----

Entradas esgotadas para o Concerto das Letras Galegas

O Concerto das Letras Galegas, proposta musical que o Consello da Cultura Galega (CCG) celebra cada vindeiro día 16 de maio, ten as súas entradas esgotadas. A proposta fundirá este ano a experimentación musical de LauraLaMontagne e PicoAmperio coa poética de Xela Arias (1962-2003), figura á que se lle dedica nesta ocasión o Día das Letras Galegas. O concerto poderá seguirse en directo desde o web do CCG e da CRTVG, e no propio 17 de maio na segunda canle da TVG.

O Concerto das Letras Galegas é unha aposta consolidada do CCG para celebrar dunha maneira festiva o Día das Letras Galegas, e este ano pretende ser tamén unha homenaxe ás vangardas e aos novos creadores. A undécima edición do Concerto das Letras Galegas afastarase de rexistros anteriores para amoldarse ao universo plástico ideado por Xela Arias. Laura LaMontagne e PicoAmperio ofrecerán un concerto de ambiente hip hop, con DJ set no que haberá un gran protagonismo audiovisual a cargo do videocreador Borja Bernárdez, coa axuda do deseñador Raul Silva que executará as luces creadas especificamente para este concerto. O cartel do concerto é obra da deseñadora Uqui Permui. A apertura de portas terá lugar ás 19:00 horas, prégase antelación xa que, debido aos protocolos anticovid, o servizo de acomodación require tempo.
O programa
O repertorio habitual do grupo inclúe composicións propias, textos de poetas coma Luz Fandiño e revisións de clásicos coma as cantigas de amigo de Martin Codax, cantigas de Airas Nunes e mesmo de Alfonso X “O Sabio”. Cada ano, o Consello da Cultura Galega encarga unha composición que se estrea no día do Concerto das Letras Galegas. Nesta ocasión Laura LaMontagne e PicoAmperio presentarán un bloque central do concerto no que o seu universo se mestura co da poeta Xela Arias a modo de collage. “Denuncia do Equilibrio” e “Tigres coma Cabalos” son os poemarios dos que se nutre esta parte central que ofrecerá un efectista xogo de luces trasladando o universo simbólico de Xela Arias. O concerto rematará, como vén sendo habitual, co Himno de Galicia, que este ano se adapta á estética do concerto.
A undécima edición do Concerto das Letras Galegas vaise retransmitir en directo a través da rede no web do CCG e o da CRTVG e, ao día seguinte, no propio Día das Letras Galegas, a través da G2 dentro da programación especial que a cadea pública deseñou co gallo da festividade.

Os intérpretes e compositores
Laura LaMontagne comeza o seu proxecto con PicoAmperio (DJ e produtor) en xullo de 2019 entre Santiago de Compostela e Lugo. Viñan de experiencias moi dispares. Pedro participou do colectivo 'Hip Hop Ateneu' e dos grupos Pura Mestura, Furnier e Tempo Norte, mentres que Laura experimentou nos recitais de poesía de Compostela, en concertos en solitario e noutros proxectos previos dos que formou parte. Melodías suaves, bucles vocais, percusións marcadas e atmosferas rascadas son piares da súa particular expresión artística. Na súa proposta misturan música medieval galego-portuguesa, ambiente hip hop e poesía, poñendo especial atención nas obras de Martín Codax, Airas Nunes, Rosalía de Castro e Fernando Pessoa. Unha lista á que agora se suma a poeta Xela Arias, á que está dedicado este Día das Letras Galegas.

Concerto das Letras Galegas
É a primeira vez que o Concerto das Letras Galegas ten lugar en Vigo. Comezou en Santiago de Compostela nunha edición que recuperaba a figura de Lois Pereiro. Volveu a esta cidade en 2013 con Roberto Vidal Bolaño e en 2019 con Antonio Fraguas. Na cidade de Pontevedra celebráronse tres edicións, para lembrar a Valentín Paz Andrade, Filgueira Valverde e María Victoria Moreno. O concerto estivo en Lugo, no ano 2014 lembrando a Díaz Castro; na Coruña no ano 2016 honrando a Manuel María; e un ano despois foi a Ourense coa figura de Carlos Casares. Este ano tivo unha segunda edición en Santiago. A décima edición íase celebrar en Ferrol, pero a pandemia obrigou a mudar os plans iniciais e o concerto a cargo do Taller Atlántico Contemporáneo (TAC) emitiuse en directo en streaming desde o Auditorio de Santiago de Compostela.

O CCG no Día das Letras Galegas
O Consello da Cultura Galega celebra o Día das Letras Galegas cun programa de actividades que se estenden máis alá do 17 de maio e teñen a vontade de percorrer todo o ano. O pasado 4 de marzo, coincidindo co aniversario do nacemento da homenaxeada, presentouse un espazo web que achega información e recursos sobre Xela Arias. Outra das accións fixo confluír no Día da poesía os versos de Xela Arias cos das novas voces da poesía galega. Outro 4, desta volta en maio, presentouse a edición facsimilar de “¡Non te amola!”, con estudo introdutorio de Ana Luna, profesora da Universidade de Vigo e amiga persoal de Xela. A obra, que estará acompañada de ilustracións de Bea Gregores (Vigo, 1985), é unha obra narrativa na que a propia Xela ficciona a súa nenez. Ademais, o CCG prepara de aquí a final de ano outras accións encamiñadas a visibilizar o seu traballo como creadora e como tradutora.