en materia de normativa legal, territorio e economía. Na súa intervención incidiron na necesidade de poñer o patrimonio no centro das políticas públicas.

“Non hai transversalidade se non se pon o patrimonio no foco” explicou Teresa Nieto. Destacaron que existen competencias suficientes en materia de patrimonio pero advertiron que as ferramentas para cumprilas son escasas e inadecuadas. “Non se desenvolveron os instrumentos fixados na Lei de Patrimonio Cultural” apuntaron nas conclusións preliminares. Ademais, incidiron na necesidade de que hai que facer mudanzas de cara a unha mellor e maior integración dalgunhas prácticas agrarias na idea de patrimonio. “Cómpre darlle continuidade a moitas tarefas agrícolas existentes e ter moi en conta ás persoas que viven e levan moitos anos traballando delas” aseguraron. Nese sentido, foi especialmente proveitosa a intervención de José Castillo Ruiz, catedrático de Historia da Arte da Universidad de Granada, que ofreceu unha conferencia marco sobre a construción cultural do territorio a través da actividade agraria. “O patrimonio é a centralidade” asegurou na súa intervención. No debate posterior falouse da necesidade de harmonizar a economía co respecto do patrimonio. “Estamos lonxe desta situación”, afirmou Cristina Sánchez-Carretero, que asegurou que “a relación do patrimonio coas políticas territoriais se fai desde a afectación pero non desde a integración, e cómpre romper coa xestión dividida de diferentes tipos de patrimonio: cultural, natural, paisaxe....”.

Outra idea que se apuntou nas conclusión é a necesidade de implicación da cidadanía. “Non estamos incorporando ferramentas concretas para canalizar a participación social e cando se implementa os estudos demostran que a maioría de casos se incorporan como instrumentalizacións cosméticas de procesos participativos” asegurou Teresa Nieto. Para iso, propuxeron a creación dunha rede de centros comarcais que funcione para asesorar e apoiar a cidadanía nos procedementos con actuacións nestas cuestións. Con todo, advertiron o risco de que se lle está a esixir ao patrimonio unhas responsabilidades ás que non se somete a outros ámbitos da xestión pública.

O foro remata mañá mércores coa presentación das conclusións da Mesa 3, que se titula “Patrimonio, educación, formación e cidadanía”. A conferencia marco desta sesión correrá a cargo de Olaia Fontal Merillas, do Plan Nacional de Educación y Patrimonio (PNEyP) e do Observatorio Nacional de Educación y Patrimonio, sobre a dimensión educativa como vector estratéxico na xestión do patrimonio cultural.
Trala exposición pública comeza a seguinte das fases, na que se integrarán todas as achegas do debate destes días nun documento final, que será unha guía práctica que ofrecerá recomendacións e ferramentas para mellorar a xestión.

A Sección de Patrimonio e Bens Culturais
Esta cita é a punta do iceberg dun formato de traballo pioneiro, que se artellou en tres mesas de debate e que viu alterado o seu calendario por mor da pandemia. Presentouse o Día do Patrimonio de 2019, coa intención de concluír na mesma data pero de 2020, pero tivo que ser reorganizado. A maior parte do traballo desenvolveuse de maneira pechada, nunha metodoloxía inédita que permitiu xuntar a preto de corenta persoas que chegan de ámbitos diferentes en relación co patrimonio. O Foro Patrimonio e Sociedade é tamén unha liña de traballo da Sección de Patrimonio e Bens Culturais do CCG que busca xerar debate e difusión entre a cidadanía, as administracións e os profesionais arredor de bens patrimoniais sobre os que se estean a desenvolver actuacións. Rebeca Blanco-Rotea coordina esta Sección, integrada por profesionais como Carlos Amoedo, Cristina Sánchez-Carretero, Iago Seara ou Rosa Benavides.