----

Vigo acolle mañá o Concerto das Letras Galegas que ten as entradas esgotadas

O Pazo de Congresos Mar de Vigo acolle mañá domingo (20:00 horas) a undécima edición do Concerto das Letras Galegas, proposta musical que o Consello da Cultura Galega (CCG) celebra cada 16 de maio. O concerto chega coas súas entradas esgotadas e xuntará a experimentación musical de LauraLaMontagne e PicoAmperio coa obra poética de Xela Arias (1962-2003), figura á que se lle dedica nesta ocasión o Día das Letras Galegas. A apertura de portas do recinto terá lugar ás 19:00 horas. O concerto pode seguirse en directo desde o web do CCG e o da CRTVG, e no propio 17 de maio na segunda canle da TVG.

Na véspera do Día das Letras Galegas, o Consello da Cultura Galega volve convocar unha nova edición do seu tradicional concerto institucional. Nesta ocasión deseñou un concerto de ambiente hip hop a cargo de Laura LaMontagne e PicoAmperio. Ofrecerán o seu repertorio habitual, con composicións propias a partir de textos de poetas coma Luz Fandiño de revisións de clásicos coma as cantigas de amigo de Martin Codax, cantigas de Airas Nunes e mesmo de Alfonso X “O Sabio”. O núclo central do concerto é unha estrea absoluta que xirará arredor de dous dos poemarios da homenaxeada, “Denuncia do Equilibrio” e “Tigres coma Cabalos”, que Laura e Pico prepararon expresamente para a ocasión. O concerto rematará, como vén sendo habitual, co Himno de Galicia, que este ano se adaptará á estética do concerto.
A undécima edición do Concerto das Letras Galegas pódese seguir en directo a través da rede no web do CCG e o da CRTVG e, ao día seguinte, no propio Día das Letras Galegas, a través da G2 dentro da programación especial que a cadea pública deseñou co gallo da festividade.

Os intérpretes e compositores
Laura LaMontagne comeza o seu proxecto con PicoAmperio (DJ e produtor) en xullo de 2019 entre Santiago de Compostela e Lugo. Viñan de experiencias moi dispares. Pedro participou do colectivo 'Hip Hop Ateneu' e dos grupos Pura Mestura, Furnier e Tempo Norte, mentres que Laura experimentou nos recitais de poesía de Compostela, en concertos en solitario e noutros proxectos previos dos que formou parte. Melodías suaves, bucles vocais, percusións marcadas e atmosferas rascadas son piares da súa particular expresión artística. Na súa proposta misturan música medieval galego-portuguesa, ambiente hip hop e poesía, poñendo especial atención nas obras de Martín Codax, Airas Nunes, Rosalía de Castro e Fernando Pessoa. Unha lista á que agora se suma a poeta Xela Arias, á que está dedicado este Día das Letras Galegas.

Concerto das Letras Galegas
É a primeira vez que o Concerto das Letras Galegas ten lugar en Vigo. Comezou en Santiago de Compostela nunha edición que recuperaba a figura de Lois Pereiro. Volveu a esta cidade en 2013 con Roberto Vidal Bolaño e en 2019 con Antonio Fraguas. Na cidade de Pontevedra celebráronse tres edicións, para lembrar a Valentín Paz Andrade, Filgueira Valverde e María Victoria Moreno. O concerto estivo en Lugo, no ano 2014 lembrando a Díaz Castro; na Coruña no ano 2016 honrando a Manuel María; e un ano despois foi a Ourense coa figura de Carlos Casares. Este ano tivo unha segunda edición en Santiago. A décima edición íase celebrar en Ferrol, pero a pandemia obrigou a mudar os plans iniciais e o concerto a cargo do Taller Atlántico Contemporáneo (TAC) emitiuse en directo en streaming desde o Auditorio de Santiago de Compostela.