O Consello da Cultura Galega recomenda incrementar o gasto en cultura e fomentar o apoio a autónomos e microempresas

“Achegas e propostas para a aplicación dos programas de estímulo no sector cultural” é o título do último Documento de Traballo realizado polo Observatorio da Cultura Galega, servizo dependente do Consello da Cultura Galega (CCG). Nel inclúese unha listaxe de recomendacións e pautas que fixan os obxectivos e prioridades para os programas de recuperación económica anunciados desde as diferentes administracións para conter o impacto derivado da crise sanitaria por mor da COVID 19. O informe lembra que o limiar mínimo do gasto cultural debe estar no 1% do gasto total liquidado, que se debería incrementar temporalmente grazas aos fondos inxectados para conter a pandemia, e recomenda incentivar a dixitalización, fomentar o investimento directo e investir en formación de capital humano.

O informe do Observatorio da Cultura Galega establece unha serie de recomendacións para ter en conta á hora de decidir o destino da maior partida orzamentaria da cultura da última década, coa intención de acadar unha maior optimización da inxección económica. A principal medida que establece é lembrar que “o limiar mínimo do gasto cultural debe ser o 1% do total do gasto total liquidado”. Propón que, de maneira temporal, se aumente o gasto en cultura sobre esa porcentaxe, dado que hai un incremento orzamentario puntual derivado dos fondos europeos aprobados para paliar os efectos da pandemia. Con todo, recomenda que pasado este período se marque o obxectivo de gasto para o futuro, lembrando que o limiar mínimo do 1% requirido está por debaixo das recomendacións europeas, que o fixan nun 2%.
Outra das liñas prioritarias que propón o CCG neste informe é promover accións directas, como as medidas de protección destinadas a artistas: bonos consumo; incrementar as adquisicións de entidades publicas de apoio a artistas e creadores; incentivar o mecenado, o investimento privado e o gasto en cultura de empresas e de individuos. Medidas que, segundo fixa o documento, “son un sistema rápido e comprensible para os beneficiarios e que permita sufragar gastos correntes básicos, como vivenda ou alimentación”.

Outro grupo de medidas está orientado a impulsar a dixitalización de cara a mellorar a eficiencia, a seguridade e o aforro de recursos. “A aceleración da dixitalización debe ter en conta actividades de formación, prever investimentos para o desenvolvemento de ferramentas de xestión, impulsar a relación electrónica con clientes e usuarios e especialmente o comercio electrónico entre as empresas que ofrezan bens e servizos susceptibles de ser comercializados”, asegura o informe, que recomenda tamén ter medidas de apoio para compensar as perdas que nun primeiro momento poida comportar a dixitalización, ao tempo que se incremente a produción dixital de contidos.

Respecto da dixitalización, o DT do Observatorio fai fincapé na formación e capacitación profesional. Propón dotar partidas orzamentarias para financiar bolsas, cursos de formación e outras iniciativas. A través de “estratexias colaborativas intrasectoriais e entre clústeres e con centros de investigación”, dentro ou fóra do ámbito cultural, “recoméndase fomentar a investigación, o desenvolvemento e a innovación na cultura”. Nese sentido o informe insiste en que a cultura forme parte do progreso científico-tecnolóxico de Galicia.

Creación de start ups, viveiros de empresas e novos proxectos poden ser iniciativas a retomar neste momento e o informe recomenda a súa vinculación co territorio. “As oportunidades de deslocalización, dixitalización e teletraballo que se están a presentar dende o inicio da pandemia deberían usarse como un acicate de investimento no rural, fixación de poboación e mellora do tecido económico das áreas despoboadas”, asegura.

Outra das recomendacións é a apertura de instrumentos ou vías de diálogo, como algún tipo de foro ou mesa específica, onde chegar a acordos cos diferentes colectivos culturais, empresariais e profesionais para aplicar os fondos; así como o deseño dun plan específico para as artes escénicas, a música en vivo, os espectáculos en xeral e a industria auxiliar.

Por último, o informe tamén lembra o inequívoco vinculo da cultura e o turismo: “é recomendable que a promoción e conservación do patrimonio, os espectáculos e a promoción exterior se integre na política turística da comunidade autónoma. Tamén se deben de buscar sinerxías cos programas de fomento do turismo, en especial a partir da preservación e posta en valor do patrimonio cultural”.

Análise da realidade cultural
O impacto da crise sanitaria no sector cultural galego é incontestable. O Observatorio da Cultura Galega realizou ao longo de 2020 unha serie de informes e análises que fundamentan as recomendacións recollidas no presente informe. Segundo a análise realizada polo Observatorio, un terzo das empresas perdeu máis da metade da facturación, o 13% das empresas acometeu algún tipo de despedimento e no caso das artes escénicas a situación foi máis dramática: o cesamento de actividade afecta ao 38% cando no resto dos sectores non pasa do 5,4%; o 22% das empresas están en ERTE, mentres que o resto non supera o 14%. Ademais, está analizado o impacto que a crise deixou no consumo de produtos culturais en Galicia, cunha falta de confianza de seguridade como motivo para non asistir a espectáculos culturais, ao tempo que se produciu un incremento da frecuencia lectora.

O impacto da crise sanitaria no sector cultural tivo unha contestación por parte das administracións, que reprogramaron as súas liñas orzamentarias para mitigar o impacto da caída. A UE fíxo tres programas de estímulo: o Next Generation EU que é o Plan de recuperación a curto prazo (2021-2022) para mitigar os efectos da pandemia; unha serie de medidas de urxencia adoptadas en marzo/abril 2020 máis un Marco Financeiro Plurianual, que se concreta no orzamento da UE. No caso do goberno de España, a partida conxunta para o sector artístico e o deporte dos Presupuestos Generales del Estado sobe un 3,7% respecto ao ano 2020, de 914 millóns de euros ata 948. A esta contía hai que engadir os 200 millóns procedentes dos fondos europeos, polo que a dotación total para 2021 ascende a 1.148 millóns, o que supón un aumento porcentual do 25,6%. Deste xeito, o sector conta coa maior partida orzamentaria da última década.