NOTICIA

----

O ciclo do Consello da Cultura Galega “En modo conversa” analiza os obxectos cotiás

A vindeira cita do ciclo “En modo conversa”, formato de reflexión sobre arte e creación plástica, pon o foco nos obxectos cotiás. Chámase “Obxectos anónimos” e porá en diálogo a dous creadores con gran proxección internacional como Tomás Alonso e Miguel Leiro, baixo a moderación da deseñadora Uqui Permui. A cita, que foi gravada previamente, difundirase no web e nas redes sociais do Consello da Cultura Galega (CCG), o próximo martes 27 de abril.

No 1964, Bernard Rudofsky, comisario xefe do Departamento de Arquitectura do MoMA, inaugurou a famosa mostra “Architecture without Architects”, unha exposición que introduciu ao público xeral unha perspectiva ‘vernácula’ do contexto moderno. Os deseños mostrados descríbense como froito de centos de anos de desenvolvemento, demostrando así unha funcionalidade e materialidade puramente suxeitas a parámetros contextuais. Esta abstención absoluta aos conceptos de estilo e autoría permítenos contextualizar a nosa actualidade material, na que o tendencioso non sempre vai ligado á excelencia, por máis que se tente. Os deseñadores Tomás Alonso, Miguel Leiro e Uqui Permui, como moderadora, conversarán sobre o concepto de “obxectos anónimos”, que, como na exposición de Rudofsky, mostran trazos que perduran no tempo e na memoria. Procesos de artesanía, deseño e enxeñaría exemplificaranse nesta conversa para tratar de postular novas formas de desenvolver unha cultura material máis sostible.

En modo conversa
Esta xornada insírese nun formato de conversa e de diálogo que pretende establecer un espazo de reflexión sobre arte e a creación plástica a partir da participación de diferentes profesionais e creadores/as, con formulacións e puntos de vista similares ou posturas contrarias. A primeira das citas comezou en 2019 cun debate arredor da formación do mundo artístico. Despois abordaron novos territorios relacionados coa creación, a xestión, o coleccionismo, a dirección de museos e/ou fundacións, da filosofía, da docencia…, ofrecendo así unha visión panorámica sobre a situación das artes plásticas na Galicia do século XXI.

Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas
Esta proposta forma parte da liña de traballo de observación da realidade do sistema artístico actual que mantén a Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega. Coordinada por Manuel Quintana Martelo, ten entre os seus membros a Manuel Vilariño, Rosario Sarmiento, Asunta Rodríguez, Sofía Santos, Ramón Rozas, Miguel Fernández-Cid e Jesús Pastor. Esta Sección realizou diferentes informes, como por exemplo “Arte+mulleres. Creadoras galegas”, centrado na visibilización das artistas no eido das artes visuais en Galicia desde 1990 ata 2013 ou a plataforma web ATALAIA.