NOTICIA

----

A xuíza Garbiñe Biurrum analizará a verdade na xustiza no marco do ciclo “Pensarmos

“A verdade xudicial: necesariamente lonxe da verdadeira verdade? Mentira aceptable?” é o título da intervención que a xuíza e presidenta da Sala do Penal do Tribunal Superior de Xustiza do País Vasco, Garbiñe Biurrum, ofrecerá no ciclo “Pensarmos”, organizado pola Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega (CCG) e que este ano se centra no concepto de verdade. A súa intervención será gravada e emitida no web do CCG o vindeiro martes 25 de maio. Dous días despois, o xoves 27, pola mesma canle emitirase o debate en directo (18:00horas) entre a propia Biurrum; a coordinadora do ciclo, Carme Adán, e a avogada Celia Pereira.

A cita deste mes de maio do ciclo “Pensarmos” convida a reflexionar sobre a verdade e a construción dos discursos no ámbito xudicial. Para facelo estará presente Garbiñe Biurrum. É profesora de Dereito do Traballo e da Seguridade Social desta universidade, xuíza e presidenta da Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza do País Vasco. Ademais, é membro da asociación Xuíces para a Democracia. Escribiu numerosos artigos en diversas materias xurídicas, notablemente en materia de igualdade, violencia de xénero, conflito vasco, paz... Membro do equipo da UPV/EHU de tradución ao éuscaro da Constitución española e codirectora da tradución da Lei de procedemento laboral. Alén da súa faceta profesional é tamén moi coñecida por participar en espazos de opinión na prensa escrita, radio e televisión.

O vindeiro xoves debaterá en directo, a través da rede, coa coordinadora do ciclo Carme Adán, e coa avogada laboralitas Celia Pereira Porto.

A contar mentiras
O ciclo ‘Pensarmos’ dedica este ano 2021 a falar sobre un concepto tan filosófico como é o da verdade, pero enfocado ao que hai no fondo, a saber como se constrúen as mentiras en distintos ámbitos. A construción deses discursos falsos, a súa difusión e a permanencia en ámbitos tan dispares como o amor, a xustiza ou a ciencia é sobre o que falarán, a modo de diálogo, os diferentes participantes.
O ciclo contou coa presenza de Eulalia Pérez, que falou das mentiras na ciencia, e co escritor Luisgé Martín, que abordou as mentiras no amor e na literatura.

Pensarmos
En xaneiro de 2019 a Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega puxo a andar o ciclo ”Pensarmos”, unha proposta de charlas, debates e intercambio de ideas co obxectivo de abordar os problemas da actualidade. Posverdade, fascismos dixitais, tecnopersoas, precarización da vida, perda de liberdades, humanismo dixital… son algunhas das temáticas que se trataron no marco deste foro, polo que pasaron máis dunha ducia de persoas como Javier Echevarría, José María Lasalle, Fernando Broncano ou Margarita Boladeras. Todas as intervencións están gravadas e pódense consultar desde o web institucional e a nosa canle de youtube.

Sección de Pensamento
Este ciclo está organizado pola Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega, que coordina Carme Adán e que ten como membros a María Xosé Agra Romero, Damián Álvarez Villalaín, Jorge Álvarez Yágüez, Antón Baamonde, Ascensión Cambrón Infante, Juan J. Casares Long, Carlos Fernández Fernández ou África López Souto, entre outros. No marco da actividade desta Sección revisouse a figura de personaxes destacados no mundo do pensamento e a súa conexión con Galicia, como foron Heidegger, Albert Camus ou, máis recentemente, Karl Marx.