----

“Vivir no solo”, cómic do Consello da Cultura Galega, adaptado ao chinés e ao polaco

O 22 de abril é o Día Mundial da Terra, unha efeméride que se celebra desde 1970 para lembrar a responsabilidade de coidar e protexer o planeta tras observárense os primeiros indicios da degradación por mor da acción do home. Sobre a importancia de preservar este recurso non renovable fala a banda deseñada do Consello da Cultura Galega “Vivir no solo”, que acaba de ser traducida e adaptada ao chinés e ao polaco grazas ao Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia (IIAG) do CSIC. Ademais, un especial web visibiliza todas as edicións deste produto, que se presentou no ano 2000 e conta con máis de dez reedicións en sete idiomas.

“Vivir no solo” é moito máis que unha banda deseñada, é un proxecto de difusión científica de amplo percorrido con formato pensado para a os máis novos. O Consello da Cultura Galega editouno por primeira vez no ano 2000 e desde entón non pararon as reedicións, adaptacións e traducións. As máis recentes de todas elas son as traducións ao polaco e ao chinés, financiadas polo IIAG coa colaboración da Sociedade Polaca da Ciencia do Solo, a Unión Internacional da Ciencia do Solo, a Asociación Mundial da Conservación do Solo e da Auga e a Sociedade Chinesa do Solo e da Auga. Ambas as dúas foron presentadas na Xornada Internacional en liña que se celebrou co gallo do Día Mundial do Solo 2020.

Agora, o Consello da Cultura Galega xunta nun especial web todas as edicións, reedicións e unidades didácticas que se realizaron a partir deste produto, que tamén se poden atopar no web da Sociedade Española da Ciencia do Solo (SECS) e no da Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO) dentro dos materiais da campaña do Día Mundial do Solo 2020.

Un pequeno proxecto de gran percorrido
Presentouse en 20oo nun formato breve, de 14 páxinas, que contaba a historia de tres mozos que viven nunha vila, onde se dan diferentes problemáticas relacionadas co uso do solo. A idea partiu dun asesoramento científico a cargo María Teresa Barral Silva e Francisco Díaz-Fierros, ao que se lle sumou o labor dunha experta en didáctica da ciencia e escritora especializada en literatura infantil como é María Pilar Jiménez Aleixandre que foi a autora do guión. Fran Bueno foi o ilustrador deste proxecto que foi medrando co tempo e sumou novas traducións e adaptacións.
En 2015, co gallo do Ano Internacional do Solo, a Delegación da Sociedade Española da Ciencia do Solo en Galicia e o CSIC promoveron a súa adaptación e tradución ao castelán para difundila a nivel nacional, coa coordinación de Montserrat Díaz-Raviña. Daquela xurdiu a edición dixital e unha tiraxe de 10.000 exemplares impresos. Foi baixo o paraugas do proxecto Ciudad Ciencia, iniciativa do CSIC a través da súa Vicepresidencia Adxunta de Cultura Científica e da Fundación Española para a Ciencia e la Tecnoloxía. Os exemplares en formato papel distribuíronse nos centros educativos das localidades adscritas ao proxecto, arredor de 43, entre elas Cangas de Morrazo e Nigrán. Tamén se editou en galego coa colaboración do Concello de Santiago de Compostela. Nese ano complementouse con varias unidades didácticas do cómic para as súas edicións en galego, castelán e inglés en formato web. Na súa realización participaron Mara Noemí Rodríguez Fonteboa como guionista, María Teresa Barral Silva, Montserrat Díaz Raviña e Francisco Díaz-Fierros como responsables da documentación e asesoramento e Montserrat Díaz Raviña como coordinadora. Esta unidade consta de 28 páxinas diferenciadas en dúas partes: a primeira é a común a este tipo de materiais (contexto, obxectivos, contidos, método, criterios de avaliación) e a segunda está directamente relacionada con diferentes actividades que se poden realizar con el (lectura, conceptos básicos do solo, actividades de laboratorio e campo etc.) para facilitar o labor do profesorado na transmisión dos coñecementos incluídos no cómic.

Posteriormente, foi obxecto de diversas traducións e adaptacións: ao catalán, co financiamento do Centro de Estudos Cataláns e a Deputación de Lleida; ao inglés, con cargo á Universidade de Santiago de Compostela, e ao italiano ao abeiro da Sociedade Italiana da Ciencia do Solo, a Unión Internacional do Solo e o Parque de Nebrodi (Sicilia, Italia).

Os materiais foron empregados por diferentes institucións para as súas accións divulgativas. Desde o CSIC utilizouse nos grupos de investigación nos seus centros e institutos adscritos ás áreas de Ciencias Agrarias e Ciencias Naturais. Ademais, usouse durante a Década Internacional dos Solos 2015-2024 para aumentar a concienciación e comprensión sobre a importancia do solo para a saúde alimentaria e as funcións ecosistémicas esenciais para manter a vida no planeta. A edición en galego está presente en todas as bibliotecas dos centros educativos de Galicia incluídas no Plan de Bibliotecas Escolares. Dende o Parque de Nebrodi en Italia emprégase para conmemorar anualmente o 5 Día Mundial do Solo, de decembro, co concurso “Vivere nel suolo: Gionarta Mondiale del Suolo” sobre traballos baseados nos contidos do cómic. Estas obras de diferente índole mostran a súa relevancia como recurso didáctico e como manual de edafoloxía para os máis novos, dado que permiten dar a coñecer a importancia do solo como sistema vivo, sen o cal non é posible a vida no planeta Terra.

O CCG e os formatos divulgativos
“Vivir no solo” foi o primeiro título dunha serie de bandas deseñadas ideadas desde o Consello da Cultura Galega co obxectivo de incorporar a ciencia dentro da bagaxe cultural da cidadanía. No caso da poboación infantil, buscáronse os cómics como maneira directa e popular de chegar aos máis pequenos. A idea partiu dun asesoramento científico, ao que se lle sumou o labor dunha escritora especializada en literatura infantil e o dun recoñecido debuxante para darlle forma. Con estas premisas editáronse catro cómics: “O sabor das mazás”, “Parando a marea negra”, “De quen é a auga” e o que hoxe se actualiza, “Vivir no solo”.