Unha xornada analiza o presente e o futuro do galego nas plataformas de comunicación

O auxe dos podcast, a explosión do streaming a través de Twitch, o foro moderno de Discord, a capacidade humorística dos memes... A lingua galega está presente en todas as plataformas de comunicación. Sobre a situación actual pero tamén dos retos de futuro falarán o martes 25 de maio (19:00 horas) algúns dos protagonistas desa comunidade galega que habita en Internet como son Esther Estévez, Agos Reigosa, John Amil e María Saborís. A cita titúlase “Novas plataformas de comunicación. O galego vive nas Redes” está coordinada polo xornalista Carlos Pereira, e poderá seguirse en directo desde a web e as redes sociais do Consello da Cultura Galega (CCG).

O galego atopou na Rede un espazo onde medrar e establecerse. As novas plataformas e redes sociais non son alleas á nosa lingua, que viviu unha expansión constante nos últimos dos anos ao contar con ducias de creadores de contido en YouTube, Tik-Tok, Twitch ou Twitter. A mensaxe é clara: o galego é unha lingua con autonomía, cun público de seu e unha comunidade que pide e quere máis. Pero como usamos o galego nas Redes? Que novos retos ten por diante nas novas plataformas? Que barreiras atopa? Que liberdades encontrou? Sobre todo isto debaterase nunha xornada en liña organizada pola Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do Consello da Galega. Nela participan catro das figuras máis destacadas da comunidade galega na rede: Esther Estévez, xornalista que está a realizar un notable traballo divulgativo no espazo da CRTVG titulado “Dígocho Eu” e unha grande orixinalidade no uso do Tik-Tok; Agos Reigosa, un dos veteranos das redes galegas e agora detrás de Twitch en Galego, plataforma que busca a agrupación e asociación dos creadores de contido do país neste servizo; María Sabarís, xornalista na diáspora que acaba de estrear “Fóra de mapa”, un podcast que busca dar a coñecer as minorías menos visibles que existen en Europa; e tamén Jon Amil, unha das caras máis visibles do chamado Galituiter e xestor da conta Emgalego, un dos últimos fenómenos para a expansión e divulgación do reintegracionismo e a resolución de dúbidas sobre a lingua galega.

Modera a mesa Carlos Pereiro, xornalista e director da revista Morcego, amais de membro da Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do Consello de Cultura Galega.

Outras noticias que che poden interesar: