NOTICIA

----

O Consello da Cultura Galega e a Secretaría Xeral da Emigración asinan un acordo para visibilizar o fenómeno migratorio

Exposicións, difusión de actividades e traballos de catalogación de sociedade de emigrantes para incrementar a promoción, conservación e recuperación do patrimonio cultural galego. Este é o cometido do acordo asinado esta mañá pola presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, e o Secretario Xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda.

“Inventio Mundi, Galicia nas viaxes transoceánicas. Séculos XV-XVII”, “Luces de alén mar. As escolas de americanos en Galicia” e o “O soño cubano da emigración galega” son exposicións organizadas polo Consello da Cultura Galega que axudan a entender, contextualizar e coñecer a importancia que tivo a emigración galega. En virtude do acordo asinado esta mañá posibilítase e poténciase a itinerancia destas mostras. Ademais, este documento apoia os traballos de documentación e deseño para a vindeira exposición da institución que se centrará en visibilizar a presenza galega no Reino Unido.

Entre as accións que permite está a edición de novos números da colección editorial «Clásicos da emigración galega”, nada para rescatar en edición facsímil e comentada dunha ducia de títulos de diferentes xéneros que hoxe en día son difíciles de atopar en bibliotecas ou librarías e que, así, poden ser máis accesibles para o público investigador, mais tamén para calquera persoa interesada no tema. Reúne as distintas perspectivas que marcaron un dos fenómenos demográficos máis importantes dos últimos séculos en Galicia a través de obras que abranguen tanto ensaios como literatura de ficción ou biografías, entre outros xéneros, escritos entre principios do século XX e os anos 60, aproximadamente. Cada un dos volumes está prologado por un especialista contemporáneo na materia, como Ramón Villares, Raúl Soutelo ou Xosé M. Núñez Seixas, entre outros.

O acordo inclúe tamén o inventariado e dixitalización de documentación de sociedades de emigrantes galegos na Península Ibérica, así como os referentes aos procesos de emigración galega. Ademais, tamén facilita a organización de actividades de promoción da emigración galega.

Arquivo da Emigración Galega
O Arquivo da Emigración Galega é un centro que desenvolve proxectos de investigación que intentan aproximarse ao fenómeno migratorio desde os máis diversos enfoques, cun carácter netamente interdisciplinar. Entre as súas áreas de traballo está a difusión de estudos sobre o fenómeno migratorio, a través de publicacións de obras de interese cultural e científico. Está dirixido por Xosé Manoel Núñez Seixas e conta entre os seus membros con Antía Pérez, Xesús Fraga, Raúl Soutelo ou Luís Domínguez.