----

O Consello da Cultura Galega pon na rede a dixitalización do xornal anarquista “Cultura Obrera”

No día 1 de maio, Día Internacional dos Traballadores, o Consello da Cultura Galega (CCG) pon na rede 254 números de “Cultura Obrera”, nun dos xornais anarquistas máis influentes en castelán da costa leste de Estados Unidos. Foi fundado en 1911 en Nova York polo catalán Pedro Esteve e estaba dirixido aos traballadores de orixe hispana do sector do tabaco e aos dos portos e do transporte marítimo.

Este xornal foi fundado —e dirixido— polo anarquista catalán Pedro Esteve como voceiro da Unión de Fogueiros do Distrito do Atlántico e Golfo, de Nova York, e contaba co apoio manifesto da American Federation of Labor.

Nas súas páxinas sostiña os ideais anarquistas e a loita obreira contra o sistema capitalista e as situacións de abuso que sufrían os traballadores, principalmente os do sector tabaqueiro e os do transporte marítimo e dos portos americanos. No seu primeiro número defende os principios sindicalistas e declara estar a favor das tácticas radicais nas loitas obreiras, como un primeiro paso para a acción revolucionaria. Tiña unha clara función de propaganda e educación da clase obreira na súa loita contra unha sociedade opresora e inxusta.

Entre as noticias da actualidade que aparecen nas súas páxinas, por exemplo o anuncio de folgas ou reunións sindicais, analiza a realidade política e sindical americana pero tamén europea e mesmo española nas seccións "De Allende los Mares", "Desde Europa" ou "A través de las fronteras", segundo os anos ; conta con seccións fixas tales que "Ecos de Tampa", "Ecos de los Trabajadores del Mar", "Crónica Tabacalera", "La Revolución social en México" ou "Movimiento Obrero", entre outras. Ten, ademais, colaboracións e transcricións de discursos e obras de líderes revolucionarios como Ricardo Flores Magón, Piotr Kropotkin, Pi y Margall etc.

Tamén se poden ler artigos de opinión e denuncia de colaboradores habituais como Jaime Vidal (secretario de redacción), Dionisio Freijomil, José Franco, José Filgueira, Xan da Graña, J. Torrente, José V. Mata, Mogoya, Juan Uriarte, Francisco Mosteiro, Antonio Ucha Salorio, Adrián del Valle, Antonio Estévez, Juan Martínez etc. Numerosos textos aparecen asinados coas siglas do nome ou con alcumes; o máis coñecido é Lirio Rojo, que sabemos que era empregado por Pedro Esteve. Era unha maneira de evitar posibles represalias contra os partidarios do xornal e do sindicato.

Nos primeiros tempos contaba cunha páxina en inglés que estaba dedicada ás actividades da American Federation of Labor. En 1912, a partir do número 19, aparece como voceiro da Federación dos Obreiros do Transporte de América, con dúas páxinas en inglés; segundo o editorial, "para el bien de la organización obrera y en pro del internacionalismo. Para propagar nuestros ideales entre los obreros del país, hemos decidido publicar os páginas en inglés en vez de una (...). Es éste además, un medio de familiarizarnos con la lectura del idioma inglés que aquí tanto necesitamos (...)". Non obstante, esta alianza durou pouco tempo e xa en xuño de 1913 o xornal aparece publicado polo grupo Cultura Obrera e todo en español.

Tras a morte do seu fundador, en setembro de 1925, o periódico continúa dirixido por un grupo de partidarios, sen constar o nome do director ou editor. En 1927 a aparición irregular dos números parece explicar problemas de financiamento ou de xestión e en marzo dese ano edítase en Detroit, aínda que só conservamos seis números. No mes de marzo dese mesmo ano comeza a publicarse en Nova York o xornal Cultura Proletaria, que se considera a súa continuación.

Este xornal, xunto con outros periódicos anarquistas, foi localizado e dixitalizado no Internationaal Instituut voor Sociale Geschiedenis (Instituto Internacional de Historia Social) de Amsterdam, no marco dun proxecto sobre os obreiros anarquistas galegos no exterior, dirixido polo profesor Bieito Alonso, quen xa publicou diversas obras sobre o tema. A dixitalización está preservada no Arquivo da Emigración Galega.
L