----

O Consello da Cultura Galega dedica mañá unha xornada á música mecánica

lgunhas culturas como a chinesa construíron autómatas que bailaban e producían sons, o que deu lugar á mecanización da música. A automatización levou a inventar cilindros codificados con pugas utilizados en órganos de salón, carillóns, caixas de música etc. A finais do século XIX, os avances científicos e técnicos desembocarían nunha revolución tecnolóxica que cambiou, e segue cambiando, o mundo. Sobre estes temas trata a xornada que o Consello da Cultura Galega, a través da Sección de Música, Artes Escénicas e Audiovisuais, realizará mañá, día 29 de abril. A cita, coordinada por Alejo Amoedo, será previamente gravada e os relatorios subiranse á rede ese día.

Esta xornada pretende difundir e achegarlle á cidadanía o mundo da música mecánica. Para iso, o seu coordinador, Alejo Amoedo, concibiu a cita en dous relatorios. No primeiro, o músico Germán Díaz realizará una incursión pola historia dos instrumentos de música mecánica a través de aparellos da súa propia colección, os cales fará soar e mostrará o seu funcionamento e curiosidades. Ademais, interpretará dúas cancións do seu método cardiofónico, e poderase escoitar a caixa de música e a rolmónica cromática.
No segundo relatorio, Jordi Roquer falaranos dun dos trebellos máis importantes e orixinais dos xurdidos a finais do século XIX, como foi a pianola, aparello que utilizaría os rolos de papel perforado; é un dos primeiros sistemas de difusión masiva de música. Na charla, Jordi afondará en dúas cuestións fundamentais: en primeiro lugar, a posibilidade de estudar as interpretacións de grandes pianistas a partir das súas gravacións para pianola e, en segundo lugar, os catálogos das principais editoriais estatais, dende os que podemos coñecer cuestións importantes como o consumo e a recepción musical. Para iso centrarase nun caso particularmente interesante como é o dos Preludios I e II de Frederic Mompou e na produción e edición de rolos de compositores galegos como José Baldomir, Pascual Veiga, Canuto Berea e Enrique Lens Viera.

Os participantes
Germán Díaz é un músico e filólogo nado en Valladolid e afincado en Arneiro (Cospeito), destaca como zanfonista e é considerado como un dos intérpretes deste instrumento máis innovadores de Europa. Ao longo da súa traxectoria tocou en numerosos países de todo o mundo. É un innovador pola súa fusión da música tradicional co jazz, xénero en que sobresaen as súas colaboracións co contrabaixista galego Baldo Martínez.
Pertenceu á orquestra de zanfonas Viellistic Orchestra e formou dúo xunto co director artístico desta, Pascal Lefeuvre, ademais de cofundar o Symphonía Quartet, cuarteto ibérico de zanfonas, xunto con Rafael Martín, Marc Egea e Pascal Lefeuvre.

Publicou numerosas obras como solista e colaborou en máis dun centenar de gravacións. Compuxo bandas sonoras orixinais para cine, teatro e televisión. No ano 2004 creou a súa propia discográfica, Producciones Efímeras, xunto con Fernando Fuentes, prestando especial atención aos traballos de zanfonistas como Marc Egea ou Matthias Loibner.

Entre os premios e recoñecementos destacan: Racimo de Oro da Música, polo labor de recompilación e difusión da música tradicional, no 1999; o seu álbum Música popular da Guerra Civil ‒dúo de zanfona e guitarra‒, en colaboración con Antonio Bravo, foi elixido segundo mellor álbum do ano 2009 por Cuadernos de Jazz e mellor álbum internacional pola veterana revista xaponesa Jazz Tokyo; Premio á mellor banda sonora no Festival de Curtametraxes La Fila, por Artículo 349, no 2009; Mellor artista 2014 nos XIV Premios Opinión, A Coruña; Premio Mestre Mateo 2018 á mellor música orixinal por Dhogs; e Premio á mellor banda sonora no Festival de Cans 2019 por Limbo. Posúe unha importante colección de instrumentos mecánicos.
Jordi Roquer González é músico e profesor do Departamento de Artes e Musicoloxía da Universitat Autònoma de Barcelona (UAB), onde imparte as materias Músicas e Culturas e Tecnoloxía Musical. Tamén é profesor de Grao de Medios Audiovisuais na Universitat Pompeu Fabra (TecnoCampus Mataró-Maresme), impartindo Creación Musical, Técnicas de Produción de Audio e Produción Musical. Como músico leva publicado máis de vinte traballos discográficos entre música pop, teatro musical e música para cine.

Dende o ano 2010 forma parte do grupo de investigación MUSC (Músicas nas Sociedades Contemporáneas, UAB) e máis recentemente do SSIT (Silencio, Son, Imaxe e Tecnoloxía, TC-UPF). A súa área de investigación móvese arredor das relacións entre música e tecnoloxía. Publicou varios artigos e capítulos de libros nos que aborda os ditos temas, centrándose sobre todo en como a tecnoloxía inflúe non só na creación musical, senón tamén na súa percepción e recepción social. Nos eidos dos formatos históricos, traballou especialmente a fondo o caso dos rolos de pianola, motivo da súa tese de doutoramento.
Nos últimos años dirixiu proxectos de dixitalización de arquivos sonoros para institucións como a Biblioteca Nacional de España, o Museo de Música de Barcelona, o Museo do Mediterráneo ou a Biblioteca Nacional de Catalunya.

A Fundación Cultural Latin Grammy outorgoulle unha bolsa para traballar cunha serie de pezas musicais situadas en rolos de pianola almacenados no Archivo Histórico de Ecuador, en Quito. Ao mesmo tempo, tamén recibiu unha subvención da Association for Recorded Sound Collections (ARSC) para apoiar a reprodución e gravación de rolos de pianola orixinais gravados a finais dos anos vinte por Frederic Mompou e Manuel Blancafort.

Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais
A Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais está coordinada por Dolores Vilavedra e conta entre os seus membros con personalidades recoñecidas do sector como son Eduardo Alonso, Natalia Balseiro, Alejo Amoedo, Ramón Pinheiro, Carlos Vizcaíno, Cristina Domínguez Dapena, Julio Gómez, Manolo González e Beli Martínez.