NOTICIA

----

A psiquiatra Iria Veiga falará mañá sobre os trastornos da verdade no ciclo “Pensarmos”

A médica psiquiatra e divulgadora científica Iria Veiga (Ferrol, 1981) intervirá mañá no ciclo “Pensarmos”, organizado pola Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega (CCG) e que este ano se centra no concepto de verdad. “Fabulación, simulación e delirio: A mentira como adaptación evolutiva e como patoloxía“ é o título da súa intervención, que ofrecerá en modo diálogo con Carme Adán, coordinadora do ciclo, e con Luisa Martínez Lorenzo. A conversa será presencial pero, en cumprimento das medidas sanitarias, require inscrición previa. Pode facerse a través do web da institución.

O ciclo “Pensarmos” regresa de maneira presencial. Faino o xoves 22 ás 18:00 horas da man de Iria Veiga para falar da construción das mentiras como patoloxía ou como forma de adaptación.

As participantes
Iria Veiga (Ferrol, 1981) é médica psiquiatra e divulgadora científica. Exerce no Hospital da Barbanza e pode seguirse nas redes a través do blog “O outro lado do Espello”. É unha colaboradora habitual de medios de comunicación e interveu en diversas iniciativas relacionadas coa lingua e a divulgación científica, como Escépticos no Pub, Pint of Science, Naukas Coruña, Concienciadas, LGx15, O galego a miña lingua propia e o podcast Burán. Actualmente mantén a canle de Twitch “Balea Vermella”, xunto a Javier Balea, na que realiza entrevistas e conversas sobre ciencia.

Este xoves sentarase nas cadeiras de pensar xunto con Carme Adán, coordinadora do ciclo, e con Luisa Martínez Lorenzo (Ceuta, 1970), doutora en Ciencias do Mar e responsable da Unidade de Cultura Científica do CSIC en Galicia. Martínez ten ampla experiencia no desenvolvemento de accións que achegan a ciencia á cidadanía, especialmente a públicos e espazos afastados do ámbito da investigación. Participou como relatora en numerosos cursos e na elaboración de recursos didácticos. Guionista da obra de teatro científico “Que traballo tan curioso!” e de varias curtametraxes, dende 2019 é directora da colección de divulgación científica “Lanterna de Aristóteles” (Editorial Galaxia). Forma parte da Asociación Galega de Comunicación da Cultura Científica e Tecnolóxica desde a súa fundación en 2011.

A contar mentiras
“Durante todo o 2021 imos dedicar o ciclo ‘Pensarmos’ a falar sobre un concepto tan filosófico como é o da verdade, pero nós enfocarémolo sobre o que hai no fondo, a ver como se constrúen as mentiras en distintos ámbitos” asegura a súa coordinadora, Carme Adán. A construción deses discursos falsos, a súa difusión e a permanencia en ámbitos tan dispares como o amor, a xustiza ou a ciencia é sobre o que falarán, a modo de diálogo, os diferentes participantes.

O ciclo contou coa presenza de Eulalia Pérez, que falou das mentiras na ciencia, e co escritor Luisgé Martín, que abordou as mentiras no amor e na literatura. No mes de maio está prevista a intervención da xuíza do Tribunal de Superior de Xustiza do País Vasco Garbiñe Biurrun. A escritora Brigitte Vasalo falará sobre a construción de alteridade, violencia e capitalismo no mes de xuño. Despois do verán o ciclo retomarase con Carlos Varela e o filósofo e escritor Juan Jacinto Muñoz.

Pensarmos
En xaneiro de 2019 a Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega puxo a andar o ciclo ”Pensarmos”, unha proposta de charlas, debates e intercambio de ideas co obxectivo de abordar os problemas da actualidade. Posverdade, fascismos dixitais, tecnopersoas, precarización da vida, perda de liberdades, humanismo dixital… son algunhas das temáticas que se trataron no marco deste foro, polo que pasaron máis dunha ducia de persoas como Javier Echevarría, José María Lasalle, Fernando Broncano ou Margarita Boladeras. Todas as intervencións están gravadas e pódense consultar desde o web institucional e a nosa canle de youtube.

Sección de Pensamento
Esta cita está organizada pola Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega, que coordina Carme Adán e que ten como membros a María Xosé Agra Romero, Damián Álvarez Villalaín, Jorge Álvarez Yágüez, Antón Baamonde, Ascensión Cambrón Infante, Juan J. Casares Long, Carlos Fernández Fernández ou África López Souto, entre outros. No marco da actividade desta Sección revisouse a figura de personaxes destacados no mundo do pensamento e a súa conexión con Galicia, como foron Heidegger, Albert Camus ou, máis recentemente, Karl Marx.